Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Este REA está deseñado para poder ser realizado en formato dixital, aínda que pode empregarse indistintamente papel e bolígrafo, polo tanto non é preciso ningún recurso material especial. Poden ser necesarios recursos materiais para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica, tipo:
- O caderno de aprendizaxe.
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información, e visualizar imaxes...
- Fotocopiadora/impresora a cor.
- Material de papelería (pegamento, cartolina, rotuladores, papel pautado, regra...)
- PC con posibilidade de gravacións de son e vídeo así como a súa edición, e acceso a Internet.
Entendemos que este material está dispoñible en todos os centros e resulta de fácil manexo por parte do profesorado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades individuais e grupais, considerando as seguintes premisas:
Recoméndase a creación de grupos de 3-5 alumnos/as.
Algunhas das tarefas están especificamente deseñadas como actividades grupais onde se pretende que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto, preténdese que aprendan a coordinarse na realización de tarefas e aumenten a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que implemente este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organiza ao teu alumnado en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos nos que cada un pon o seu gran de area, dende os máis proactivos, líderes, organizativos aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
- Dentro do grupo repartiranse con claridade as tarefas, evitando que unha persoa se acabe encargando case en solitario do traballo.
- O traballo grupal realizarase nun ambiente de coordinación e cooperación. Todos os integrantes deben poder contribuír, e todos deben ter en conta a opinión dos demais.
- Cada grupo designará unha persoa coordinadora, que se encargará da interlocución co profesor ou profesora.
- Tentarase o equilibrio por sexos, garantindo un ambiente coeducativo e respectuoso e igualitario, evitando os prexuízos e comportamentos sexistas e os nesgos machistas.
O resto de actividades e o reto final podes decidir darlles carácter grupal o individual en función da dinámica da túa aula.
Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.
Produtos finais
O produto final consiste na resolución do reto e na reflexión escrita sobre os medios ao noso dispor. O produto final do REA “Que fixeron por nós os romanos?” consistirá na realización, en grupos de traballo, dunha colaxe, dun vídeo, un podcast ou unha exposición nos que, de maneira visual, se expoñan os diferentes aspectos referidos no Reto, especialmente as orixes, características e legado do Imperio Romano.
Cada grupo presentará aos demais o traballo realizado, explicando os seus aspectos técnicos. Esta exposición é en si mesma parte avaliable do produto final, en aspectos como a organización do grupo para a presentación, o axuste ao tempo establecido, ou a fluidez e calidade da comunicación.
Finalmente cada un dos grupos deberá valorar o traballo dos seus compañeiros e compañeiras de grupo.
Enfoque multinivel do reto
O noso reto está deseñado de tal modo que o alumnado, tanto ao traballar de xeito individual ou en grupo, debe aplicar destrezas e coñecementos con distinto nivel de dificultade. Dese modo, pode adquirir e usar os coñecementos básicos, pero tamén os máis avanzados e abstractos, dependendo do seu nivel e motivación.
- Na selección de actividades individuais se buscaron diferentes niveis de dificultade, correspondendo ao profesorado seleccionar para cada estudante aquelas que considere idóneas dado seu perfil competencial.
- En canto ás actividades grupais, estas están pensadas para que inclúan tarefas de distinto grao de complexidade, de maneira que no seu reparto se poidan adxudicar as de menor dificultade ao alumnado con menor nivel académico. Corresponde tamén ao profesorado guiar aos grupos neste reparto de tarefas.
Todo isto, está contemplado na rúbrica do propio reto que aparece nesta guía didáctica no apartado 3.2.
En canto á exposición creativa do reto, se propoñen catro opcións de presentación para o enfoque multinivel:
- Un mural visual onde se mostren imaxes e descricións dos monumentos, tradicións ou leis investigadas.
- Un vídeo no que expliquen o tema de maneira interactiva.
- Un podcast ou programa de radio ficticio onde comenten a súa investigación.
- Unha presentación oral con apoio de diapositivas.