Saltar navegación

Actividades

Tizas de cores. Escrito "Escola aberta"
Pixabay . Escola (CC0)

Antes de escoller actividades deste apartado, convén mirar as actividades preliminares que veñen no apartado anterior de "Dinámica de aula". Logo, en función do perfil da clase, as súas preferencias e necesidades, podemos desenvolver algunha destas actividades ou todas elas. É moi posible que isto nos leve a realizar de novo escoitas parciais ou completas do conto, como xa indicamos no apartado anterior sobre dinámica de aula.

Recomendamos documentar en vídeo e/ou audio as actividades para que logo teñas máis material para a actividade final.

Teatriño

A aprendizaxe en movemento é interesante porque nos permite variar o estilo de aprendizaxe e de paso, propor unha actividade de corte lúdico e creativo.

Repartimos os papeis en colaboración co alumnado. O resto fará de público. Hai máis contos! Non hai por que discutir se todos  e todas queren participar. Tampouco nos preocupa que o resultado sexa perfecto. Practicamos simplemente unha forma de aprendizaxe en movemento. Preparamos as escenas. Podemos preparar tamén algún complemento a modo de atrezzo, en particular, podemos confeccionar sinxelas caretas cos animais do contoLanzamos o audio e, axudados por indicacións do/da ensinante, comeza o xogo.

Neste conto interesa practicar ben as fórmulas de cortesía, que se traballarán explicitamente mediante situacións cotiás teatralizadas: en que contextos debo usalas? Con que persoas? Sei usar os tempos verbais (en terceira persoa) correctamente no tratamento de cortesía? Por que é importante a cortesía? Esta actividade pode realizarse tamén coas fichas descargables cos seguintes personaxes:

Neno
Pixabay. Neno (CC0)
Mensaxeira
Pixabay. Mensaxeira (CC0)
Carpinteiro
Pixabay. Carpinteiro (CC0)




Podes recortar as figuras e pegalas a un cartón cun pequeno pau detrás para manexalas mellor como se fosen marionetas. A dinámica é a seguinte: dous alumnos ou alumnas representan unha situación comunicativa que lles dá a/o ensinante para a cal terán que adaptar as fórmulas de cortesía: a  idade dos personaxes, se os coñecen ou non, etc. Por exemplo: non é o mesmo se saúdan a unha parella de veciños anciáns ou se estes son os seus avós. Convén tamén xa ir introducindo que existen diferencias culturais dun país a outro, dunha cultura a outra. Se se presenta a ocasión durante a actividade, tamén podemos aproveitar para comentar as profesións de xeito non sexista: hai profesións femininas ou masculinas? 

Xoven rapaz
Pixabay. Rapaz (CC0)
Nena
Pixabay. Nena (CC0)              
Muller policía
Pixabay. Policía (CC0)

Enfermeira
Pixabay. Enfermeira (CC0)
Parella de vellos
Pixabay. Vellos (CC0)

É importante descargar ao alumnado da ansia dun resultado correcto. O importante é que participen con interese e se divirtan. Isto axudará a que comprendan o comportamento dos personaxes.

Finalmente, podemos propor ao público que reflexione de novo (agora que viron as accións e non so as escoitaron) sobre os aspectos máis relevantes do conto.

 Non esquezas gravalo en vídeo!

Bailamos e cantamos

No apartado "Poesía e música" está o pentagrama e máis un audio que te pode axudar a que aprendan a canción de A pedra Cricriticrí.

Inspirados pola escenificación da actividade anterior, podemos inventar en colaboración co noso alumnado unha sinxela e descritiva coreografía para a canción mentras a van cantando.

Grava todo para a actividade final.

Meniña con auriculares
Pixabay. Música (CC0)

Segunda escoita. Reflexionamos.

Podemos recurrir ao audioconto, que iremos parando segundo queiramos tratar certos temas, ou o/a ensinante pode lelo ao ritmo da clase. Se é posible, podemos convidar a un familiar (avó ou avoa, por exemplo) a que veña lerlles o conto. Deste xeito terán outro modelo oral. Ben podería ser un alumno ou alumna de cursos superiores quen realice esta segunda lectura, involucrando á escola na unidade didáctica.

Nesta segunda e nas sucesivas escoitas, se as houber, xa se pretende que o alumnado participe na narración repetindo as pasaxes suxeridas (ver as notas no exemplar do conto para ensinantes) e que aprendan a cantar a canción. 

No que se refire ao contido 6: a empatía e a colaboración como medio de resolver problemas, traballaremos coa clase mediante a reflexión en voz alta, como xa se dixo, pero tamén é un método de traballo en si mesmo. Aconsello propor dinámicas grupais nas que a colaboración sexa o medio para chegar ao obxectivo. Comentaremos coa clase: como colaboran os animais do conto para solucionar o problema da falta de auga? Solucionou o problema un animal só ou todos xuntos? Preténdese transmitir a idea de que entre todas e todos podemos atopar solucións para situacións pouco comúns. Tamén se quere transmitir que coa creatividade poden atopar solucións imaxinativas para problemas novos ou insólitos. E que hai que ter valor para explorar as ideas e hai que escoitar as dos demais.

En canto ao contido 7: as nosas emocións, pensaremos se a pedra era antipática, ou se estaba enfadada ou triste. Podemos preguntar: cales eran realmente os sentimentos da pedra? Cres que será feliz na poza cos seus novos amigos? E é que ás veces as persoas senten unha emoción que parece outra diferente, e temos que poñernos no lugar da outra persoa (empatía) para intentar entender o seu punto de vista. É moi importante saber etiquetar correctamente as propias emocións aínda que sexa cun léxico sinxelo debido á curta idade do alumnado. Saber diferenciar a decepción da tristeza, ou da preocupación. E aprender a xestionar esas emocións negativas. No fondo do menú, en "Descargas" atoparás un ficheiro adxunto con cariñas de ra que expresan diferentes emocións e que poden converterse en caretas para escenificar situacións nas que senten esas emocións. Ademais, no conto "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar" hai un xogo para recoñecer estas expresións faciais (información non verbal).

Por se resulta útil, aquí podes ver uns vídeos interesantes: o primeiro, sobre ioga infantil; o segundo presenta unha idea para aprender a darse masaxe uns nenos a outros cunha canción descritiva moi divertida. Esta ben podería ser unha actividade para convidar aos pais e nais a facela. E por último, un vídeo sobre o medo visto por un neno. Será a ou o ensinante quen teña que valorar a necesidade e conveniencia de abordar estes delicados temas, como as emocións negativas, na clase e canto profundar.

Pero proporcionar algunha ferramenta para que o alumnado se sinta mellor e máis seguro, é algo sempre positivo. Cada vez hai máis escolas nas que se practica a meditación, a respiración, o ioga ou o Qi Gong (Chi Kung) ou Taichi. Estas experiencias deben ser breves e divertidas, sen unha meta clara máis que experimentar sensacións e relaxarse. Non é preciso que todos os nenos e nenas verbalicen despois o que sentiron. Que se sintan libres de facelo ou non.

Aprendendo coas mans

En todos os contos de "Contiños para despertar versos" hai unha gran actividade final para convidar ás familias a formar parte da nosa clase e que coñezan o traballo de fillos e fillas. Neste caso, a actividade final iremos facéndoa pouco a pouco, completando e enriquecendo o noso río e o noso dolmen segundo imos aprendendo máis sobre eles. Sobre un fondo de papel continuo, faremos un deseño sinxelo dun río, unha fervenza, unhas árbores; e nun ladiño, un dolmen. No noso mural pegaremos cachiños de velcro porque o alumnado irá colocando no mural os animais, os seres extraordinarios, etc. Así como as palabras, o nome das cousas estudadas. Para iso, deberemos darlle corpo aos debuxos que vaian facendo ou ás fotos que se vaian recortando, pegándoas en cartonciños ou cartolinas. Detrás dos cartóns, poremos o velcro de xeito que eles poidan colocar os paxaros e os outros animais e seres no mural. Mesmo poden cambialos de sitio se o desexan. 

Por antiecolóxico, mellor non usar papel de prata. Podemos facer un gran río con la azul. Será moi divertido encher de vida ese río e o dolmen. Dependendo do interese e da idade do alumnado, dedicaremos máis ou menos tempo a pescudar o que se suxire na actividade seguinte.

Entre moitas posibles ideas, neste vídeo vemos como facer sinxelos peixes con materiais reciclados.

                                                

Investigamos 

Interrogante de herba
Pixabay. Interrogante (CC0)

Neste conto hai dous núcleos claros de contido: o ecolóxico, sobre os ríos. E o da cultura megalítica galega. Sendo tan pequenos, non se trata de profundar moito. Máis ben de achegalos e despertar neles a paixón e o respecto polos ríos e o amor pola propia cultura. 

Axudados de materiais complementarios como mapas, fotos e páxinas web de asociacións que estudan e defenden os ríos de Galicia e doutros lugares, iniciamos ao alumnado na busca de información referida aos ríos, regatos e pozas da contorna e do resto de Galicia. Que podemos observar nestes medios? Que animais viven neles? Como debemos comportarnos? Algúns destes contidos serán retomados nos xogos interactivos. Conviría coñecelos para ter en conta o que deben saber, antes de iniciar a investigación.

Se premes na foto, poderás acceder a unha páxina chea de informacións interesantes sobre os ríos galegos que te axudarán a preparar as túas actividades coa clase e posibles saídas escolares. Secundino Lorenzo, un compañeiro ensinante, dedicou moitas horas e esforzo á súa paixón: os ríos de Galicia, que podemos coñecer mellor grazas á súa páxina web.

Basura, unha máquina de escribir tirada no prado
Pixabay. Basura (CC0
Un regato con árbores
Pixabay. Río (CC0

                      
Man nunha árbore simbolizando a ecoloxía
Pixabay. Ecoloxía (CC0)

    

As fotos poden levarte coas súas ligazóns a páxinas  interesantes. A primeira ligazón está relacionada cun dos xogos ("Excursión ao río") no que teñen que debater que cousas son importantes para levar nunha saída escolar ou un paseo polo río e o monte. Pero tamén falaremos de que comportamentos son aceptables e cales non. Unha actividade que podemos facer é saír preto da escola e observar (e recoller) o lixo no medio natural. A segunda ligazón lévanos á asociación ecoloxista galega ADEGA. E a terceira, ao "Proxecto ríos", iniciativa de defensa do medio natural. Probablemente atoparás nestas ligazóns interesantes informacións para as actividades na clase ou nas saídas ao río e para despertar a conciencia ecoloxista no teu alumnado para que defenda e protexa o hábitat galego e mundial.

No que se refire aos dolmens e á nosa prehistoria, poden aprender os nomes das partes que compoñen un dolmen e colocalas no mural da clase. Saber o que é unha mámoa e un dolmen, o que é un menhir, e saber localizar os principais dolmens en Galicia (ver o xogo relacionado no que se colocan no mapa o dolmen de Axeitos, de Dombate, Chan da Arquiña, Abuime e o da Casiña da Moura). E introduciremos a clase nos petróglifos. Especialmente, se hai algúns preto da escola que se poidan visitar.

Algunhas ligazóns que poden axudar a visualizar estas marabillas: no primeiro vídeo vemos o dolmen de Pedra Moura a vista aérea. O segundo fala dos petróglifos, e o terceiro, do dolmen de Axeitos.

No apartado "Descargas" está o mapa de Galicia orixinal que se empregou no xogo.

Lendas e seres extraordinarios

Pediremos a colaboración das familias para esta actividade a través dos nenos e nenas: pedirán aos seus familiares e amistades que lembren algunha lenda da zona ou algunha lenda galega en xeral. Poden ser lugares máxicos onde hai escondidos tesouros dos mouros, ou ben que coñezan algunha lenda de fadas, meigas, etc. Todas as culturas contan con lendas deste tipo, pero por influencia dos medios de comunicación, estamos máis familiarizados con lendas das películas americanas, que coas da nosa propia cultura. En algúns casos, teñen puntos en común, pero noutros non. Ou ben a imaxe mental que se fan da figura mitolóxica galega é errónea porque a asocian a outras semellantes das películas de debuxos animados, que coñecen mellor. É pois, un traballo de recuperación da memoria o que propomos e de identidade cultural.

Propomos para ter material audiovisual para a actividade final, gravar aos nenos ou aos seus familiares en vídeo (ou audio) contando as lendas. Neste vídeo aparece a lenda da Moura. Pero o da clase non ten por que ser tan elaborado. Pode ser simplemente a persoa contando a lenda. Ou se escenifican algunha delas, faríase un vídeo disto. Veremos no apartado seguinte como integralo na actividade final.



Actividade final

Debuxo dun dolmen
                                     Pixabay. Dolmen (CC0)

Xa máis arriba se mencionou que neste conto iremos preparando a actividade final dende o primeiro momento, con ese mural do río e o dolmen. Iremos incorporando materiais novos de maneira que ao final, xa case non haberá máis que integralos nun único espazo e convidar as familias a visitar a nosa exposición multimedial.

Temos o mural co río e a súa fauna, o dolmen, as lendas galegas...Como integrar as partes audiovisuais? Se temos un proxector ou ben unha TV que poidamos empregar ao lado do mural, farémolo. Se isto non é posible, recorreremos aos códigos Qr.

Aquí tes un enlace a un xerador de códigos Qr. 

Unha idea bonita é entregar ás familias un convite "megalítico", feito polo alumnado, en forma de dolmen.

Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio ou vídeo neste mural). Primeiro debemos aloxar eses arquivos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada vídeo seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do nome do vídeo ou unha imaxe identificativa do mesmo. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os Qr e asignalos mal.

Un código Qr vale para incluir información que doutro xeito sería excesivamente extensa ou, como neste caso, que é complicada de mostrar (como os audio ou vídeo neste mural). Primeiro debemos aloxar eses arquivos de xeito virtual. Por exemplo, creando unha carpeta google drive, podo subir a ela os audio ou vídeo. E logo xerar un código Qr individual para cada vídeo seguindo as instrucións do enlace "Xerador de códigos Qr". Unha vez que está feito isto, imprimo en papel o código que pegarei ao lado do nome do vídeo ou unha imaxe identificativa do mesmo. O público pode acceder á información mediante un lector Qr no seu teléfono (hoxe é unha app de moi frecuente uso e mesmo hai teléfonos que captan os Qr directamente enfocándoos coa cámara sen necesidade de descargar unha app.). Recomendo que fagas isto indo de un en un para evitar mesturar involuntariamente os Qr e asignalos mal.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0