Pensa por ti

Situámonos

Toca agora coñecer ben o que é o discurso do odio na rede e recoller exemplos. É importante facerse consciente das repercusións destas prácticas de abuso mediante as tecnoloxías, non aceptalas como normais e contribuír a paralas, superar a pasividade (a absoluta maioría das vítimas non chegan nin a facer unha denuncia online).

Actividade

1. As consecuencias

A partir dos exemplos xa vistos e doutros novos que se recollen abaixo, contestade estas cuestións. Farédelo en grupos, distribuíndo os casos e logo presentando as respostas acordadas.

  • Que sucedeu? Quen son as vítimas do discurso de odio neste exemplo?
  • Que forma de prexuízo e/ou discriminación se deu (por exemplo, racismo, sexismo, etc.)?
  • Cales son as consecuencias que estas expresións teñen nas vítimas? Que consecuencias teñen na sociedade en xeral?
  • Que pode suceder se estas situacións de odio cibernético non son controladas?

1. "As gordas son como as medicinas, só as chingas se estás enfermo. #GordasNonPodenSerFelices"
2. "Non hai peor castigo que ser homosexual, excepto ser negro homosexual. GaisNonMerecenIgualdade"
3. "Sempre un puto moro merda marroquí" [inserindo a nova sobre a identificación dun belga-marroquí como coordinador dos atentados de París e Bruxelas]
4. "Gordo e nazi. Fáltalle ser galego"
5. "Estes sudacas aprópianse da praza, das canchas, e son uns merdentos, póñense a mexar en calquera sitio. Deportacións masivas, iso é o que fai falta"
6. "Retirar os gais da vida pública. Asine aquí para dicírllelo aos políticos"
7. "Son só criaturas, negros non humanos, que moitos idiotas progres din que foxen da morte e a guerra. Pero, onde están as mulleres e fillos? Non deberían estar con eles para saír fuxindo igual da morte?"
8. "Metade das persoas da miña idade son putas, dous terzos homosexuais e un terzo normais"
9. "Os galegos din que teñen lingua propia, pero é mestura de castelán e portugués e ese acento de subnormal que teñen"
10. "As mulleres sempre controlándoo todo pero índose co máis malote. Merecen o que lles pasa"


Actividade

2. Que é o discurso do odio?

Neste documento de cinco páxinas podedes acceder a resultados de investigacións sobre o odio na rede, ás definicións de estereotipo, prexuízo, rumor e discriminación, ás modalidades desta última e a unha serie de propostas de resposta. Nestoutro, tomado de esculca.gal recóllense os dereitos básicos en internet. Apoiándonos en ambos os documentos, realizamos en grupo estas tarefas:

a) Cal será a frase máis xeral do cuarto parágrafo (o que comeza "As investigacións tamén apuntan...")?
b) Redactade a listaxe das ideas, reelaboradas, dese mesmo parágrafo, incluíndo a seguinte.
- Moitos medios presentan con connotacións negativas determinados grupos sociais ou nacionalidades.
...
c) Diferenciade as ideas principais e secundarias, con subliñado previo, do sexto parágrafo (o que comeza "Outro estudo...").
d) Compoñede un esquema visualmente claro coas ideas dos catro parágrafos de Estereotipo, prexuízo, rumor e discriminación.
e) Explicade por que hai unha relación de progresión entre estereotipo, prexuízo e discriminación.
f) Conectade dun xeito máis claro os diferentes modos de intolerancia do gráfico da p. 3 do primeiro documento.
g) Engadide cando menos unha forma máis de discriminación ás nove recollidas nesa mesma páxina.
h) Cal das cinco posibilidades de actuación escolleriades ante un caso que vos indignase e por que.
i) Escollede agora as cinco estratexias de resposta máis útiles segundo a vosa opinión.
k) Que dous dereitos e principios dos sintetizados na páxina 2 do segundo documento se relacionan directamente co tema da expresión do odio na rede? Por que? l) Despois de lembrar que, tal e como establece o artigo 18 da Declaración Universal, "Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión”, incluíndo a liberdade de manifestar crenzas, xa sexa de forma individual ou colectiva, en público ou en privado, dise que "este dereito comprende a liberdade relixiosa e non debe ser utilizado ilegalmente para limitar os Dereitos Humanos". A que credes que se refire isto último?
m) De que xeito o artigo "Todo o mundo ten o deber e a responsabilidade de respectar os dereitos de todos os individuos na contorna da internet" pode colisionar coa liberdade de expresión (punto 5 do segundo documento)? Elaborade unhas conclusións persoais ao respecto.

Apoios

Sobre o tema

Velaquí os contidos sobre o discurso do odio e mais a listaxe de dereitos na internet, tomada de esculca.gal.
Pero, ademais, tamén pode ser de interese explorar o Movemento contra o discurso do odio e revisar as Normas de comportamento en Internet.


Actividade

3. Os límites da liberdade

Imos analizar agora unha serie de novas en diferentes medios que atenden o mesmo feito: a detención de César Strawberry en maio de 2016. Estas noticias (aquí xuntas en PDF) amósannos un caso polémico sobre os límites da liberdade de expresión. Contrastamos o tratamento dos feitos do seguinte xeito:

  • Cales son os feitos básicos presentes nas tres noticias?
  • Que diferenzas se advirten nos titulares? Consultade o apoio que está máis abaixo.
  • Que distintos focos de atención (o cantante, a policía...) hai en cada nova? A cal desles se lle presta máis atención en cada unha?
  • Que datos significativos varían dunha noticia a outra?
  • Como contribúen as imaxes a apoiar a perspectiva de cada xornal?
  • Localizade algunha valoración na noticia do ABC. Botade tamén aquí man do apoio.
  • Cal credes que é a noticia máis obxectiva e cal a menos? Por que?

Apoios

Titulares e recursos de modalización

Elaboración de titulares

- Suxeito + Predicado con complementos, co verbo en presente de indicativo, pretérito perfecto ou futuro: A neve e o xeo dificultan o tránsito
- Estilo nominal (sen verbo): Retencións na AP9 por causa da neve
- Declaracións en estilo directo: Vázquez: "As institucións non están a cumprir co seu papel"

Tipos de titulares
Informativos: claros e afirmativos (por exemplo, todos os anteriores)
Rechamantes: con recursos retóricos (No último suspiro), ambiguos (Viaxe sen airbag), etc.

Perspectivas
Os titulares, tanto os informativos como os rechamantes, poden mostrar a perspectiva do xornalista sobre a noticia, e condicionar a lectura desta. O contraste de titulares dunha mesma nova en medios de distinta orientación deixa ver claramente diferentes ópticas: máis críticas, máis compracentes, máis "neutrais".


Recursos de modalización

O emisor dos actos comunicativos, aínda que non empregue a 1ª persoa nin expresións como “penso que...”, “a min paréceme...”, soe mostrar a súa actitude en relación co que está a comunicar, polo ton que emprega, pola escolla do léxico, etc. Iso é o que entendemos por modalización. No caso da prensa, alteran a información e condicionan o noso coñecemento da realidade.

1. Mecanismos extralingüísticos.
- A elección duns contidos fronte a outros desbotados e ocultados
- O lugar na páxina ou no tempo do radio/telexornal e a extensión da noticia
- O apoio gráfico: imaxes suxestivas ou non, etc.

2. Mecanismos lingüísticos.
Os principais recursos lingüísticos para expresar a postura do emisor:
- Presenza de léxico valorativo (segundo o contexto): substantivos como progreso, éxito, logro, fracaso, ridículo...; adxectivos como furibundo, estupendo, grandioso, magnífico, decepcionante, pésimo, cruel...; verbos como rebentar, impoñer, triunfar, someterse...; adverbios como lamentabelmente, evidentemente, felizmente...; expresións como romper con, abrazarse a, é imprescindíbel, é conveniente...
- Uso de substantivos, adxectivos ou verbos de significado bélico, con connotacións de agresividade: retagarda, implacábel, atacar... Ou ben con valor positivo: brillo, xenial, coroar...
- Modalidade oracional desiderativa: Ogallá...
- Perífrases modais: hai que + INF, deber + INF, etc.

Exemplos en titulares reais:

Telefónica e Xunta prometen en campaña crear 500 empregos tras destruíren 1.600 traballos
Dimite por fin o alcalde de Ourense ao quedar sen apoios
Feijoo brilla en Madrid
Volve a movida a Santiago: horas de diversión, moito ruído e un disparate de alcol


Actividade

A procura

Precisamos localizar máis exemplos de discurso de odio nas redes. Repartimos entre os grupos as formas de discriminación vistas no punto g da actividade 2 e rexistramos tres ou catro mensaxes discriminatorias da modalidade que nos tocou. Aproveitade, para iso, estas estratexias de busca por etiquetas.
Lanzamos, pois, un Observatorio en redes sociais, blogues, medios de difusión ou foros. Achéganse abaixo algúns enderezos de interese. A recolleita farémola clasificando os casos segundo os modos de intolerancia. Por exemplo "Dos miles de nenos chineses traballando para os seus pais en restaurantes e bazares, cantos van á escola? Pouquiños. Hai máis nenos chineses adoptados nas aulas que fillos de inmigrantes" sería un rumor. "Nos centros de acollida de inmigrantes non collen máis que a metade dos que entran. Que facemos cos demais? Terán que irse ás casas dos das ONG" supón un argumento trampa. Ou aínda: "Os fieis desa relixión viven de axudas públicas, non traballan" é un estereotipo.


Apoios

Para a procura e o rexistro

Sitios da rede:

Google
Twitter
Google Plus
Youtube
Praza Pública
Wordpress
Galicia confidencial

Recursos:

Estratexias de busca por etiquetas
Modos de intolerancia

Anterior

Conectad@s?


Seguinte

Con sentido.