Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado. No material inclúense modelos en dous formatos:
- Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos. O formato .odp é editable con LibreOffice Impress, presente na maqueta Abalar.
- Formato .pdf: teñen como finalidade que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo, e inclusive pódense utilizar con posteriores ferramentas e convertelas en interactivas.
Finalmente, recomendamos encarecidamente, no caso de querer imprimir o material, buscar alternativas ecolóxicas como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou branco/negro para continuar poñendo o noso gran de area ao coidado medioambiental.
Recursos complementarios
Recomendacións lectoras
Esta guía ten como obxectivo proporcionar ao profesorado unha selección de libros recomendados que complementan a información proporcionada ao longo do REA e que pode ser de utilidade para as actividades como e a selección da protagonista do reto :
- Galería Morava de Brno. (2021). Cómo se hace un museo. Nórdica Libros.
- Gilberti, F. (2020). Yayoi Kusama covered everything in dots and wasn’t sorry. Phaidon Press.
- Ignotofsky, R. (2017). Mujeres en el arte. Capitán Swing/Nórdica Libros.
- Lockhart, L. (2019). El gran inventario del arte. Patio Editorial.
- Spires, A. (2017). La idea más maravillosa. Beascoa.
- Tanco, M. (2019). Cuenta conmigo. Editorial Libre Albedrío.
"Vigo, cidade de cor"
Na fase 4 do REA, o alumnado pode buscar inspiración no programa "Vigo, cidade de cor" para levar as súas creacións a outro nivel de creatividade. Este festival, que transforma as rúas de Vigo en auténticas obras de arte ao aire libre, serve de exemplo para que tamén decoren as medianas dos edificios de cartón con detalles únicos que conten historias cheas de cor e emoción.
Os equipos poden utilizar as intervencións artísticas de "Vigo, cidade de cor", nas que se decoran fachadas e medianas con pinturas que dialogan co espazo urbano e coas persoas, como referencia para enriquecer as súas propias creacións. Ademais, integran a inspiración da obra de Georgia O’Keeffe e o estilo Art Déco para experimentar con tintas, recortes de papel e outras técnicas artísticas que lle acheguen personalidade ás súas cidades.
Deste xeito, ao rematar, as cidades suspendidas deseñadas polo alumando non só presentarán unha estrutura imaxinativa e arquitectónica, senón que tamén reflectirán a forza transformadora da arte urbana. A actividade permite que combinen arte e xeometría para crear obras únicas, onde cada edificio conta a súa propia historia e enche o proxecto de sensibilidade, creatividade e emoción.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
As actividades grupais deste reto están pensadas para unha clase con rateo 20.
Porén, pódense realizar outros agrupamentos e adaptar todas as actividades sen que afecte ao REA segundo a rateo da aula na que se utilice o recurso.
A continuación, descríbese a proposta de actividades para realizar segundo os diferentes agrupamentos ao longo do REA:
En pequeno grupo (4 integrantes, aproximadamente): "En busca da inspiración", "Alimentando a inspiración" e "O noso reto: a nosa cidade suspendida".
Gran grupo: "Posta en común do bodegón", "Reflexionamos sobre as figuras tridimensionais con cartón", "Ensamblado e montaxe da instalación" e "Espazo de reflexión e debate".
Produtos finais
O produto final do REA é unha instalación artística.
"A cidade suspendida" propón ao alumnado deseñar e construír unha instalación artística en grupo inspirada na cidade de Nova York e na obra de Georgia O'Keeffe. A actividade convida a explorar a conexión entre a arte, a xeometría e a expresión creativa, traballando en equipo para transformar a aula nunha obra de arte interactiva. O reto estimula o desenvolvemento de habilidades técnicas, o pensamento crítico e a imaxinación, a través da creación dunha maqueta dunha cidade de cartón colgada boca abaixo do teito, onde a luz, os volumes e as formas combínanse para xerar unha experiencia visual única.
Independentemente da opción que escollan, todos os equipos deberán seguir estes pasos para o desenvolvemento do reto:
-
Inspiración
-
Observación do mural de inspiración para recoller ideas, texturas, cores e formas que guíen o deseño das creacións. Este paso conectará a creatividade co proceso de construción, asegurando que as estruturas reflictan coherencia e orixinalidade.
-
-
Construción das estruturas
-
Cortar, pegar e ensamblar as formas tridimensionais (cubos, prismas, cilindros, etc.) empregando o material dispoñible.
-
-
Experimentación con materiais
- Decorar as pezas incorporando texturas, cores, ventás e outros elementos que enriquezan a cidade visualmente.
-
Incorporar elementos decorativos como acetatos de cores, tecidos ou luces LED para xogar con efectos visuais e texturas.
-
Montaxe e ensamblaxe da cidade
-
Unir todas as "parcelas" dos equipos para formar unha única cidade colgante, respectando as proporcións e buscando unha integración harmónica entre os elementos.
-
-
Presentación e reflexión grupal
-
Reflexionar colectivamente sobre o traballo realizado e avaliar a experiencia.
-
Tendo en conta a importancia que ten a avaliación no proceso de ensino aprendizaxe, inclúense nesta guía os instrumentos de avaliación que empregará o profesorado e as rúbricas que usará o alumnado para a súa autoavaliación e coavaliación, aparecendo estas últimas tanto na guía didáctica coma na situación de aprendizaxe.
Unha parte moi importante do REA é a visibilidade que se faga dos seus produtos finais, por iso, adicarase unha sesión para "a gran inaguración". É recomendable que os productos finais sexan compartidos có resto da comunidade educativa empregando as das ferramentas corporativas que están a disposición do profesorado (aula virtual do centro, web do centro ou Agueiro).
Enfoque multinivel do reto
O obxectivo, é proporcionar unha variedade de recursos, tal como figuran no presente REA, para que o alumnado poida escoller o seu nivel de competencia. Seguindo os principios do DUA, propóñense opcións para a acción e a expresión das aprendizaxes como un principio didáctico, para proporcionar oportunidades de aprender e amosar a aprendizaxe acadada.
O deseño dos retos está pensado para que teña diferentes niveis de dificultade, proporcionando opcións para que o alumnado poida escoller o nivel axeitado a súa capacidade. A continuación descríbense tres niveis de dificultade para o reto:
Exploración de formas xeométricas en 3D. Nivel básico.
Obxectivo: construír edificios empregando formas xeométricas tridimensionais e decorar as fachadas con detalles básicos.
Materiais necesarios:
-
Cartón, tesoiras, regras, escuadras, lapis, marcadores, pegamento, papel de cores ou cartolina.
Pasos a seguir:
-
Seleccionar unha forma 3D (cubo, prisma ou cilindro).
-
Debuxar o despregable da figura no cartón e recortalos.
-
Dobrar e ensamblar para crear volumes.
-
Decorar engadindo ventás, portas e outros detalles con papel ou marcadores.
-
Definir o lugar da estrutura dentro da cidade.
Experimentación coa luz e texturas. Nivel intermedio.
Obxectivo: crear edificios que combinen formas e xoguen coa luz e texturas para lograr efectos visuais.
Materiais necesarios:
-
Cartón, acetato ou plásticos de cores, luces LED, fíos, tecidos, la, pegamento ou pistola térmica.
Pasos a seguir:
-
Deseñar un edificio que combine varias formas.
-
Construír as formas e unilas coidadosamente.
-
Corta ventás e cúbreas con materiais translúcidos de cores.
-
Incorporar luces no interior para crear efectos de iluminación.
-
Engadir texturas con tecidos, fíos ou outros elementos.
Creación de experiencias artísticas. Nivel avanzado
Obxectivo: deseñar espazos e estruturas que xeren emocións ou interacción a través da luz, o movemento e os materiais.
Materiais necesarios:
-
Cartón resistente, estruturas colgantes (fíos, paus, arames), móbiles ou elementos que se movan, luces, papel de cores, elementos naturais (palla, area, etc.), pistola de cola.
Pasos a seguir:
-
Pensar na emoción ou sensación que se quere provocar (intriga, calma, sorpresa...).
-
Deseñar estruturas que xoguen coas formas, alturas ou materiais.
-
Construír elementos que se movan ou xeren efectos ópticos.
-
Incorporar elementos colgantes ou naturais para engadir variedade.
-
Explicar ao grupo a intención artística detrás da creación.
Fomentarase a colaboración entre o alumnado asignando tarefas en grupos heteroxéneos, onde o alumnado máis avanzado poida apoiar ao alumnado que presente máis dificultades.
Promóvense diferentes formas de avaliación para medir o progreso e o logro do alumnado, tanto ao longo do REA, nas distintas fases, coma ao rematar os retos. Inclúense rúbricas para levar a cabo autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación do reto.
Debuxo técnico
Na fase 3 do reto, o alumnado dedicará o seu tempo ao debuxo técnico, unha habilidade fundamental para levar a cabo a planificación e a construción da cidade suspendida. Nesta etapa, traballarán coas ferramentas tradicionais do debuxo técnico, como o compás, o escuadro e o cartabón, para explorar conceptos clave como a mediatriz dun segmento e a precisión no debuxo de ángulos.
Obxectivos:
- Introducir ao alumnado ao uso de ferramentas básicas do debuxo técnico.
- Desenvolver habilidades de precisión e cálculo gráfico.
- Preparar ao alumnado para aplicar estes conceptos á creación dos edificios da cidade suspendida.
Materiais de debuxo técnico esenciais:
- Compás: fundamental para trazar circunferencias e arcos.
- Regra e escuadros: para trazar liñas rectas e ángulos precisos. Os escuadros de 45º e 30º/60º son especialmente útiles.
- Lapis de debuxo técnico: variedade de durezas (HB, 2H, 2B) para diferentes tipos de liñas. O HB é versátil para liñas xerais, mentres que os máis duros (H) son para liñas de construción e os máis brandos (B) para sombreado.
- Goma de borrar: preferiblemente unha goma branda para non danar o papel.
- Papel de debuxo técnico: empregar papel de boa calidade que soporte o uso do compás e a goma de borrar.
Practicamos coas liñas: mediatriz dun segmento
- Material necesario: segmento debuxado (por exemplo, AB), compás, regra ou escuadro.
- Pasos a seguir:
- Abre o compás un pouco máis da metade do segmento AB.
- Pica no punto A e traza un arco por riba e por baixo do segmento.
- Sen cambiar a abertura, pica no punto B e traza outros dous arcos que corten cos anteriores.
- Marca os puntos de intersección dos arcos e úneos cunha regra: esa liña é a mediatriz do segmento AB.
- Verifica que todos os puntos da mediatriz estean á mesma distancia dos extremos A e B.
- Probas prácticas para o alumnado:
- Debuxar un segmento AB de 6 cm e calcular a súa mediatriz.
- Marcar o punto medio onde a mediatriz corta o segmento e comprobar que está a 3 cm de A e de B.
Practicamos cós ángulos: uso do escuadro e do cartabón
- Material necesario
- Escuadro.
- Cartabón.
- Regras rectas ou calibradas.
- Lapis.
- Papel para debuxar ou caderno técnico.
- Pasos a seguir
- Coñecemento básico dos ángulos: familiarízase co ángulos que cada ferramenta ofrece:
1. Escuadro: 90º, 45º e 45º.
2. Cartabón: 90º, 60º e 30º.
- Práctica inicial:
1. Identifica cada ángulo nas ferramentas e compara os seus tamaños colocándoas sobre papel.
2. Coloca o cartabón e o escuadro para experimentar con diferentes combinacións de ángulos.
- Sumas e restas de ángulos:
1. Usa as ferramentas para sumar ángulos, como combinar o ángulo de 45º do escuadro co de 30º do cartabón para obter 75º.
2. Experimenta restando ángulos, por exemplo, colocando o ángulo de 45º sobre o de 90º do escuadro para obter 45º.
- Debuxar ángulos específicos:
1. Debuxar ángulos específicos seguindo estas combinacións:
a) Formar un ángulo de 75º combinando as pezas.
b) Debuxar un ángulo de 30º empregando o cartabón.
c) Formar un ángulo de 105º sumando dous ángulos.
d) Restar un ángulo de 45º a un de 90º e verifica o resultado.
- Revisión e reflexión:
Comparar os ángulos debuxados cos valores teóricos e verifica a precisión.
Transversalidade
Cando o alumnado pode conectar diferentes áreas do coñecemento, son quen de comprender mellor os conceptos e de aplicalos na súa vida acotío. Por iso, este REA atópase relacionado cós obxectivos fundamentais das áreas de:
Matemáticas:
- "OBX5. Recoñecer e utilizar conexións entre as diferentes ideas matemáticas, así como identificar as matemáticas noutras áreas ou na vida cotiá, interrelacionando conceptos e procedementos, para interpretar situacións e contextos diversos."
A relación entre conceptos matemáticos e a arte, especialmente en áreas como a xeometría, ofrece unha oportunidade valiosa para establecer vínculos significativos entre a educación artística e as matemáticas. Esta conexión vólvese particularmente evidente ao explorar estilos artísticos como o Art Déco.
Art Déco, coa súa énfase na xeometría precisa, a simetría e os patróns repetitivos, reflicte directamente principios matemáticos. As formas xeométricas como círculos, triángulos e cadrados utilízanse de maneira estruturada e calculada, demostrando unha aplicación práctica de conceptos matemáticos no deseño artístico.
Ao relacionar os estilos artísticos con conceptos matemáticos, o alumnado pode desenvolver unha comprensión máis profunda de como as matemáticas se aplican no mundo real e como poden utilizarse como unha ferramenta para a expresión creativa.
Ciencias sociais:
- "OBX6. Recoñecer e valorar a diversidade e a igualdade de xénero, mostrando empatía e respecto por outras culturas e reflexionando sobre cuestións éticas, para contribuír ao benestar individual e colectivo dunha sociedade en continua transformación e ao logro dos valores de integración europea."
Este Recurso Educativo Aberto (REA) representa unha oportunidade única para aplicar este obxectivo, fusionando a creatividade artística coa reflexión social. Ao coñecer a vida e obra de mulleres artistas pioneiras o alumnado non só aprenderá sobre as súas contribucións artísticas, senón que tamén reflexionará sobre os desafíos aos que se enfrontaron debido ao seu xénero.
Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais, que, a pesar de pertencer a áreas distintas, converxen para acadar un propósito común:
- OBX5 para Ciencias da Natureza: "Utilizar dispositivos e recursos dixitais de forma segura, responsable e eficiente, para buscar información, comunicarse e traballar de maneira individual, en equipo e en rede, e para reelaborar e crear contido dixital de acordo coas necesidades dixitais do contexto educativo."
- OBX1 para Ciencias Sociais "Utilizar dispositivos e recursos dixitais de forma segura, responsable e eficiente, para buscar información, comunicarse e traballar de maneira individual, en equipo e en rede.
A utilización de ferramentas dixitais para a investigación promove o desenvolvemento do pensamento computacional e habilidades de deseño.
Esta relación, permitirá á persoa titora poder traballar de xeito transversal estes obxectivos dende as distintas áreas.