DESCRICIÓN DA UNIDADE
INTRODUCIÓN
A presente unidade didáctica, a número cinco do proxecto "Mesma música; distinto son", está deseñada coa finalidade de potenciar o recoñecemento do noso propio corpo como instrumento, a través dunha metodoloxía de aprendizaxe lúdica que permita ao alumnado afianzar conceptos relacionados coa estrutura musical (musicograma), a linguaxe musical e as súas figuras (ritmograma), xunto coa aproximación dun repertorio de obras de estilos e culturas diversas. Neste senso, proporase para o baile unha danza popular coñecida como "Danza dos Sete Saltos" (Dinamarca). No plano organolóxico, afondaremos no coñecemento de intrumentos como a "harmónica de cristal" (interpretada na obra "Le carnaval des animaux" de Camille Saint-Saëns), que tomaremos como punto de partida para construír o noso propio cotidiáfono: o "xilófono de cristal".
OBXECTIVOS DIDÁCTICOS
- Recoñecer a importancia do noso propio corpo como instrumento musical e descubrir todo o seu potencial.
- Afondar no coñecemento da estrutura musical e identificar as seccións que compoñen unha obra de estrutura binaria reexpositiva (A-B).
- Iniciarse na elaboración de musicogramas como técnica non convencional para representar o esquema formal na audición dunha peza musical.
- Construír un cotidiáfono (obxectos sonoros) empregando material de uso cotiá.
- Practicar esquemas rítmicos sinxelos por imitación empregando a percusión corporal nun esquema de pregunta - resposta.
- Ampliar o repertorio de música clásica coñecido: "Le carnaval des animaux" de Camille Saint-Saëns.
- Practicar o baile dirixido a través de música de orixe popular como a"Danza dos Sete Saltos" (Dinamarca).
- Reforzar o uso da linguaxe musical e o coñecemento das figuras e os seus valores.
- Participar de maneira activa na audición e realización de actividades que impliquen movemento corporal, tanto a nivel individual como en grupo.
METODOLOXÍA
Aplicarase unha metodoloxía de autor específica por ámbitos, de forma que se recollen métodos didácticos pertencentes a correntes pedagóxicas distintas implementadas en función das necesidades específicas do proxecto. Estas aportacións metodolóxicas citadas son deseñadas e modificadas no eido de atribuirlle un compoñente lúdico de aprendizaxe, e adaptarse a cada realidade educativa. Nesta unidade (detallada en cada caso a súa localización ao final) podemos destacar as seguintes contribucións de autor:
- Construcción dun cotidiáfono (obxectos sonoros)- M. Schafer (1933- 2021). // "Xilófono de cristal"
- Metodoloxía Danzas do Mundo- C. Orff (1895-1982). // "Danza dos Sete Saltos"
- Eurritmia- Jaques Dalcroze (1865- 1950). // "Percusión Corporal" (vídeo interactivo)
- Musicograma (Audición Musical Activa)- Jos Wuytak (1935 - ). // "Musicograma" (Danza dos sete saltos) e " L'aquari" (Camille Saint-Saëns).
- Ritmograma- Violeta Hemsy de Gainza (1929 -). // "Repasamos o aprendido"
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, coñecementos previos do alumnado...)
COMPETENCIAS CLAVE
- Comunicación lingüística (CCL): estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións). De forma concreta en tódalas actividades que potencian o uso da linguaxe en relación coa música; como a interpretación de ritmogramas baseados na prosodia rítmica.
- Aprende a aprender (CAA): mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos. Un exemplo claro neste senso sería a construcción do "xilófono de cristal" empregando materias propios da vida cotiá.
- Competencias sociais e cívicas (CSC): derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas, o traballo cooperativo e a aceptación e distribución dos roles de traballo en equipo durante a práctica musical conxunta, e as actividades que implican movemento e danza.
- Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE): amósase tanto na práctica musical individual como colectiva, a través dunha predisposición por parte do alumnado para realizar as actividades. A improvisación (vocal ou corporal) é un recurso especialmente salientábel neste epígrafe.
- Conciencia e expresións culturais (CCEC): presente na inclusión no repertorio traballado de obras de orixe diverso, popular e académico, a contextualización histórica de cada unha delas xunto coa súa instrumentación (harmónica de cristal).
- Competencia dixital (CD): adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades plantexadas nesta unidade.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Actividades de selección múltiple (varias das opcións propostas como resposta poden ser correctas)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
- Preguntas de verdadeiro ou falso
- Vídeos interactivos (precisan dunha resposta activa do alumnado para regular o avance polas diferentes secuencias)
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "Sabías que?"
RECURSOS MATERIAIS
Para levar a cabo esta unidade didáctica precisaremos os seguintes materais:
- Folios e material de debuxo (lapis ou ceras de cores).
- Vasos, copas e colorante ou témperas.
- Unha pizarra dixital interactiva (PDI) ou equipo informático con programas de debuxo libre (no caso de afrontar as tarefas de maneira dixital).
- Cadeira con pala ou pupitre.
LICENZAS
Nesta epígrafe adxúntase o documento "Banco de recursos", no que se detallan todos os aspectos relativos á propiedade intelectual e atribución dos materiais empregados para deseñar esta unidade didáctica, xunto cos enderezos para poder consultar os repositorios web onde se atopan aloxados.