Pensa por ti

Conectad@s?

Tres actividades iniciais.

Actividade

1. Exploración

Imos ver que entendemos por discurso discriminatorio a partir deste vídeo creado por mocidade da costa de Levante, transcrito aquí:

[Con flor facendo de micrófono, na rúa, imitando o acento galego] Estamos aquí en Tele Galicia, no noticiario que facemos normalmente, e vemos que aquí na rúa, Urbanización Río Torres [Villajollosa, Alacante], está cheo de chineses fillos de puta. Mira, alí puxéronnos un imperio chinés dos collóns. Os chineses están facéndose donos da rúa. Estamos todos consternados.
Mira, ímoslle preguntar aquí a unha viandante [moza do grupo, que actúa rindo e poñendo acento arxentino]. A ver, ti, que opinas da invasión chinesa a esta vila?
Tendo en conta que eu son arxentina e non estou acá nunca, paréceme horroroso todo isto que está pasando. Os chineses ao seu puto país. [Risos]
Escoitamos o comentario. Vaia coa arxentina, vén pisando forte. [Máis risos]

  • Trátase dunha simple broma? Preténdese parodiar a xenofobia ou reproducir un discurso xenófobo con risos?
  • Por que se imita o acento galego? Paréceche simpático ou ofensivo?
  • Que entendes ti que pretende o autor?
  • Que efectos ten en quen o ve?
  • Gustaríache que o obxectivo deste ataque xenófobo ou, en todo caso, desta broma fosen os galegos no canto dos chineses?

Comentamos a seguir.
- Escoitastes ou fostes testemuña dalgún exemplo de odio cibernético1?
- Vós (ou alguén coñecido) experimentastes algunha vez o odio cibernético? Que sucedeu? Que impacto tivo? Como reaccionastes? Que se podería facer?

1 Calquera uso da tecnoloxía -desde as redes sociais á mensaxería instantánea- para atacar persoas a causa da súa raza, etnia, orixen nacional, lingua, relixión, sexo, xénero, orientación sexual, discapacidade... e para difundir mensaxes ou información intolerante.
Actividade

2. De acordo ou en desacordo

Amosade a vosa postura ante as afirmacións que están a continuación. Antes creamos diferentes espazos na aula que representen unha gradación do acordo: un extremo resérvase para situarse se un está "Totalmente de acordo" e outro para "Moi en desacordo"; entre ambos outros que recollan as opcións "Bastante de acordo", "Inseguro/a" e "Máis en desacordo". Unha vez lida unha idea, e tras un pequeno tempo de reflexión, posicionarédesvos en silencio nun deses puntos.
Afirmacións:

- Internet é o lugar de relación máis importante para a xuventude.
- Tendemos a ser máis negativos, insensibles e implacables en liña que na vida real.
- A liberdade de expresión ampara as mensaxes que outros poden entender como despectivas ou insultantes.
- A maioría do que se ve en internet é respectuoso ou neutro.
- Síntome mal ante discriminacións e mostras de odio en internet.
- É inevitable que haxa mensaxes xenófobas, sexistas, etc., e non se pode facer nada.


Logo reflexionamos:
  • Como se sente un cando case todos os demais teñen a mesma opinión?
  • E se un está só ou con moi poucos compañeiros/as na opción de resposta?
  • Nese caso, dubídase e deséxase cambiar de postura?

Actividade

3. Un chío

Esta mensaxe en Twitter realizouse despois dun polémico partido entre o Deportivo B e o CD El Palo (Málaga) para o ascenso á 2ª División B, con accións antideportivas por parte da afección malagueña. Pero, máis alá da crítica ao que sucedeu, o chío emprega o termo "xitanada" de xeito pexorativo, discriminatorio. Poderíaselle contestar que o pobo xitano non ten responsabilidade ningunha neses feitos e que xente impresentable haina en todos os lados e de todas as etnias.
En grupos, escollede unha das seguintes intervencións reais, intentade explicar por que razón se puido realizar, e elaborade unha resposta valorativa sen superar os 140 caracteres.

1. "As gordas son como as medicinas, só as chingas se estás enfermo. #GordasNonPodenSerFelices"
2. "Non hai peor castigo que ser homosexual, excepto ser negro homosexual. GaisNonMerecenIgualdade"
3. "Sempre un puto moro merda marroquí" [inserindo a nova sobre a identificación dun belga-marroquí como coordinador dos atentados de París e Bruxelas]
4. "Gordo e nazi. Fáltalle ser galego"


Plan

Acordando o labor

Revisamos o plan proposto e acordamos como desenvolvelo.

Organizade estes criterios de avaliación fundamentais segundo o valor que lles outorgades. Podedes, individualmente, numeralos.

- Diferencia as ideas principais e as secundarias e identifica a intención comunicativa de diferentes mensaxes (intervencións nas redes, novas, etc.).
- Comprende e interpreta textos xornalísticos.
- Distingue entre os contidos informativos e as opinións que se expresan nos textos xornalísticos.
- Compara o tratamento da mesma noticia en diferentes medios de comunicación e extrae conclusións.
- Reflexiona sobre as mensaxes e recoñece e rexeita usos lingüísticos que levan implícitos prexuízos e discriminacións.
- Participa activamente nas interaccións, respecta as regras, manifesta as súas opinións e atende as dos demais.
- Avalía atinadamente as intervencións propias e alleas.
- Respecta as quendas de palabra, escoita activamente os demais e usa fórmulas de saúdo e despedida.
- Identifica e expresa posturas de acordo e desacordo sobre aspectos parciais ou globais dun texto.
- Recoñece e usa adecuadamente a fonética da lingua galega.
- Coñece o que é un prexuízo, detecta e analiza a súa presenza nas prácticas lingüísticas.
- Colabora co grupo e interésase por avanzar.
- Participa na procura e tratamento da información e sabe manexala.
- Resolve con acerto as actividades de análise e reflexión lingüística propostas.
- Contribúe na elaboración do guión e na súa mellora.
- Intervén coordinadamente e axusta a locución.
- Coavalía con criterio e autoavalíase.

Así mesmo, decidide o tipo de vídeo que vos gustaría crear para orientar a acción ante actitudes e usos discriminatorios da linguaxe na rede: unha manifestación da propia postura, un videotitorial, unha presentación de recomendacións de resposta...


Inicio

Inicio.


Seguinte

Situámonos.