Saltar navegación

Dinámica de aula

Mestra con nenos e nenas da man
Pixabay. Mestra (CC0)

Comezamos

Propomos realizar varias lecturas/escoitas do conto. En cada escoita ou lectura podemos ir variando as actividades, aprendendo o novo léxico e profundando nos significados do conto. Deste xeito poden acceder a máis niveis de comprensión e aprender as  palabras importantes.

Intentemos manter presente a intención de divertir e entreter que teñen o audioconto e a canción. O cal non impide que traballemos diferentes aspectos da nosa programación mediante estas unidades didácticas que espero che resulten amenas e útiles. A que segue é a dinámica recomendada.

Antes da escoita

Actividade preparatoria para a primeira lectura/escoita

Sempre, antes de realizar unha primeira escoita, deberá haber unha actividade preparatoria.

Coñecer o léxico novo, formar unha imaxe mental dos animais que protagonizan o conto, pode axudar enormemente á comprensión do mesmo e a empatizar cos personaxes. Asegurémonos de que coñecen todas as palabras, que traballarán posteriormente mediante os xogos desta unidade.

Paisaxe de poza con fervenza
Pixabay. Fervenza (CC0)

Neste caso, imos comezar por comprender e introducirnos no mundo das pozas e ríos. Xa se tratan tamén noutro conto deste proxecto "Contiños para despertar versos", no de "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar".  Por iso, se pensamos traballar tamén este outro conto, estaría ben mirar que animais se coñecen en cada relato. En "A pedra Cricriticrí" poderemos aproximarnos tamén á cultura megalítica galega e aos seres máxicos ligados moitos deles ás pedras e ás augas.

Busquemos información sobre posibles lugares que visitar co alumnado: ríos, pozas, dolmens...

Nas actividades hai algunhas ligazóns para obter información.



Primeiras escoitas

Dúas lontras
Pixabay. Lontras (CC0)

Escoitamos de corrido o audioconto sen detelo para dar explicacións. Haberá ocasión para iso despois ou ben durante unha segunda escoita se o consideramos necesario. Esta pode darse no mesmo día pero é mellor realizala un día distinto. Podemos comezar esta segunda escoita tentando lembrar algúns aspectos do conto: que lembras do que sucedeu? Que problema había na poza? Quen a axudou a solucionalo? Que animais falaron coa pedra? E ela, que lles respondeu? Isto é o que chamamos unha actividade de escoita recapituladora e é útil tamén para exercitar a memoria.

As dúas lontras poden levarte a unha páxina moi interesante e completa que tamén aparece no conto "A ra Pipa e o picapeixe que a ensinou a cazar". É a páxina do profesor Secundino Lorenzo, un namorado dos ríos galegos.

Posta en común

Variña de mago con estrelas
Pixabay. Maxia (CC0)

O obxectivo desta conversa coa clase é ver canto comprenderon do conto, que ensinanza extraen del, que emocións lles provocan. Aproveitamos para observar ata que punto son capaces de respectar as normas da conversa que lles propomos. Se vemos que lles é complicado, recurriremos ao pau máxico da fala ou ben ao gorro falador. Só quen o ten, pode falar. E non vale agarralo con mans e pés!

Deixamos que o alumnado comparta as súas sensacións e ideas en voz alta, axudando así á comprensión daqueles nenos ou nenas que puideron distraerse en algún punto e perder parte do contido. 

Deixa que o pau máxico te leve a ti e ao teu alumnado a un vídeo no que podes ver as lontras, un dos animais que deben coñecer para realizar un dos xogos interactivos.



Tan importante é que toda a clase participe en algún momento, como evitar os posibles "monólogos" do alumnado máis participativo.

Este método chámase  REFLEXIÓN EN VOZ ALTA. É un recurso moi potente para explicitar microhabilidades co resto da clase de xeito que os demais as aprendan ou perfeccionen.

Project-Id-Version: eXeLearning 2.6Report-Msgid-Bugs-To: POT-Creation-Date: 2021-05-04 18:24+0200PO-Revision-Date: 2021-04-25 19:19+0200Last-Translator: Pablo Nimo Liboreiro Language: glLanguage-Team: eXeLearning.net Plural-Forms: nplurals=2; plural=(n != 1)MIME-Version: 1.0Content-Type: text/plain; charset=utf-8Content-Transfer-Encoding: 8bitGenerated-By: Babel 2.4.0