2 - A PAISAXE URBANA

A cidade xeralmente defínese como un "conxunto de edificios e rúas, rexidos por un concello, cuxa poboación densa e numerosa dedícase polo común a actividades distintas dás agrícolas". Pero esta definición e cativa e pouco nos di da imaxe e forma da cidade.

Se nos fixamos o que define a imaxe da cidade son os seus espazos públicos e de relación humana. Deste xeito, os elementos morfolóxicos distintivos das cidades e vilas son, os seus espazos comúns formados por un lado por rúas, prazas xardíns alamedas e parques, e por outro polos edificios públicos tradicionais: concello, mercado, igrexas, e moitos outros, que en xeral, adoitan ser unha prolongación interior dos espazos públicos abertos.

Pero ademais dos edificios públicos tradicionais, que as veces teñen un certo carácter monumental, a imaxe das cidades é unha construción colectiva, que medra, evoluciona e se vai transformando ao longo do tempo. Nas cidades e vilas galegas atopamos formas e elementos das súas diferentes etapas históricas. Nelas, como en case todas as vilas europeas, atopamos distintos barrios, que adoitan estar conformados por edificios con diferentes tipoloxías e formas, reflexo dos distintos períodos da formación da cidade.

Praza de Ferrol Vello