Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

Para a posta en marcha deste recurso educativo aberto, é imprescindible contar con equipamento dixital (tabletas) e conexión a internet. É necesario tamén o uso do caderno e material funxible (folios de cores, pegamento, material eléctrico...), especialmente para a parte final onde o alumnado elaborará os seus propios marcapáxinas con luz. 

O profesorado deberá anticiparse para dispor de documentos impresos, como: modelos de mapas para bloques dialectais, modelos para recollida de contidos, esquemas e diversas rúbricas de avaliación. Todos os materiais se poden atopar ou no REA do alumnado, nos apartados correspondentes, ou no apartado 3.2 Recursos e solución do REA desta guía.

Recoméndase que o alumnado teña auriculares para non causar molestias durante a visualización de vídeos existentes ao longo do REA.

Uso do caderno

O material presentado neste REA ten un carácter marcadamente dixital e en gran medida está pensado para ser utilizado en aulas co proxecto Edixgal en funcionamento.

Moitas das actividades propostas están pensadas para ser resoltas de forma dixital, posto que así foron deseñadas. Igualmente existen dentro dos apartados outras que foron pensadas para ser resoltas en caderno (será evidente pola ausencia de oco para facelo).

Por moito que agora as TIC e as pantallas estean presentes en moitos eidos das nosas vidas, non debemos deixar de lado outros aspectos, como neste caso é a escrita. Todo o alumnado debe ser competente á hora de redactar, ter unha caligrafía clara, producir textos escritos coherentes e escribir cunha ortografía correcta, sen depender que unha máquina lle corrixa constantemente.

De aí que se destaque a importancia da escrita na educación e na necesidade de fomentala aínda que se estea a traballar nun recurso dixital.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Na organización dos equipos para as actividades grupais, recoméndase formar grupos de 3 a 5 alumnos/as. A cada integrante do equipo asignaráselle un rol específico que axudará ao desenvolvemento das tarefas de maneira eficiente e colaborativa. Estes roles son:

  • Investigador: Encargado de buscar información relevante e imaxes necesarias para a realización da actividade. Poderá utilizar recursos como páxinas web e bases de datos para recompilar información.
  • Redactor: Responsable da redacción dos textos necesarios para a actividade. Utilizará tanto o caderno como ferramentas dixitais como o LibreOffice Writer para elaborar os contidos de forma clara e precisa.
  • Deseñador: Encargado de dar formato e presentación ao traballo. 
  • Coordinador: Responsable de organizar e supervisar o traballo do equipo. Rexistrará o progreso das tarefas, tomará nota das decisións do grupo e asegurarase de que todos os membros participen de forma activa e equitativa.

Recoméndase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo  a toma de decisións conxunta. Para iso, o profesorado que use este REA na súa aula, deberá ter presentes as seguintes pautas:

  • Organiza ao teu alumnado  en función das súas diferentes capacidades, para crear equipos de persoas con habilidades diferentes.
  • Asigna a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades. Podes utilizar as propostas anteriores.
  • Crea un clima de traballo positivo e participativo resaltando os progresos que se realicen e acompañando nas dificultades.

Como dicimos, a diversidade nos grupos é fundamental para que o alumnado aprenda a coordinarse e traballar en equipo, desenvolvendo así habilidades de comunicación, cooperación e liderado. Este enfoque non só enriquecerá a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén preparará ao alumnado para a colaboración en contextos laborais e sociais futuros.

Dada a heteroxeneidade do alumnado, existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.

Produtos finais

Outro dos obxectivos finais deste REA é que o alumnado desenvolva a súa creatividade e habilidades de resolución de problemas, creando o seu marcapáxinas con luz propia que ofrezan solución ás problemáticas formuladas en cada reto. É importante destacar que a natureza aberta e flexible deste proceso implica unha gran variabilidade nos produtos finais que poidan chegar a entregar.

A pesar de que sexa o mesmo reto para resolver, a diversidade de enfoques, ideas e solucións posibles fai que cada produto final sexa único. Isto non só enriquece a experiencia de aprendizaxe, senón que tamén ofrece unha oportunidade para a análise e comparativa entre os diferentes enfoques adoptados polo alumnado.

A posibilidade de comparar e analizar os produtos finais permiten non só avaliar a creatividade e efectividade das solucións propostas, senón tamén promove o debate e intercambio de ideas entre o alumnado. Ademais, esta variedade de resultados porá de manifesto a diversidade de pensamento e enfoques dentro do grupo, o cal é un valor engadido, digno de reflexión, no proceso educativo.

En resumo, o produto final do reto non só representa a culminación do traballo do grupo, senón tamén unha oportunidade para a exploración, análise e aprendizaxe a través da comparativa de diferentes enfoques e solucións. Este enfoque fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a colaboración entre o alumnado, preparándoos para afrontar con éxito os desafíos futuros.

Enfoque multinivel do reto

Este reto está pensado para adaptarse aos distintos niveis do alumnado, permitindo que cadaquén participe segundo as súas capacidades. O marcapáxinas elaborado no reto final preséntase con tres opcións ben diferenciadas en canto á dificultade:

  1. Opción A: Do papel á realidade. Realizar en cartolina engadingo un circuíto eléctrico de papel para que se acenda unha luz LED.
  2. Opción B: Origami para marcar as páxinas. Construír un marcapáxinas facendo un origami e engadirlle unha luz LED.
  3. Opción C: Tecendo marcapáxinas. Elaborar un marcapáxinas con feltro e circuíto eléctrico con fío condutor para acender a luz LED.

Será o docente ou a docente quen estableza que opción debe crear cada grupo ou alumno co obxectivo de facerlle medrar de xeito natural, fixándose en aspectos como:

  • Grao de autonomía.
  • Competencias lingüísticas. 
  • Habilidades manuais e motricidade fina.
  • Implicación persoal e motivación. 
  • Circunstancias educativas. 

Ademais, toda a situación de aprendizaxe debe atender ás características de cada un dos alumnos e alumnas. A elección de conto, da imaxe ou texto a representar, tamén debe estar guiada pola persoa docente. Todo isto pode complicar a solución do reto.

Cada reto está vencellado a un ODS. Achégase o acceso á páxina dos ODS para poder orientar ao alumnado. Este aspecto non sería obrigatorio pero si enriquecería o reto.

Sobre a avaliación do reto

O alumnado conta con rúbricas para avaliar aspectos concretos do reto das persoas da aula. Ademais contan tamén cunha rúbrica de autoavaliación que incide en criterios de avaliación ou mínimos de consecución clave da unidade didáctica. Esta rúbrica é unha adaptación da rúbrica que ten o profesorado para avaliar o traballo final realizado polo alumnado. A rúbrica do profesorado está moito máis detalladas para fomentar unha avaliación máis minuciosa. Todos estes documentos están dispoñibles no apartado 3.2 Recursos e solucións do REA desta guía didáctica.

Desenvolvemento da competencia dixital

Dentro do proceso de aprendizaxe, é fundamental potenciar as habilidades dixitais do alumnado. Por isto, o alumnado desenvolve a competencia dixital de maneira integrada e funcional. A través do uso de programas como LibreOffice Writer, aprende a redactar e dar formato a textos instrutivos, aplicando criterios de presentación clara e coidada. Tamén adquire habilidades relacionadas co uso básico do ordenador: encendido, creación e gardado de documentos, manexo do teclado e organización de arquivos.

No traballo por equipos, o uso da tecnoloxía serve como ferramenta de comunicación, planificación e produción de materiais, fomentando a autonomía e a responsabilidade. Ao tempo, introdúcese o alumnado no uso consciente e respectuoso dos recursos dixitais, favorecendo actitudes críticas e creativas no seu emprego.

Uso do dicionario

Ao longo do recurso, existe un glosario de palabras que pode resultar de grande utilidade para o alumnado. Ademais, en diversas seccións do REA, incentívase ao alumnado a buscar palabras no dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG). Esta práctica non só axuda a ampliar o vocabulario, senón tamén a comprender mellor o significado e uso das palabras en contexto.

É importante destacar que, a pesar da dispoñibilidade dos recursos dixitais, tamén se recomenda que o profesorado incentive ao uso do dicionario físico. Esta recomendación permitirá ao alumnado explorar as similitudes e diferenzas entre os dous sistemas de busca.

En resumo, o uso do dicionario, tanto en formato dixital como físico, é unha práctica fundamental para o desenvolvemento das habilidades lingüísticas do alumnado. A súa utilización non só facilita a comprensión e uso correcto das palabras, senón tamén promove unha maior autonomía e enriquecemento do vocabulario dun xeito consciente.

Implicación das familias

Neste REA preténdese que as familias se impliquen no proceso de aprendizaxe dos seus fillos e fillas. Serán de gran axuda a hora de aportar novo vocabulario ou expresións da súa infancia ou do seu lugar de procedencia. Tamén se dá importancia as mesmas co visionado dos diferentes vídeos creados polo alumnado.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)