Pensa por ti

Obradoiro

Traballamos nesta parte algunhas das habilidades precisas para expoñer oralmente, o que supón a base do vídeo en proxecto.

Actividade

As respostas

Achegade unha mensaxe de resposta ficticia, tendo en conta o contexto, a todas as discriminatorias que recompilastes na actividade de procura. Serán respostas adecuadas (revisade abaixo as recomendacións) e incluirán tamén unha proposta para sensibilizar (por exemplo -e son iniciativas reais-: organizar viaxes a Auschwitz para siareiros xenófobos de clubs de fútbol, dar a coñecer música antirracista e de diferentes culturas, etc.).
É necesario pensar antes como podemos incidir positivamente na persoa que discrimina, de que xeito evitar que se entenda como unha cuestión persoal, como podería reaccionar o autor ao noso escrito e se este afectaría a alguén máis.

Actividade

Vídeos para expoñer

Convén comparar agora diferentes tipos de vídeo moi presentes nas redes para centrar as características do que pretendemos elaborar. Ligamos aquí un vídeo didáctico, un videotitorial e dous de manifestación (expositivo-argumentativos) de "youtubers”, mais achegamos tamén a transcrición no apartado de apoios.

- Formación dunha nube, de Xacobo de Toro. Vídeo didáctico
- Videotitorial Como subtitular un vídeo en Youtube, de Vídeos en galego
- A liberdade para os delincuentes?, de Nuria Espasandín
- O do Blablacar, de Iago Varela

Analizamos en cada un deles:

Obxectivos (o que se pretende conseguir co vídeo)

Tipo textual dominante (expositivo, instrutivo ou argumentativo)

Estrutura (partes que se observas: introdución con saúdo e/ou adianto do tema...)

Recursos de apoio que se utilizan (imaxes de fondo, capturas, etc.)

Expresións repetidas que se localizan (preguntas retóricas, marcadores espaciais...)

Grao de formalidade, rexistro lingüístico e ton

Proximidade co receptor e fórmulas para dirixirse a el


Apoios

Transcrición dos vídeos e tipos textuais

Contido dos vídeos.
Tipo expositivo.
Tipo instrutivo.
Tipo argumentativo.


Actividade

Procedementos explicativos

Nos xéneros textuais con dominio do tipo expositivo son necesarios procedementos que axuden a entender a realidade presentada. Os principais son:
- Clasificación: ordénase a información; con fórmulas como por un lado, por outro, a) + b) + c)...)
- Definición: descríbense trazos; con expresións como refírese a, denomínase...
- Exemplificación: ofrécense exemplos; con por exemplo, como...
- Reformulación: dise con outras palabras; a partir de é dicir, isto é...
- Preguntas e respostas que as contestan.
- Aposicións explicativas, oracións de relativo ou parénteses aclaratorias.

a) Indicade a que corresponden as marcas do seguinte texto: definición, exemplificación, clasificación.

Por primeira vez na historia, en maio de 1840 entraron en circulación en Inglaterra as estampas ou selos postais. Desde ese momento, toda persoa que quixese enviar unha carta debía pegar no sobre unha estampa que tiña un determinado valor; dese xeito pagaba o servizo que lle prestaban ao levar a súa mensaxe a mans do destinatario. Axiña empezarían a circular en serie en case todos os países do mundo e, ao tempo, comezaba a desenvolverse a filatelia, nome que se dá á afección de coñecer e coleccionar selos.
Coñécense varios sistemas para coleccionar selos, pero os principais e máis sinxelos son dous: por países e mais por temas.
1. A colección por países pode realizarse elixindo un país determinado ou varios.
2. A colección por temas consiste en xuntar o maior número de selos provenientes de distintos lugares sobre un tema determinado; como: personalidades, bandeiras, barcos, edificios, escudos, paxaros, flores, etc.
É preciso indicar que o coleccionista terá que contar cun álbum e que debe realizar con extremo coidado o traballo de extracción do selo, lavado, secado, clasificación e pegado.

b) Localizade nos dous primeiros vídeos algúns destes procedementos explicativos e achegade outros equivalentes.

c) Inseride unha exemplificación ou unha reformulación nun treito dun deses dous vídeos.


Actividade

Textos cohesionados

Nas exposicións orais, ademais dos mecanismos de repetición de palabras e os de substitución (sinónimos, formas equivalentes...), soen ser fundamentais na organización do texto os marcadores textuais.
a) Coa axuda desta listaxe, identificade e clasificade os marcadores do vídeo Como subtitular un vídeo en Youtube.
b) Continuade un parágrafo do texto dese vídeo iniciando a nova oración cun marcador de reforzo e logo engadide un parágrafo ao final cun marcador recapitulativo.


Actividade

Recursos de composición do vídeo

Centrádevos no tipo de vídeo máis próximo ao que pretendedes realizar vós e analizade os recursos que se empregan na súa composición. Estes estarán en conexión coas partes observadas (saúdo introdutorio, formulación do tema ou obxectivo, serie de datos, conclusión...), pero refírense aos modos de gravación e edición do vídeo: cambio de enfoque, cortes, fusións, modificación do fondo, engadido de lendas ou elementos superpostos, etc. Localizade os principais recursos, identificándoos e anotando ao lado a súa finalidade (para que se insiren).


Actividade

Fonética e fonoloxía

Valorade a fonética das seguintes locucións, que non teñen por que ter deficiencias necesariamente, mais se as teñen indicade como melloralas. Manexade, para iso, estas claves da fonoloxía.





Anterior

Con sentido.


Seguinte

Temos a palabra.