Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:
- O caderno de aprendizaxe
- Regras ou outros elementos de medición para o traballo con escalas
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática e cartografía (mapas, visor do IGN), buscar información, e visualizar imaxes e algúns vídeos propostos.
Opcionalmente, o profesorado pode optar por utilizar co alumnado:
- Mapas impresos, incluídos mapas topográficos
- Mapas murais
- Globos terráqueos
Entendemos que este material está dispoñible en todos os centros e resulta de fácil manexo por parte do profesorado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Os grupos estarán formados por arredor de 5-6 persoas. Procúrase que a súa composición favoreza un traballo equilibrado, cooperativo e respectuoso.
Para facilitar ese funcionamento, teranse en conta os seguintes aspectos:
- Nos grupos combinaranse estudantes con diferentes perfís e ritmos de aprendizaxe, favorecendo a diversidade e evitando desequilibrios na carga de traballo.
- As tarefas distribuiranse de maneira clara e dialogada, promovendo que todas as persoas poidan participar e evitar que unha única persoa asuma unha parte desproporcionada do proceso.
- No reparto de responsabilidades procurarase ter en conta as fortalezas, intereses e necesidades de cada integrante, de forma que cada estudante poida contribuír dun xeito significativo.
- O traballo desenvolverase nun ambiente de coordinación, respecto e cooperación. Todas as voces deben ser escoitadas e valoradas.
- Cada grupo escollerá unha persoa encargada de coordinar o diálogo co profesorado, facilitando a organización interna.
- Tentarase manter un equilibrio por sexos que favoreza un clima coeducativo, igualitario e libre de prexuízos, evitando calquera nesgo ou comportamento sexista.
Produtos finais
O produto final do REA “Camiñamos, aprendemos e non nos perdemos” consiste na realización en grupo dunha guía de viaxe pensada para unha actividade extraescolar. O alumnado será quen de aplicar os coñecementos cartográficos e de xeolocalización aprendidos, deseñando o itinerario e a duración da viaxe segundo as distancias a percorrer e os aspectos xeográficos, nomeadamente relativos ás formas de relevo que serán o obxecto da visita. A guía debe incluír unha ruta e un xogo.
Cada grupo presentará aos demais a súa guía, explicando os seus aspectos técnicos e xeográficos. A exposición da guía é en si mesma parte avaliable do produto final, en aspectos como a organización do grupo para a presentación, o axuste ao tempo establecido, ou a fluidez e calidade da comunicación.
Finalmente cada un dos grupos deberá valorar o traballo dos seus compañeiros e compañeiras de grupo.
Enfoque multinivel do reto
O deseño do REA permite adaptarse ás necesidades do alumnado, xa que as actividades poden empregarse con distintos ritmos e formas de traballar.
A proposta inclúe unha variedade ampla de tarefas individuais para que o profesorado poida escoller aquelas que mellor encaixen co grupo e cos obxectivos que se queiran acadar en cada momento.
No caso das actividades grupais, estas están formuladas para que todas as persoas do grupo poidan participar e achegar algo significativo. As tarefas repártense de maneira que cada membro teña unha responsabilidade clara e poida contribuír segundo as súas posibilidades, evitando cargas desiguais de traballo. O profesorado acompañará este proceso para garantir unha distribución equilibrada e favorecer a colaboración.
En conxunto, ofrécese un número amplo de propostas para que o profesorado as poida adaptar á realidade da aula, mantendo sempre un enfoque inclusivo e cooperativo.