Un plan perfecto
Esta situación de aprendizaxe, pretende facer consciente ao alumnado e, por ende, as súas familias, que estamos nunha situación de emerxencia en cuestión de saúde.
Os datos recollidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalan que a obesidade infantil está chegando a ser considerada a "pandemia do século XXI". E nós, o profesorado de E.F. temos a obriga de mostrarlle ao noso alumnado como conseguir ter un estilo de vida máis activo e saudable, para mellorar a súa saúde. Eles son o futuro!
Con esta situación de aprendizaxe pretendemos que o alumnado sexa capaz de diferenciar entre os hábitos saudables e os non saudables, e ensinarlles a importancia que teñen as súas decisións para coa súa saúde. Fagámoslles ver as consecuencias pero tamén os efectos beneficiosos para o seu benestar físico, social e mental.
Unha das claves para conseguir un plan de éxito é cooperar cos demais (familia, amizades...), por iso, propoñemos traballar estes contidos a través do traballo cooperativo e moita actividade física. Terán que superar unha serie de DESA-FÍOS FÍSICOS COOPERATIVOS relacionados con alimentación, hixiene persoal, postural, primeiros auxilios... Lembrando sempre que: "Todas as persoas son importantes e necesarias dentro do equipo", porque se alguén non participa ou non consigue superar o reto, o equipo non o conseguiría, deste xeito, terán que atopar a forma de axudarse para que todos e todas consigan superalo.
Pensemos que unha experiencia práctica e positiva dos hábitos saudables pode ser a punta do iceberg para que a vida do noso alumnado e a das súas familias sexa un pouquiño máis activa e saudable.