Saltar la navegación

Pensa o que comes

Cres na importancia para a saúde dunha alimentación sa e equilibrada?

Que é unha dieta?

Coñeces a Dieta Mediterránea? E a Dieta Atlántica?

Investigamos

Alimentación e saúde

A nutrición é un dos alicerces da saúde e o desenvolvemento. En persoas de todas as idades unha nutrición mellor permite reforzar o sistema inmunitario, contraer menos enfermidades e gozar dunha saúde máis robusta (1).

Segundo a OMS, unha dieta malsá é un importante factor de risco de enfermidades cardiovasculares, cancro e diabetes.

(1) Fonte: OMS, «10 datos sobre a nutrición». Recurso online. [Acceso: 10/6/2017]

Escolle unha boa dieta

As decisións que tomamos á hora de alimentarnos están moi influídas pola contorna na que vivimos.

No mundo existe unha gran variedade de patróns de alimentación. Hai estudos que apuntan que uns son máis saudables que outros.

  • Que é unha dieta?

Busca na web do Dicionario da Real Academia Galega o significado do termo «dieta». Danse varias definicións. Cal delas encaixa mellor neste proxecto? Por que?

Dentro das dietas máis vinculadas á nosa comunidade, atópanse a Dieta Mediterránea e a Dieta Atlántica. Ambas teñen un lugar destacado nas recomendacións dos expertos en nutrición.

  • Que é a Dieta Mediterránea?

Na web da Fundación Dieta Mediterránea podedes atopar moita información. Buscade o "Decálogo" coas dez recomendacións fundamentais.

  • Que é a Dieta Atlańtica?

Investigade na web da Fundación Dieta Atlántica en que consiste esta dieta.

Menos sal, menos azucre, menos graxas

Na páxina web da Organización Mundial da Saúde (OMS) danse algunhas recomendacións para unha alimentación sa. Aconsellan limitar o consumo de sal, de azucre e de graxas.

Sal

A OMS recomenda limitar o consumo de sal a menos de 5 gramos ao día (unha cullerada de café).

O consumo elevado de sal contribúe á hipertensión arterial. Se o consumo de sal se reducise ao nivel recomendado, poderíanse evitar 1,7 millóns de mortes ao ano.

A miúdo non somos conscientes da cantidade de sal que consumimos. A maior parte dese sal procede de pratos precociñados, carnes procesadas (beicon, xamón, salchichón), aperitivos salgados...

Azucre

Os azucres libres deberían reducirse a menos do 10% das calorías totais que consumimos. Para obter beneficios maiores para a saúde, esa cantidade debería ser inferior ao 5%.

O consumo de azucre libre aumenta o risco de carie dental. O exceso de calorías procedentes de alimentos e bebidas cun alto contido en azucre libre tamén contribúe ao aumento de peso, que pode dar lugar a sobrepeso e obesidade.

Máis información sobre o consumo de azucre e por que debemos reducilo: ligazón.

Graxas

Debe limitarse o consumo de graxas ao 30% da inxesta calórica diaria.

As graxas non saturadas (presentes, por exemplo, no aceite de peixe, os aguacates, os froitos secos, ou o aceite de xirasol e oliva) son preferibles ás graxas saturadas (presentes, por exemplo, na carne graxa, a manteiga, o aceite de palma e de coco, a nata, o queixo e a manteiga de porco).

As graxas industriais de tipo trans (presentes nos alimentos procesados, a comida rápida, os aperitivos, os alimentos fritos, as pizzas conxeladas, os pasteis, as galletas, as margarinas e as pastas para untar) non forman parte dunha dieta sa.

Comprobade o que aprendestes

Despois de recompilar información sobre as diferentes dietas, alimentación sa e recomendacións da OMS, podedes facer unhas actividades interactivas, contestando a unha serie de cuestións. Atoparédelas nesta ligazón.

Tarefa para entregar

Cada un dos equipos recompila información na Rede sobre diferentes tipos de dietas: atlántica, mediterránea, e outras, para realizar un informe.

Crea en Google Drive un documento de texto titulado «Beneficios dunha alimentación saudable».

Seguindo as recomendacións da Dieta Mediterránea, elabora unha táboa cunha lista de alimentos con tres columnas: alimentos que deben consumirse frecuentemente, alimentos que deben consumirse con moderación, e alimentos que deben consumirse só ocasionalmente. Cada columna debe nomear, como mínimo, cinco alimentos. Irán acompañados de imaxes de cada un dos alimentos.

Despois, nese mesmo documento de texto, contestaredes ás seguintes cuestións:

O informe será compartido co profesor.

Avaliación da tarefa

Para avaliar a tarefa, empregaranse tres documentos-guía, chamados rúbricas.

Exemplo de rúbrica
Exemplo de rúbrica (CC BY-SA)

Mirádeas ben antes de empezar o traballo e comprobade ao rematar se cumprides os requisitos contidos nelas.

(PISTA: Podedes mirar tamén a rúbrica do profesor, non só as do alumnado.)

Diario de aprendizaxe

Redacta agora unha nova entrada no teu Diario. Conta o que aprendiches nesta tarefa.