Unha paisaxe con encanto
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado para introducir ao alumnado na creación de textos descritivos, narrativos, expositivos, de diálogo e argumentativos no contexto da concienciación ambiental. A través desta situación de aprendizaxe, o alumnado deseñará un videoxogo ou un vídeo enfocado no problema da contaminación, con especial atención á protección da vida terrestre (ODS 15) e ó coidado e protección da vida submarina (ODS 14). O tipo de produto final, así como os seus compoñentes, dependerá das decisións que tomen ao longo do proceso.
Traballaranse diversas tipoloxías textuais, con énfase nos textos descritivos para os escenarios e personaxes, narrativos para a historia, expositivos para explicar conceptos, diálogos para interaccións e argumentativos para promover a conciencia ambiental. Ademais, fomentaranse valores como a responsabilidade, o traballo en equipo e a planificación estruturada dun proxecto.
Este REA promove a creatividade e a reflexión sobre como as accións humanas afectan ao medio ambiente, especialmente aos ecosistemas terrestres. No proceso, o alumnado aprenderá a combinar a linguaxe e a tecnoloxía para desenvolver solucións innovadoras e educativas que contribúan á protección do planeta.
As metas de aprendizaxe son:
- Recoñecer e utilizar diferentes tipos de textos, tanto orais coma escritos (descritivos, narrativos, expositivos, diálogos e argumentativos).
- Describir escenarios e personaxes empregando adxectivos e vocabulario preciso en galego.
- Organizar a información e secuenciar o contido dunha misión con claridade.
- Desenvolver habilidades colaborativas, respectando e valorando as ideas dos compañeiros/as.
- Mellorar a creatividade e as habilidades mentais mediante a aprendizaxe da programación.
- Aprender a realizar un proxecto e a presentalo ante unha audiencia.