GraphicMama-team. Altoparlante hombre (CC BY)
Un elemento moi empregado na linguaxe das matemáticas é o volume. Dada a súa importancia ten unha formula matemática propia (que aínda que non nos fai falta podedes curiosear aquí), pero o certo é que a pesar de chamarse igual, o volume do que falamos ten pouco que ver co concepto de volume que empregamos na música. Nas matemáticas o volume fai referencia ao tamaño que ten un corpo, e polo tanto ó lugar que ocupa no espazo. Canto máis volume... pois máis tamaño! Sen embargo na linguaxe musical o volume expresa a potencia sonora, é dicir, a intensidade coa que se emite un son. Como vedes, son cousas distintas, non si? Ata aquí temos todo claro coma a auga, pero agora xurdirán as primeiras dúbidas ao mesturar o volume das matemáticas (o tamaño) e o volume da música.
RESOLVEMOS O PROBLEMA
Imaxinade que queremos montar unha gran festa con moitos convidados... que é o que non podemos esquecer? Pois claro, a música! Pero para pór a bailar a tanta xente precisamos un equipo de son potente, que sexa capaz de reproducir cancións a todo volume.
Que tamaño pensades que terá este aparello... será pequeno ou grande?
RESPOSTA
Pois si, estabades no certo. A resposta correcta é XIGANTESCO! A razón é porque para producir un son potente precisamos tamén unha onda sonora moi grande, e a única maneira de conseguilo é a través dunha forte vibración. Un aparello pequeno non terá capacidade para xerar unha vibración forte. Ademais, polas características do sons, para reproducir sons graves tamén precisamos elementos de gran tamaño, xa que as ondas sonoras que o forman teñen máis amplitude. Polo tanto non poderemos reproducir música cuns graves potentes nun altofalante pequeno. Agora entendedes porque os grupos de música nos concertos colocan esas caixas negras xigantes xusto diante do escenario, verdade? Chámanse as caixas de graves, e como o seu nome indica son para potenciar os sons ubicados neste rexistro.
CONCLUSIÓN
Polo xeral, os instrumentos musicais de gran tamaño orixinan sons graves, polo que clasificarémolos como instrumentos de rexistro grave. Ademais, este tipo de instrumentos teñen unha potencia sonora maior, e polo tanto poden acadar unha intensidade de volume máis elevada. Un exemplo gráfico moi interesante prodúcese dentro dunha mesma familia, onde vemos que o tamaño do instrumento diminúe a medida que o seu rexistro se vai facendo máis agudo.
Gleison10 (Pixabay). Familia de cuerdas (CC BY)
Unha vez coñecida a teoría imos realizar unha clasificación dos instrumentos en función do seu rexistro, é dicir, se son instrumentos graves ou agudos. Nun primeiro momento farémolo soamente en relación co seu tamaño, sen escoitar como soan. Soamente unha das opcións é a correcta, e ao comprobar a pregunta podemos escoitar o audio de cada instrumento e saír de dúbidas!
Recordade: canto máis grande sexa o instrumento terá un rexistro máis grave, e polo contrario canto máis pequeno pois será máis agudo.