Saltar la navegación

Unha merenda saudable

Cando chega a media tarde, apetece tomar algo de merenda. Queremos que a nosa merenda sexa saudable. Que alimentos deberíamos incluir? Que alimentos sería mellor evitar? Buscade información e creade unha imaxe (infografía), na que se dean consellos sobre como merendar de forma saudable.

Investigamos

Buscade información na Rede sobre merendas saudables e merendas non saudables. Podedes comezar por este video en YouTube no que as dietistas-nutricionistas Jéssica Hierro e Adriana Oroz contan que merendas non son recomendables e como podemos optar por preparar unhas merendas moi sinxelas, nas que o azucre non sexa o protagonista.

Podedes atopar máis recomendacións sobre merendas saudables na web de Pharma 2.0. Nesta páxina, un equipo de farmacéuticos falan de merendas sas para nenos e nenas, e dan unhas cantas ideas moi interesantes.

Actividade

Para resumir o que vistes, podedes tomar nota, en dúas columnas, das merendas das que falan. Nunha columna anotaredes as que non recomendan e na outra as merendas saudables.

Con toda a información que recollestes, teredes que elaborar unha infografía.

Que é unha infografía e como se elabora?

As infografías combinan imaxes e textos para representar visualmente información, datos ou conceptos, dun xeito rápido e claro. A Rede está chea de infografías. Podes facer unha busca no teu navegador do termo «infografía», verás como aparece unha morea de resultados.

Ferramentas para crear unha infografía:

  • Solucións offline: mediante aplicacións instaladas nos nosos ordenadores, sen necesidade de estar conectados a Internet, como os programas gratuitos Inkscape ou LibreOffice Impress.
  • Solucións online: diversos servizos en Internet facilitan a creación de infografías. Normalmente é necesario darse de alta e crear unha conta de usuario. Algúns dos servizos máis coñecidos, con versión gratuita, son: Canva, Piktochart ou Easel.ly (nos tres podes crear unha conta usando a conta de Google).

Na Rede encontrarás moita información para atopar as ferrramentas axeitadas coas que elaborar infografías. Por exemplo, nesta páxina, na que se informa de dez ferramentas para crealas.

Non é necesario que fagades un traballo demasiado complicado. Uns poucos textos e unhas cantas imaxes, ben distribuidos, poden ser máis efectivos que un deseño moi recargado e cun exceso de información. Na seguinte imaxe tedes un exemplo dunha infografía bastante sinxela feita con Inkscape, empregando imaxes de uso libre atopadas en Pixabay.

Infografía sobre alimentación saudable
Francisco Jaureguizar. Infografía sobre alimentación saudable (CC BY-SA)

Podedes abrir aquí a imaxe a maior resolución: acceso á imaxe.

Tarefa para entregar

Os membros do equipo crean unha infografía sobre alimentos axeitados e non axeitados para unha merenda saudable.

A infografía será dixital, preferiblemente, ainda que tamén pode sustituirse por un cartel físico, realizado con técnicas tradicionais.

Rematado o traballo, teredes que compartilas co resto de compañeiros e co profesor, publicándoas nun blog de clase ou subíndoas a algún repositorio ao que todos poidan acceder.

Avaliación da tarefa

Para avaliar a tarefa empregaranse as seguintes rúbricas:

Mirádeas ben antes de empezar o traballo e comprobade ao rematar se cumprides os requisitos contidos nelas.

Diario de aprendizaxe

Redacta agora unha nova entrada no teu Diario. Conta a túa experiencia elaborando a infografía.