Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións que o profesorado pode ter en conta para un maior aproveitamento deste recurso educativo.
Motivación para a abordaxe do REA
Este recurso parte da formulación dun reto que pode ser motivador para o alumnado, e que se ten que conseguir que o sexa para o máximo aproveitamento e unha mellor aprendizaxe.
O reto consiste en facer (idear, preparar e emitir) un programa de televisión, polo que é importante amosarlles ás rapazas e aos rapaces exemplos de programas en galego variados e que lles poidan gustar. No REA preséntanse algúns exemplos, mais é importante que o profesor ou profesora, tendo en conta o grupo que ten, seleccione, valore outras opcións etc.
Tamén é importante que toda a clase se implique, polo que se cadra cómpre distribuír roles para que todos e todas teñan unha función que lles guste, na que se sintan cómodos/as, motivados/as etc. Por exemplo, de ser necesario, dentro dos trupos uns poden centrarse máis nos diálogos, outros na acotacións, outros na posta en escena...
Se hai motivación e cada rapaz e rapaza atopa un papel no estea cómodo/a, motivado/a e se sinta importante, a aprendizaxe está asegurada!
Recursos necesarios
Ademais dos recursos propios da clase (ordenadores, caderno etc.) outras cousas que cómpre ter en conta son:
- O ideal é que a emisión do programa sexa con público, nun salón de actos, aula multiúsos ou similar.
- Cómpre ter en conta vestiario e attrezzo adaptado ao tipo de programa e ao guión que se realice. O que se pense debe terse en conta que debe ser viable para poder conseguir facilmente no centro de ensino, que o alumnado poida traer da casa sen dificultade, que non haxa que mercar nada etc.
Proposta de agrupamentos para as actividades
Ao longo das distintas fases deste REA propóñense tarefas individuais, en parella, en grupos de catro e en grupo grande. Todo o traballo, tanto o individual como en grupo, é necesario para a aprendizaxe e para acadar o reto proposto.
- Individual: son tarefas de traballo e aprendizaxe de contidos, produción escrita, reflexión no Diario de aprendizaxe etc. É un traballo necesario tanto para a aprendizaxe persoal como para poder acadar en conxunto o reto.
- Parella: tarefa de reflexión e debate para desmontar prexuízos lingüísticos.
- Grupos de catro: boa parte do traballo desenvólvese en agrupamentos de catro alumnos/as, polo que é necesario que o profesor ou profesora decida o método de agrupar de acordo ao coñecemento do seu alumnado, para que, ao mesmo tempo, traballen comodamente, se fomente a integración, se teñan en conta os distintos perfís, se procure o equilibrio entre grupos etc. Para unha mellor optimización do funcionamento deste grupos pódense distribuír roles dentro del (por exemplo: secretario/a, voceiro/a, responsable de diálogos, responsable de attrezzo etc.), aínda que cómpre indicar sempre que a responsabilidade é do conxunto, que non é simplemente un reparto de tarefas.
- Grupo grande: acadar o reto axeitadamente é cousa do grupo no seu conxunto, para o que ten que funcionar toda a engrenaxe do traballo individual, en parella e grupal.
Produto final
O produto final é a emisión en directo dun programa de televisión. A intención diso é que, por un lado, sexa algo motivador desde o principio e, por outro, que o resultado sexa visible e valorado (polo propio alumnado, polo profesorado e por outro alumnado que poida participar como público).
Ademais, como final do proceso que é, nese programa pódese comprobar a evolución da aprendizaxe en todos os sentidos: dos contidos concretos traballados, da expresión oral, da expresión non verbal, da coordinación de traballo cooperativo etc.
Enfoque multinivel do reto
Como é lóxico e normal, en cada aula hai individuos moi variados e puntos de partida moi distintos, algo que este REA ten en conta. En primeiro lugar, ao seren todas as fases para chegar ao reto o suficientemente abertas para que o profesorado poida regular a intensidade do traballo e o nivel de esixencia individual, por exemplo, nas reflexións por escrito, na redacción de guión, na posta en escena e linguaxe non verbal, na comunicación oral etc.
Ademais, con respecto ás tarefas individuais, nalgúns casos tamén se presentan varias opcións de dificultade, para que cada rapaz ou rapaza poida adaptar o traballo ao nivel de afondamento ou complexidade que necesita (por exemplo, a tarefa Fedellamos nas tripas das palabras?).