Criterios de avaliación e mínimos de consecución
Na seguinte táboa recóllense os criterios de avaliación, os mínimos de consecución que se contemplan para cada criterio, os instrumentos de avaliación previstos e a súa ponderación. Aínda que segundo a programación proposta en Proens estas dúas unidades terían que ser avaliadas nun 92'5% a través de proba escrita (todo menos o CA3.6), neste cadro propomos unha orientación máis aberta e acorde coa filosofía de aprendizaxe deste REA.
| Códigos CA: descrición dos criterios de avaliación | Mínimos de consecución | Instrumentos de avaliación | Unidade didáctica (Proens) | % proposta para este REA |
|---|---|---|---|---|
| CA1.2 - Identificar, a partir da observación da diversidade lingüística da contorna, prexuízos e estereotipos lingüísticos, adoptando unha actitude de respecto e de valoración da riqueza cultural, lingüística e dialectal. | O alumnado identifica algúns trazos dialectais da súa área lingüística (seseo, gheada...) e valora estes fenómenos como mostra da riqueza do galego. O alumnado detecta nun texto oral, escrito ou multimodal prexuízos e/ou estereotipos lingüísticos relativos á utilidade da lingua galega e expón algún argumento para refutalos. | Táboa de indicadores (TI) | 7 e 8 | 10% |
| CA2.2 - Realizar narracións e exposicións orais sinxelas con diferente grao de planificación sobre temas de interese persoal, social e educativo axustándose ás convencións propias dos diversos xéneros discursivos, con fluidez e coherencia e co rexistro adecuado, en diferentes soportes e utilizando de maneira eficaz recursos verbais e non verbais. | O alumnado, logo de subliñar as ideas principais dun texto de temática ambiental, redacta un resumo da información máis salientable e elabora un esquema dos contidos tratados. | Táboa de indicadores (TI) | 7 | 15% |
| CA2.4 - Comprender e interpretar o sentido global, a estrutura, a información máis relevante e a intención do emisor en textos escritos e multimodais sinxelos de diferentes ámbitos que respondan a diferentes propósitos de lectura, realizando as inferencias necesarias. | O alumnado recoñece e explica erros léxicos, gramaticais e ortográficos coa axuda de dicionarios e de manuais de consulta en textos escritos e multimodais dados do ámbito persoal, social e académico. O alumnado recoñece castelanismos léxicos frecuentes en textos escritos e multimodais dados do ámbito persoal, social e académico e sabe substituílos pola forma galega correcta. | Proba escrita (PE) e/ou Táboa de indicadores (TI) | 7 e 8 | 10% |
| CA3.2 - Valorar a forma e o contido de textos sinxelos avaliando a súa calidade, fiabilidade e idoneidade da canle utilizada, así como a eficacia dos procedementos comunicativos empregados. | Logo de valorar a forma e o contido do borrador do álbum ilustrado colectivo, o alumnado debe empregar procedementos comunicativos para melloralo e emendar o que for preciso. O alumnado é capaz de interpretar o sentido dalgúns textos literarios dende unha perspectiva de xénero. Identifica situacións de desigualdade, discriminación, prexuízos, linguaxe sexista etc. | Táboa de indicadores (TI) | 7 e 8 |
10% |
| CA4.1 - Incorporar procedementos básicos para enriquecer os textos, atendendo a aspectos discursivos, lingüísticos e de estilo, con precisión léxica e corrección ortográfica e gramatical. | O alumnado sabe redactar correctamente oracións simples e localizar nelas as frases e funcións sintácticas principais (SUX, PDO, CD, CI e CC). O alumnado incorpora, nun texto dado, palabras sinónimas, hiperónimas e hipónimas co obxectivo de evitar repeticións no discurso. | Proba escrita (PE) e/ou Táboa de indicadores (TI) | 7 e 8 | 10% |
| CA4.3 - Revisar os textos propios de maneira guiada e facer propostas de mellora argumentando as mudanzas a partir da reflexión metalingüística e cunha metalinguaxe específica, e identificar e solucionar algúns problemas de comprensión lectora utilizando os coñecementos explícitos sobre a lingua e o seu uso. | O alumnado revisa un texto dado e soluciona problemas lingüísticos coa axuda dicionarios, de manuais de gramática e de correctores ortográficos, en soporte analóxico e dixital. | Proba escrita (PE) e/ou Táboa de indicadores (TI) | 7 | 10% |
| CA4.4 - Explicar e argumentar a interrelación entre o propósito comunicativo e as eleccións lingüísticas do emisor, así como os seus efectos no receptor, utilizando o coñecemento explícito da lingua e unha metalinguaxe específica. | O alumnado localiza en textos narrativos e descritivos, distintos tipos de palabras e identifica cales son as categorías gramaticais predominantes. | Proba escrita (PE) e/ou Táboa de indicadores (TI) | 8 | 10% |
| CA4.5 - Formular xeneralizacións sobre aspectos básicos do funcionamento da lingua a partir da observación, comparación e transformación de enunciados, así como da formulación de hipóteses e a procura de contraexemplos, utilizando unha metalinguaxe específica e consultando de maneira guiada dicionarios, manuais e gramáticas. | O alumnado é quen de explicar a mudanza gramatical dunha palabra mediante procedementos como a adición de prefixos e sufixos. | Proba escrita (PE) e/ou Táboa de indicadores (TI) | 8 | 10% |
| CA3.6 - Crear textos persoais ou colectivos con intención literaria e conciencia de estilo, en distintos soportes e con axuda doutras linguaxes artísticas e audiovisuais, a partir da lectura de obras ou fragmentos significativos en que se empreguen as convencións formais dos diversos xéneros e estilos literarios. | O alumnado elabora, a partir de modelos dados, unha páxina do álbum ilustrado colectivo sobre temática ambiental (mudanza climática, protección animal etc.). | Táboa de indicadores (TI) | 7 | 15% |
| Lenda: %: Peso orientativo (o profesorado debe axustalo á súa programación); PE: Proba escrita, TI: Táboa de indicadores | ||||
Ao se desenvolveren de maneira conxunta dúas unidades didácticas da programación modelo de Proens, fíxose a media ponderada das porcentaxes para o cálculo da porcentaxe final conxunta neste REA.