Saltar navegación

3. Guía de uso

Introducindo o REA "Marcando páxinas"

O REA "Marcando páxinas" pretende introducir ao alumnado na creación dun produto final cooperativo que integre lectura, escritura, expresión artística e uso de ferramentas dixitais, ao tempo que reflexiona sobre a situación actual da lingua galega. Ao longo da situación de aprendizaxe, o alumnado traballa en grupo para ler un conto, elaborar un texto instrutivo, deseñar un marcapáxinas con circuíto eléctrico e presentar oralmente o resultado. O proceso fomenta a participación activa, o uso consciente do galego, a creatividade e a avaliación entre iguais, fortalecendo a aprendizaxe significativa e respectuosa.

Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA). Por este motivo se presenta a información de maneiras diferentes tanto en formatos como niveis. O obxectivo último e rachar coas posibles fendas que o alumnado poda atopar para acceder á información e chegar deste xeito ó maior número de realidades individuais do alumnado.

O alumnado manexará aspectos teóricos relacionados cos textos instrutivos, aprendendo a estruturalos con claridade e coherencia. Tamén afondará no uso correcto dos substantivos, distinguindo entre individuais e colectivos, así como nos ditongos e hiatos, e o seu recoñecemento en contexto. Ademais, iniciaranse no uso de ferramentas dixitais como LibreOffice Writer, co obxectivo de redactar, dar formato e gardar os seus textos de maneira autónoma e funcional. Serán os elementos básicos para a elaboración do seu produto final: o marcapáxinas con luz propia. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)