Introducindo o REA "Unha paisaxe con encanto"
O REA Unha paisaxe con encanto ten como finalidade o desenvolvemento da competencia lingüística en lingua galega e da conciencia ambiental a través do deseño dun videoxogo ou vídeo que promova a protección da vida terrestre e da vida submarina, reflexionando sobre o impacto da contaminación. Este proxecto integra elementos do currículo de Lingua Galega e Literatura, destacando a importancia de combinar creatividade, colaboración e tecnoloxía para abordar problemas reais.
Os diferentes bloques do REA están deseñados tendo en conta o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), o que permite diversificar a presentación da información en distintos formatos e niveis, garantindo o acceso de todo o alumnado ás actividades e recursos.
Para o profesorado interesado en utilizar este recurso, ofrécese unha oportunidade de enfoque educativo motivador, no que a aprendizaxe da lingua galega se combina cun reto ambiental significativo, desenvolvendo tanto competencias lingüísticas como transversais.
As fases deste REA axudarán ao alumnado a:
- Explorar conceptos clave relacionados coa contaminación e os ecosistemas terrestres e mariños.
- Planificar as ideas, estruturando os textos (descritivos, narrativos, expositivos, diálogos e argumentativos) e os elementos creativos do proxecto.
- Crear personaxes, escenarios e tramas de maneira colaborativa.
- Presentar e reflexionar sobre o seu traballo, avaliando tanto o produto final como o proceso seguido.
O proxecto fai uso das ferramentas tecnolóxicas dispoñibles nos centros (como Abalar/eDixgal), empregando a tecnoloxía como complemento esencial para a creación e a aprendizaxe, sen perder de vista o obxectivo principal: fomentar a responsabilidade ambiental e o uso do galego en contextos significativos.