Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Para levar a cabo este REA, "Unha paisaxe con encanto", precisarase unha combinación de recursos dixitais e tradicionais. É fundamental contar con dispositivos como ordenadores ou tablets con acceso á internet para traballar ferramentas dixitais como Scratch ou Canva, que permitirán dar vida ao proxecto. Ademais, recoméndase dispoñer de fichas impresas e exemplos de textos que sirvan de guía para explorar e traballar as diferentes tipoloxías textuais incluídas no proxecto.
A información utilizada debe seleccionarse previamente, garantindo que as fontes sexan fiables e que o contido sexa adecuado ao nivel educativo do alumnado. Para complementar o traballo dixital, materiais como papel, lápis e rotuladores resultarán útiles para realizar deseños manuais que sirvan de apoio creativo ao proxecto.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA combínanse actividades individuais e grupais, buscando potenciar a colaboración e o traballo en equipo. Recoméndase organizar ao alumnado en grupos de 3 a 5 persoas, procurando que estes sexan diversos e heteroxéneos. A heteroxeneidade dos grupos permite que cada estudante contribúa dende as súas propias capacidades, asegurando unha participación equilibrada. Cada integrante do grupo pode asumir un rol específico, como a planificación, a creación artística, a redacción ou a presentación, favorecendo así que todos desempeñen un papel significativo.
O groso do traballo realizarase en equipo, co obxectivo de fomentar a autonomía persoal e as habilidades cooperativas. O profesorado deberá garantir un clima positivo, no que se valoren os esforzos individuais e grupais, axudando a superar posibles dificultades e promovendo a “democracia de grupo”, onde as decisións se tomen de forma consensuada.
Produtos finais
O produto final deste proxecto será un videoxogo, unha presentación con fichas ou un vídeo educativo centrado na concienciación ambiental e na protección da vida terrestre e o coidado e protección da vida submarina. Este traballo incluirá a creación de descricións detalladas de personaxes e escenarios, unha trama narrativa que desenvolva a historia mediante diálogos, e mensaxes argumentativas que inviten á reflexión e á acción responsable sobre o medio ambiente.
A presentación do produto final poderá realizarse en diferentes formatos, permitindo que o alumnado escolla o que mellor se adapte ás súas habilidades e preferencias. As opcións inclúen unha exposición oral con soporte visual, un vídeo narrado, ou unha versión escrita en papel ou dixital. Este enfoque flexible promove a inclusión e atende á diversidade do alumnado.
Enfoque multinivel do reto
Este reto deseñouse desde unha perspectiva multinivel, co obxectivo de garantir a participación activa de todo o alumnado, independentemente do seu nivel competencial, ritmo de aprendizaxe ou intereses. Para iso, preséntanse diferentes vías de acceso aos contidos, niveis de complexidade nas tarefas e variedade de produtos finais posibles.
O alumnado poderá:
Escoller o formato co que se sinte máis cómodo/a: papel ou dixital.
Abordar as tarefas con distintos graos de profundidade, desde actividades máis sinxelas (como a descrición básica de personaxes e escenarios) ata propostas máis complexas (como a creación dunha narrativa completa con diálogos e mensaxe ecolóxica).
Organizar o traballo de forma guiada e secuenciada, grazas a fichas paso a paso que permiten avanzar de maneira progresiva cara ao produto final.
Ademais, proponse o uso dun diario de aprendizaxe (en papel ou formato dixital) para que cada alumno/a poida reflexionar sobre o seu progreso, axudando a tomar conciencia das aprendizaxes e identificar os logros acadados.
En canto ao produto final, ofrécense diversas opcións adaptadas a diferentes estilos de aprendizaxe e niveis de competencia:
Ficha ou presentación dixital: opción máis accesible para organizar as ideas de forma clara e visual.
Mural ou cartel explicativo: permite traballar en equipo, integrar diferentes tipos de expresión (texto, debuxo, imaxes) e visualizar o resultado de xeito colaborativo.
Videoxogo en Scratch: opción máis avanzada para alumnado que queira ir máis alá, desenvolvendo o pensamento computacional e a creatividade.
Vídeo narrativo ou viral: proposta máis complexa que require planificación, guionización e edición audiovisual, pensada para alumnado con interese especial na comunicación audiovisual.
Desta forma, cada alumno/a pode elixir o camiño que mellor se adapta ás súas fortalezas, necesidades e intereses, contribuíndo ao proxecto común desde as súas posibilidades. O enfoque multinivel permítenos, así, garantir unha aprendizaxe inclusiva, motivadora e significativa para todo o grupo.