Saltar la navegación

A Patrulla da Saúde

A Patrulla da Saúde é unha organización fundada hai varios anos por un grupo de voluntarios empeñados en loitar contra os malos hábitos de saúde. Xa colaborastes con eles, na misión chamada «Xulia non se move». Agora, precisan de novo a vosa axuda. Estades dispostos a botar unha man? Adiante!

Os equipos da Patrulla

Para formar parte da Patrulla da Saúde, hai que organizarse en equipos. Na vosa aula, teredes que dividirvos en equipos de tres ou catro compoñentes, seguindo as indicacións da vosa profesora ou profesor.

A principal fortaleza desta forma de organizarvos é que ides funcionar coma un verdadeiro equipo, e non coma un simple grupo de traballo.

Como xa tedes experiencia de traballar en equipo, seguro que tedes claras as características dos bos equipos. Lembrade, non sodes grupos de traballo. Sodes equipos!

En que vai consistir a vosa misión?

A misión encomendada aos equipos da Patrulla da Saúde (ti e mailos teus compañeiros) será a de facer unha Guía con consellos sobre alimentación saudable para rapaces e rapazas de 11, 12 ou 13 anos da vosa contorna.

Pero antes tedes encomendadas unhas tarefas intermedias, que vos permitirán aprender máis sobre o tema e enfrentarvos sen dificultades ao traballo final.

Tarefas intermedias:

  1. O equipo recompila información na Rede sobre alimentación saudable e sobre as dietas mediterránea e atlántica, e elabora un informe.
  2. O equipo rexistra o que comen e beben os seus membros durante un periodo de tempo acordado.
  3. O equipo crea unha infografía sobre alimentos axeitados para unha merenda saudable.

  4. O equipo elabora un cómic con información sobre transtornos alimentarios.

Reto final:

  • O equipo elabora unha Guía sobre alimentación saudable para rapaces e rapazas.

Avaliación

Como se vai cualificar o voso traballo? Tanto cada unha das tarefas, coma o Reto final, vanse avaliar coa axuda duns documentos chamados rúbricas, ás que tedes acceso en todo momento, de xeito que vos serven de guía á hora de facer os traballos. O profesorado vaivos avaliar, pero tamén vos tedes que avaliar as vosas propias tarefas e as dos outros compañeiros. No seguinte cadro recóllese o peso de cada tarefa na nota final.

TAREFA PESO NA NOTA
Tarefa 1 15%
Tarefa 2 15%
Tarefa 3 15%
Tarefa 4 15%
Reto final 40%

Diario de aprendizaxe

Cada un dos membros do equipo levará un Diario de Aprendizaxe, no que anotará todas as inquedanzas, progresos e dúbidas que xurdan en cada unha das etapas do proxecto. A elaboración deste Diario e tan importante coma a realización das diferentes Tarefas. Todas as entradas do Diario formarán parte da recompilación final de produtos do proxecto.

Elaboración do Diario

O Diario será dixital (ainda que tamén poderías empregar unha libreta). Redacta as entradas do Diario nun documento de texto que podes crear na Rede, para logo compartilo.

  1. Accede á túa conta de Google Drive, e crea un novo documento de texto, ao que chamarás «Novo diario de  _______ » (pon o teu nome no espazo).
  2. Fai a primeira entrada no Diario, á que titularás «A orixe do proxecto».
  3. Comparte o Diario co profesor ou profesora. Se non sabes como compartir, tes unha pequena guía nesta ligazón.