Como sabedes, cando un arquitecto deseña unha casa é moi importante elaborar e seguir uns planos para evitar que cando se comece a construír non teña perigo de que se poida derrubar. E pensaredes vós... e isto que ten que ver coa música? Pois aínda que non o pareza, garda unha estreita relación coa maneira na que os compositores deciden crear as súas obras, xa que todas elas se compoñen tendo en conta unha estrutura, que en moitas ocasións chega a condicionar ata o nome da propia peza! Deste xeito, obras musicais clásicas como unha sonata, unha fuga ou un minueto teñen predefinida unha forma determinada, que serán os piares sobre os que despois se asentará a construción musical.
A forma músical máis empregada o longo da historia é realmente simple. Componse soamente de dúas partes:
Estrofa: é a sección que varía, xeralmente modificando a súa letra no suposto de que a obra sexa interpretada con voz.
Retrouso: esta é a parte central, que se repite exactamente igual.
Xeralmente ámbalas dúas partes vanse alternando, en ocasións con pequenas variacións para evitar a monotonía, introducindo solos de instrumentos ou pequenos cambios.
Interpretamos os planos
Duración:
00:15
Agrupamento:
Ilimitado
Agora escoitaremos uha peza clásica que de seguro ides a coñecer. O seu título é Aquarium, e é un dos catorce movementos que compoñen a obra "Le Carnaval des animaux" ("O entroido dos animais") de Camille Saint-Saëns. Como o seu nome indica, a música foi composta para ambientar a vida no fondo do mar, de maneira que crea unha atmosfera misteriosa e descoñecida.
A idea é recoñecer as diferentes partes que forman a peza, e para facelo deberemos identificar a música de cada sección e coñecer o número de veces que se repite e en que orde. Unha axuda... recoméndovos ter preto de vós un papel onde poidades ir apuntando as diferentes partes segundo se van sucedendo para non esquecelas! Podedes optar por facer símbolos, empregar letras ou números para relacionar con cada unha delas. Iso queda a vosa elección!
Podedes reproducir o arquivo de audio tantas veces como consideredes, e unha vez que teñades clara a estructura da peza podedes comprobala picando no despregable "COMPROBAR".
Moita concentración... e a por todas!
Camille Saint-Saëns . Carnival of the Animals Aquarium(Dominio público)
COMPROBAR
ESTRUTURA DA PEZA
Empregaremos diferentes letras para referirnos a cada unha das partes que compoñen este fragmento.
A obra está composta por dúas seccións, que recibirán o nome de "Tema A" e "Tema B".
TEMA A - As notas de longa duración que tocan os instrumentos de corda xunto cos arpexios das delicadas notas do teclado transpórtanos á inmensidade do mar e das súas augas tranquilas e misteriosas.
TEMA B- Unha fermosa melodía é interpretada cada vez nun rexistro máis grave, de maneira que semella que nos mergullamos pouco a pouco no fondo do mar.
Tendo en conta o número de veces que se repiten ámbalas dúas seccións musicais e a súa orde, orixinan o seguinte esquema formal:
"A-B-A-B-A-B"
MUSICOGRAMA
MUSICOGRAMA
Existen moitas formas de elaborar un plano! Algunhas delas especialmente artísticas como son os MUSICOGRAMAS. Trátase de pequenas ilustracións que creamos para representar a estrutura dunha canción dunha maneira visual e atractiva. No seguinte vídeo, podedes atopar unha fermosa creación elaborada sobre esta mesma obra "Aquarium", que de seguro nos vos vai a deixar indiferentes!
O instrumento tan misterioso que soa ao comezo da peza chámase "harmónica de cristal", e foi inventado por Bejamin Franklin (si, o inventor do coñecido pararraios) no ano 1762. Contan que a idea xurdiu despois de que asistira a un concerto en Inglaterra no que interpretaban unha peza empregando copas de viño! E isto... é posíbel?
Resulta que a harmónica de cristal é unha evolución desas copas de viño, nas que o intérprete mollaba os dedos para acariciar o borde e producir o son mediante as vibracións. O seu funcionamento é moi similar, xa que está composta por varios pratos de cristal de distintos tamaños que van dando voltas arredor do eixo todos a un tempo, como se fora automático! Debido o seu son misterioso, chegou a ser prohibido nalgúns lugares porque se consideraba satánico.
Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras... velaquí podedes ollar este maravilloso instrumento musical en pleno rendemento!