DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
A presente unidade didáctica, a número sete do proxecto "Mesma música; distinto son", deseñouse coa intención de reforzar a simbiose entre dúas disciplinas relacionadas de forma directa: as matemáticas como ciencia exacta e a música como disciplina artística. Relacionaranse conceptos pertencentes ós dous ámbitos de coñecemento pero que interactúan notablemente como o tamaño e rexistro dos instrumentos (altura como calidade do son), os materiais e a sonoridade (timbre como calidade do son) e a importancia das ondas sonoras. Desta maneira realizaremos unha viaxe guiada polas diferentes familias de instrumentos e a súa clasificación organolóxica, coñeceremos instrumentos ata agora descoñecidos como os tubos sonoros, e deterémonos a facer práctica musical conxunta coa canción "Durmido está o león" antes de construír o noso propio instrumento.
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
- Comprender a relación entre as matemáticas e a música de forma interdisciplinar, a través de conceptos que interactúan como o tamaño, a forma e o rexistro dos instrumentos, ademais do tipo de material de fabricación e a súa influencia no timbre como calidade do son.
- Clasificar diferentes instrumentos en función do seu rexistro en instrumentos agudos ou graves (altura como calidade do son).
- Realizar unha aclaración conceptual entre o volume (relativo ao tamaño dos obxectos) e o volume (como potencia sonora); aproximación á relación entre estas dúas variábeis.
- Coñecer os tubos sonoros (boomwhackers) como instrumento de percusión de altura determinada, incluír a súa presenza na orquestra escolar Orff e profundizar sobre a súa forma de produción sonora relacionando a súa lonxitude co seu rexistro.
- Empregar a técnica dos sonocolores (S. Aschero) para establecer unha relación entre os tubos sonoros e as notas da escala musical convencional empregando pictogramas.
- Agrupar os principais intrumentos musicais en familias en función da súa produción sonora e clasificar os diferentes membros de cada familia dependendo do seu rexistro.
- Realizar práctica musical conxunta empregando a orquestra escolar Orff coa obra "Durmido está o león"; orixinal "Mbube" (Salomon Linda- 1939).
- Interpretar unha partitura mediante a lectura directa da linguaxe musical, asumindo unha distribución de roles efectiva dentro do conxunto orquestral.
- Construír un cotidiáfono, o kazoo, empregando materiais de refugallo e coñecer o seu funcionamento e historia.
METODOLOXÍA
Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe, e adaptarse a cada realidade educativa. Nesta unidade (detallada en cada caso a súa localización ao final) podemos destacar as seguintes contribucións de autor:
- Cotidiáfono - Varios autores: Jos Wuytak (1935 - ), C. Orff (1895-1982), E. Willems (1890-1978), M. Schafer (1933-2021). // "Arts and Crafts" (Cotidiáfono)
- Sonocolores- S. Aschero (1945 - ). // "Pictograma tubos sonoros" (O rei da selva)
- Orquestra escolar Orff- (C. Orff (1895-1982) // "Durmido está o león" (O rei da selva)
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, coñecementos previos do alumnado...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións). De forma concreta en tódalas actividades que potencian o uso da linguaxe en relación coa música; a interpretación de cancións ou o coñecemento dun vocabulario técnico axeitado para referirse a conceptos relacionados co contido desta unidade.
- Aprende a aprender (CAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula dende unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. Desta maneira, a confección de instrumentos propios (cotidiáfonos) e as cancións que compoñen a parte práctica da unidade poden ser realizadas polo alumnado en contextos diversos como propostas lúdicas do tempo de lecer, favorecendo ó aprendizaxe significativo.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de traballo en equipo durante a práctica musical conxunta, e as actividades que implican relación entre iguais como os espazos de debate ou as dinámicas interactivas.
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC): presente na inclusión no repertorio traballado de obras de orixe diverso, necesarias para acompañar as actividades. Tamén reforzada mediante a ampliación do coñecemento relativo a contidos da unidade (familias de instrumentos, relación entre as matemáticas e a música, contextualización sobre as cancións traballadas, e aproximación á historia e funcionamento de instrumentos como o kazoo ou os tubos sonoros)
- Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar nesta unidade detállanse a continuación:
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Nesta epígrafe englobamos as actividades como a práctica musical conxunta (Orquestra escolar Orff- "Durmido está o león"), a elaboración de instrumentos con materiais de refugallo (Cotidiáfono), espazos de debate ou foros (Boomwhackers) e propostas interactivas para levar a práctica dentro da aula (Quen anda aí?). Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabías que?"
RECURSOS MATERIAIS
A continuación detállanse os materiais que precisaremos para completar as diferentes tarefas propostas dentro esta unidade didáctica.
Orquestra escolar Orff- Práctica musical conxunta da partitura "Durmido está o león"
- Frauta doce
- Tubos sonoros (ou xilófono contralto no seu defecto)
- Xilófono baixo
- Axóuxeres
- Maracas
- Temple blocks (ou caixa chinesa)
Cotidiáfono- Elaboración dun kazoo empregando materiais de refugallo "Arts and Crafts"
- Tubo de cartón (preferiblemente longo, do estilo de papel de cociña)
- Cinta adhesiva fina
- Papeis ou cartulinas de cores
- Tesoiras
- Perforadora
- Pegamento (o ideal é o pegamento de barra)
- Lápis e pinturas de cores
- Cordel (opcional)
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.