Saltar navegación

Xilófono de cristal

Creamos o noso propio instrumento

Duración:
00:30
Agrupamento:
Ilimitado
Vasos de cores
Non identificado (Piqsels). Vasos de chupito de colores surtidos (Dominio público)

Agora que xa coñecemos de antemán o que é unha harmónica de cristal, imos construír un instrumento semellante: un xilófono de cristal!

Para levalo a cabo precisaremos os seguintes materiais:

  • Seis copas ou vasos de cristal, canto máis fino sexa o vidro mellor!
  • Colorante, pintura acrílica ou témpera de diversas cores (vermello / laranxa / amarelo / verde / azul / lila).
  • Auga e culler para remexer.

Deseguido atoparedes todas as indicacións necesaria para construír o xilófono de cristal. Imos aló!

PASO 1

Afinamos os vasos

De seguro semella unha tolería afinar un simple vaso non si? O certo é que dependendo da cantidade de auga que teña no interior, cambiará por completo o son que produce. Podedes facer unha pequena proba comparando dous vasos de auga, un case baleiro e outro cheo para notar a diferenza.

Pois ben, o que trataremos de facer neste primeiro chanzo é imitar o son das notas da escala musical calculando a cantidade de auga que precisamos botarlle a cada vaso para que se aproxime o máis posíbel. Empregaremos seis das notas da escala: DO - RE - MI - FA - SOL e LA.

A continuación podedes reproducir o son de cada nota, comezando pola máis grave (o DO), e tentando calcular a cantidade de auga que debemos botar en cada caso. Unha pista! Canta menos auga leve o vaso o son será máis grave, e pola contra a medida que o vamos enchendo de auga o son farase máis agudo. Desta maneira segundo avanzamos nas notas da escala os vasos irán quedando cada vez máis baleiros.

NOTA DO
NOTA RE
NOTA MI
NOTA FA
NOTA SOL
NOTA LA



PASO 2

Dámoslle un pouco de cor

Unha vez teñamos os vasos afinados, é momento de empregar o colorante para poder distinguilos e que queden ben bonitos! Cada unha das notas terá a súa propia cor, de maneira que seguiremos o seguinte esquema.

CÓDIGO DE CORES NOTAS
Iván Suárez. Código dos vasos de cores (CC BY)

PASO 3

Mollamos os dedos!

Agora que xa temos o noso instrumento agardando, imos a descubrir como podemos sacarlle partido!

Tocar o xilófono de cristal supón algo de paciencia, xa que probablemente as notas tarden un pouquiño en saír... pero é cuestión de insistir!

O primeiro que deberemos facer é mollar os dedos cos que imos a tocar, que serán o índice ou o corazón (escollede o que máis vos guste). Podemos empregar a auga do propio vaso para facelo sen problema.

O seguinte paso é empregar a xema do dedo para acariciar o borde do vaso en movementos circulares. Facédeo con tino, xa que o importante é notar a vibración que se produce e que pouco a pouco irá crecendo ata formar o son.

Unha vez o teñades dominado podedes probar a facer fermosas e misteriosas melodías empregando toda a colección de vasos!