Saltar navegación

Cotidiáfono

Arts and crafts!

Duración:
00:30
Agrupamento:
Ilimitado
Kazoo
Clker-Free-Vector-Images. Juguete de viento (CC BY)

Para rematar esta unidade didáctica, centrarémonos na construción do noso propio instrumento empregando materiais de refugallo. Tedes aquí abaixo a listaxe con todos os obxectos que precisamos para facelo realidade!

LISTAXE DE MATERIAIS

Para construír o noso kazoo, necesitaremos os seguintes materiais:

  • Tubo de cartón (preferiblemente longo, do estilo de papel de cociña)
  • Cinta adhesiva fina
  • Papeis ou cartulinas de cores
  • Tesoiras
  • Perforadora
  • Pegamento (o ideal é o pegamento de barra)
  • Lápis e pinturas de cores
  • Cordel (opcional)

Unha vez teñamos todo preparado, seguiremos as seguintes indicacións para realizalo dunha forma sinxela e non trabucarnos!

INDICACIÓNS

PASO 1

Recortamos e decoramos o papel

O primeiro que imos facer é comprobar que o tamaño do papel sexa o axeitado. Para conseguilo, enrolaremos o tubo de cartón de maneira que quede completamente cuberto, e faremos unha pequena marca de referencia no papel para saber a cantidade que sobra. Cortaremos a parte sobrante, de forma que o papel se axuste ao cartón o máximo posíbel.

KAZOO 1Iván Suárez. Kazoo- Paso 1 (CC BY)

Unha vez recortado, deberemos colorear o papel co deseño que máis nos guste. Esta parte é completamente libre así que deixade voar a vosa imaxinación!

PASO 2

Colocamos a tapa

Coa cinta adhesiva, cubriremos un extremo do cartón, de maneira que o oco quede completamente pechado. É importante empregar soamente unha capa, xa que a cinta vibrará ao pasar o aire, e se é demasiado grosa non poderá facelo. Se o ancho da cinta non é suficiente para tapar todo o burato, podemos solpar dúas tiras adhesivas pegando unha esquina de cada unha na franxa central. Podemos reforzar as unións da cinta coas paredes do tubo de cartón sen problema, dándolle un par de voltas máis ó arredor (segunda imaxe). 

KAZOOIván Suárez. Kazoo- Paso 2A (CC BY)

Kazoo
Iván Suárez. Kazoo- Paso 2B (CC BY)

PASO 3

Pegamos o papel

Empregando pegamento (o máis axeitado é o de barra), cubriremos o tubo de cartón co papel pintado de forma que ocupe toda a súa superficie. Pestade especial atención nas unións para que non se despegue con facilidade. Para que quede máis resistente, pódese reforzar cunhas voltas de cinta adhesiva transparente pola parte exterior.

KAZOO
Iván Suárez. Kazoo- Paso 3 (CC BY)

PASO 4

Últimos retoques

Para finalizar, faremos dúas pequenas modificacións para que o noso kazoo funcione á perfección.

  • Realizaremos dous pequenos buratos coa axuda dunha perforadora (ou a punta das tesoiras) na parte do tubo contraria á tapa.
  • Pasaremos o cordel polos buratos, facendo un nó para poder colgar o instrumento do pescozo.
    Kazoo
    Iván Suárez. Kazoo- Paso 4 (CC BY)

E... listo! Xa temos o noso instrumento preparado para tocar. Picade no apartado "SABÍAS QUE?" para aprender algunhas cousiñas importantes sobre a a súa historia e funcionamento.

Que está a soar?

Duración:
00:15
Agrupamento:
Ilimitado
Raposo tocando a frauta
Lesyaskripak (Freepik). Zorro dibujado a mano tocando la flauta con pájaro (CC BY)

Para rematar esta unidade imos por en práctica todo o aprendido sobre o noso novo instrumento musical, o kazoo. Primeiro dedicaremos un pouquiño de tempo a explicar o seu funcionamento e como debemos facer para sacarlle o máximo partido pasando un bo momento. Non vos perdades as seguintes indicacións sobre como tocalo!

Como tocar o noso kazoo

Tocar este pequeno instrumento é moi sinxelo, xa que non temos que preocuparnos polas notas musicais, a dixitación das teclas ou a posición das mans... o único que temos que facer é cantar. Así é, e para conseguilo seguiremos estas indicacións:

  1. Collemos o noso kazoo cunha man, e achegamos o extremo que non ten a tapa de cinta adhesiva preto da nosa boca.
  2. O que imos facer agora é cantar dentro do tubo, de maneira que colocando a nosa boca no burato que está baleiro pecharemos ben toda a contorna para que non poida saír o aire (para iso xa temos os dous buraquiños que fixeramos coa perforadora).
  3. Darédesvos conta que ao cantar a voz non soa igual... verdade? É normal, e acontece porque a membrana da que falabamos distorsiona o son ao vibrar, de forma que semella un efecto musical ben curioso! 

Quentando motores

Antes de comezar coa actividade de adiviñar as cancións, imos practicar unha serie de exercicios de entonación para coller algo de soltura co instrumento ao tempo que traballamos a voz. A dinámica da tarefa é a seguinte: escoitaremos varias melodías de dificultade progresiva, e tentaremos reproducir as mesmas melodías empregando o kazoo e a nosa voz.  Para facelo non cantaremos o nome das notas (xa que as descoñecemos e ademais non podemos vocalizar co instrumento na boca), senón que cantaruxaremos a melodía coa sílaba "la". A continuación podedes botarlle un ollo ao vídeo de demostración no que se amosa como debemos afrontar o exercicio. 

Vídeo demostración da actividade
Iván Suárez. Vídeo demostración da actividade "cantaruxamos" (CC BY)

Deseguido atoparedes as diferentes melodías para imitar empregando os vosos instrumentos. Soamente deberedes reproducir os arquivos de audio e... a cantaruxar

AUDIO 1
AUDIO 2
AUDIO 3
AUDIO 4

Unha vez coñecida a dinámica do kazoo e o seu funcionamento, realizaremos a actividade de adiviñar que é o que está a soar. Para conseguilo, cada un de nós deberá pensar no retrouso dunha canción que sexa coñecida por todos/as pero non dirá o seu nome, de forma que os resto de integrantes do grupo descoñecerán de que canción se trata. Respetando as quendas, tentaremos cantaruxar a melodía desa canción empregando o kazoo para que poidan adiviñar de que canción se trata.

Velaquí un pequeno exemplo que de seguro coñeceredes! Picade despois no despregable para ollar a resposta.

ADIVIÑA A CANCIÓN

RESPOSTA 

E a canción é... "Despacito", de Luis Fonsi.