Manexamos información sobre prexuízos lingüísticos, con especial atención á fonética, e elaboramos o noso relato da aprendizaxe.
Escollede un dos exemplos recompilados por vós e, coa axuda da seguinte presentación, elaborade:
1. Un titular informativo (sen sequera elementos valorativos) sobre o tema tratado na mensaxe.
2. Unha nota de opinión sen discriminación ningunha sobre o asunto ou feito desa mesma mensaxe.
Vemos primeiro o seguinte vídeo e realizamos logo as actividades que o seguen.
a) Distinguide entre opción e prexuízo.
- Mariña cambia para o castelán no seu grupo de amigas, pois ningunha fala galego.
- Sonia escolle francés e non portugués porque considera máis útiles as linguas máis faladas.
- Andrés, que non ten moitos coñecementos de galego, cobre o impreso do seu IES redactando en castelán.
- Carme, galegofalante no ámbito familiar, opta por falar castelán no despacho da directora, profesora de Xeografía.
b) Organizade estes prexuízos por tipos, de acordo co vídeo.
- As linguas con maior número de falantes están máis desenvolvidas e son mellores.
- O rendemento escolar de inmigrantes en zonas con linguas cooficiais é baixo pola imposición das linguas minoritarias.
- Falar galego ao primeiro coas persoas descoñecidas é unha desconsideración.
- Nas reunións de veciños só ela fala sempre en galego. É nacionalista fixo.
- Non me sexas do monte, fala ben!
c) Achegade datos e argumentos que poidan enfrontar estes prexuízos e discriminacións.
- A lingua galega non pode estar presente por lei nas materias científico-tecnolóxicas.
- O galego non serve para todos os temas e ámbitos porque carece de léxico moderno.
- Tras o furacán Katrina en Estados Unidos, moitas solicitudes de axuda realizadas por latinos -en inglés con acento sudamericano- non obtiveron servizo ningún.
- O galego non ten proxección internacional ningunha.
- Unha persoa tivo que agardar dous anos máis para se operar polo simple feito de pedir o impreso en galego.
- Xesús da Torre Martín, que fala sete idiomas, tivo que renunciar a un posto de traballo nun hotel de Vigo porque o director lle puxo como condición que non se dirixise aos compañeiros en galego.
Explicade as claves da composición da infografía seguinte sobre a percepción dos acentos das linguas. Que sentido ten a afirmación final?
Por último, poñede por escrito as vosas conclusións persoais sobre os estereotipos, os prexuízos e as expresións discriminatorias.
E indicade tamén individualmente:
* Conseguiches implicarte plenamente no labor? Por que?
* Que che custou máis entender sobre este tema?
* Que actividade foi máis interesante e útil? Por que?
* Que cambios no coñecemento destas cuestións experimentaches ao longo destas sesións de traballo?
* Cal cres que é a mellor maneira de traballar estes contidos?
* Para que che pode servir a aprendizaxe realizada?
* Como podes mellorar o teu traballo de aquí en adiante nesta secuencia?