Saltar la navegación

Lembras o que comiches onte?

Lembras o que comiches onte? Ou o que ceaches antonte?

Moitas veces, non somos conscientes dos alimentos que tomamos. Comemos de xeito rutinario, distraidos, mirando a tele, incluso o móbil...

Para ter unha idea máis clara de como é a vosa alimentación diaria, ides tomar nota do que comedes e do que bebedes. O voso obxectivo nesta fase será rexistrar o que comedes durante uns días, e gardar os datos nun documento.

Investigamos

Alimentos e valores nutricionais

Nos alimentos están presentes unhas substancias chamadas nutrientes, que son necesarias para o metabolismo. O organismo humano necesita unha subministración continua de nutrientes para estar vivo.

Os nutrientes, de acordo coa cantidade na que están presentes, clasifícanse en macronutrientes (ocupan gran parte dos alimentos) e micronutrientes (están presentes en cantidades pequenísimas). Buscade información sobre que tipos de macronutrientes e micronutrientes existen: por exemplo, nesta páxina da UNED.

Valor enerxético, hidratos de carbono, graxas, proteínas: unha parte moi importante do etiquetado dos alimentos é a súa información nutricional.

Como coñecer os valores nutricionais dun alimento?

Os alimentos envasados, excepto os que teñen un so ingrediente (a auga ou o sal) teñen a obriga de levar a súa información nutricional na etiqueta. Os alimentos non envasados non teñen a obriga de levar esa etiqueta, pero podemos atopar os valores nutricionais na Wikipedia. Por exemplo, probade a buscar a enerxía que aportan e a cantidade de carbohidratos, graxas e proteínas que hai en 100 gramos de patacas. (1)

(1) Nota: se non atopades a información nutricional dalgún alimento na versión en galego da Wikipedia (Galipedia), podedes buscar nas versións da Wikipedia en español ou en inglés.

Rexistro de alimentos: anotade o que comedes

Rexistro de alimentos
Francisco Jaureguizar. Rexistro de alimentos (CC BY-SA)

Podemos levar o rexistro da nosa alimentación anotando durente uns días todo o que inxerimos. Para esta tarefa, podemos empregar un ordenador, elaborando unha folla de cálculo, coma a da imaxe. Se queredes utilizar esa folla de cálculo, tédela en formato ODS, nesta ligazón (ods - 24.40 KB). Ábrese con LibreOffice ou importándoa en Google Drive.

Tarefa para entregar

Elaborar un Rexistro Alimentario:

  • Cada equipo rexistra o que comen e beben os seus membros durante dous días nunha folla de cálculo compartida en Google Drive.
  • No Rexistro Alimentario estará indicado o peso en gramos de cada un dos alimentos inxeridos.
  • Para cada alimento, indicaranse os seguintes valores nutricionais: enerxía, hidratos de carbono, graxa e proteínas. Non se trata de que os datos que poñades sexan exactos (iso sería moi complicado de facer). Trátase sobre todo de que sexades máis conscientes do que vos aporta nutricionalmente cada alimento que tomades.
  • Nos pratos que mesturan varios alimentos, coma guisos, sopas ou ensaladas, non é doado determinar os valores nutricionais. O que podedes facer é anotar os valores dos dous ou tres principais ingredientes da receita.
  • Ao final do periodo, avaliaredes os principais valores nutricionais. Cales son os dous alimentos que máis valor enerxético teñen? E os dous que máis graxa vos aportaron?

Avaliación da tarefa

Para avaliar a tarefa empregaranse as seguintes rúbricas:

Mirádeas ben antes de empezar o traballo e comprobade ao rematar se cumprides os requisitos contidos nelas.

Diario de aprendizaxe

Redacta agora unha nova entrada no teu Diario. Conta a túa experiencia co voso Rexistro Alimentario.