A finalidade deste material didáctico é achegarse ao proceso de creación musical/sonora dende unha perspectiva diferente pivotando en relación a tres eixos que cobraron unha especial relevancia nos últimos anos: o movemento nado en Canada nos anos 70 do século pasado que desenvolve traballos entorno á idea da paisaxe sonora e a ecoloxía acústica, a gravación de campo de sons da nosa contorna como unha práctica artística (Fonografía), comparable en certa medida á arte fotográfica na imaxe e, por último, a creación sonora electroacústica atendendo especialmente á Música Concreta que consiste na composición de obras musicais a partir da captación e manipulación de sons convencionais.
Tanto a Fonografía como a Música Concreta traballan habitualmente, dende diferentes puntos de partida, con aqueles sons da nosa contorna que tradicionalmente chamamos “ruídos”. Nesta proposta didáctica preténdese romper os prexuízos que temos en relación ás músicas contemporáneas, especialmente a música electroacústica, propoñendo actividades que permitan entender as marxes nas que se sitúan, así como realizar traballos que faciliten un achegamento á composición musical utilizando técnicas non convencionais asistidas por ordenador.
Os obxectivos serán:
Comprender algúns dos cambios que se produciron na música dende finais do século XIX coa aparición dos primeiros sistemas de captura do son, os diferentes procesos utilizados na produción da música actual e as posibilidades do son como xerador de sentido noutros medios como o cine, a radio ou os videoxogos e achegarse ao concepto de paisaxe sonora e ás súas implicacións non só estéticas (Fonografía), se non tamén culturais (antropoloxía sonora).
Aprender a utilizar o equipamento de audio necesario para a creación e difusión de contidos sonoros centrándonos especialmente na captación de sons ambientais con dispositivos móbiles fora do estudio de gravación, a editar estes audios correctamente (corrección de erros, ecualización, normalización, formatos, etc.), introducíndonos na creación de obras electroacústicas a partir da combinación e a transformación destes sons mediante o uso de software libre para facer do proceso compositivo unha tarefa accesible baseada na reelaboración e re-significación sonora.
Experimentar coa utilización de medios tecnolóxicos e cos diferentes modos de representación da paisaxe sonora con sistemas de xeolocalización (cartografías sonoras, locative audio, etc…) expandindo a nosa escoita máis alá do feito musical.
Os apartados dos que consta este material didácticos Son:
1. A PAISAXE SONORA: Neste primeiro apartado trátanse aspectos xerais sobre a paisaxe sonora (importancia, orixe do concepto, ideas...) e a ecoloxía acústica.
2. GRAVANDO: Esta é unha pequena introdución ao uso dos micrófonos (tipos, técnicas e prácticas) e á comprensión do fenómono da fonografía como unha forma artística.
3. EDITANDO: A través de diversos titoriais explícanse as técnicas básicas da edición de audio.
4. AS CARTOGRAFÍAS SONORAS: Entre as diferentes formas de difusión deste tipo de material sonoro as cartografías interactivas acadaron un lugar importante nos últimos anos. Aquí explícase como construír un mapa sonoro.
5. CREANDO: Trátanse algunhas posibilidades para a creación sonora contemporánea a partir de gravacións de campo e paisaxes sonoras situándose entre a composición electroacústica e o deseño sonoro.
Se ben estes temas están pensados como un conxunto poden funcionar de xeito independente e adaptarse a múltiples materias tendo unha utilidade transversal. Por exemplo, pódenos interesar realizar un traballo de cartografía sonora que non teña como obxecto de estudo a paisaxe sonora se non a antropoloxía ou a xeografía e poderíamos traballar con esa unidade en concreto, ou podemos estar interesados na edición de audio para facer un podcast para a materia de lingua. Espero que sexan de utilidade.
CRÉDITOS
Este material foi realizado polo profesor Xoán-Xil López Rodríguez gracias a unha licenza de formación concedida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o segundo trimestre do curso 2016/2017.