Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAGAL do que forma parte.

Dende o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula.

As liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe son a base nas que se asenta a metodoloxía que se segue nesta proposta didáctica para que sexa activa e participativa.

Utilizaranse distintas metodoloxías buscando a acción educativa máis axeitada en función do momento e contidos que se tratan e que, ademais, sirvan para atender os distintos ritmos de aprendizaxe.

Tamén se intentará que a organización da aula sexa o máis axeitada para o desenvolvemento do traballo en equipo, sempre en coordinación co resto do profesorado. Tamén inclúe a presentación do traballo final fóra da aula, a emisión en directo do programa, que é o resultado do reto, co que iso implica de posta en valor do traballo realizado.

PRINCIPIOS METODOLÓXICOS

  • Busca dunha aprendizaxe significativa: por distintos medios obteremos información das ideas previas que posúe o alumnado (preguntas na aula, exploración, actividades de coñecementos previos...), sobre todo na fase 1, para que partindo destes coñecementos, cada alumno e cada alumna poida enriquecer, modificar e reorganizar os seus esquemas cognitivos.
  • Busca dunha aprendizaxe funcional: é moi importante que o alumnado coñeza a utilidade dos contidos tratados. Para conseguilo, introdúcense os contidos a partir de situacións que hai que resolver e nas que aplican os coñecementos adquiridos para a súa resolución (valoración das variedades lingüísticas, reflexión sobre os prexuízos, comunicar contidos etc.).
  • Fomento da reflexión persoal sobre o proceso de aprendizaxe, de xeito que o alumnado valore o seu progreso e poida corrixir os erros cometidos. Iso faise principalmente a través do Diario de aprendizaxe.
  • Promoción da colaboración entre o alumnado, para que así sexan conscientes das vantaxes de intercambiar información, unir esforzos e do apoio mutuo. Para iso, neste REA hai dinámicas en parella, en grupos de catro e en grande grupo. No resultado individual, en parella e grupal inflúe todo o traballo individual, en parella e grupal.

TIPOLOXÍA DE ACTIVIDADES E DINÁMICAS DE APRENDIZAXE

  • Pártese dun reto que se ten que resolver, para o que hai que ir explorando, adquirindo coñecementos, resolvendo situacións, cooperando..., para poder levado a cabo.
  • Inclúense actividades interactivas para facer no propio ordenador con actividades para facer por escrito no caderno ou oralmente na clase.
  • Contémplanse dinámicas individuais (tarefas interactivas, Diario de aprendizaxe, actividades no caderno en todas as fases...), dinámicas en parella (reflexión e resolución de prexuízos lingüísticos), dinámicas en grupos de catro persoas (elaboración do guión dunha sección do programa) e dinámicas en grande grupo (ensaio xeral, emisión en directo...).
  • Propóñense actividades escritas e actividades orais.
  • Todo o REA está baseado en actividades multinivel. Nuns casos porque xa se ofrecen diversos niveis da propia actividade e noutros, nas actividades máis abertas e de creación, porque o nivel de esixencia e os resultados deben estar en relación co punto de partida de cada alumna e alumno.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)