Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Unha das características máis relevantes na área de EF é que é unha clase práctica, con actividade física. Tentaremos aproveitar ao máximo o tempo de práctica motriz, aínda que algúns dos contidos a traballar pareza ser máis teórico. 

A información sobre os contidos teóricos e as actividades interactivas están dispoñibles de xeito permanente para o alumnado coa fin de que poida acceder e revisar os conceptos básicos das actividades que vai practicar nas sesións de EF. Grazas ao recurso dixital en EF favorecese a autorregulación e a aprendizaxe personalizada (xa que o alumnado pode ver as veces que precise a información).

Para levar a cabo esta situación de aprendizaxe, hai que ter en conta unha serie de orientacións e recomendacións de uso, que poden axudar moito ao profesorado a poñela en práctica.

Enfoque multinivel

Esta situación de aprendizaxe vai permitir ao alumnado participar segundo as súas capacidades.

Dentro dos equipos haberá alumnado con capacidades diferentes para que entre todos e todas, podan axudarse, segundo as súas posibilidades.

Na presentación do reto poden elixir diferentes formatos (carteis, folleto, álbum fotográfico, vídeo ou podcast). Isto vailles permitir que, segundo as habilidades que teñan os integrantes do equipo, poidan sentirse máis cómodos cun formato ou con outro.

Recursos materiais necesarios

Para facer as actividades interactivas e para a presentación do plan, podemos necesitar:

  • Materiais dixitais: ordenadores, tablets, cámara de fotos, cámara vídeo, radio escolar...
  • Materiais manuais: folios, A3, cartolinas, cores, tesoiras, pegamento, revistas...

A parte de práctica motriz, farase no pavillón e necesitaranse os materiais habituais da materia:

Materiais propios da EF.: conos, petos, porterías, metro, xiz, pelotas, colchóns...

Materiais deseñados especificamente para o REA: xogos de parellas, infografías...

Taboleiro de anuncios ou encerado, para ir marcando os retos conseguidos.

Repartición de sesións

Para esta situación de aprendizaxe necesitamos 10 sesións, repartidas do seguinte xeito:

Fase 1: Presentación do reto e algunha dinámica no pavillón con xogos cooperativos. 1 sesión

Fase 2: Coñecementos previos, reflexión folla de rexistro persoal e formación dos equipos. 1 sesión

Fase 3: Explicación dinámica traballo cooperativo, desafíos físicos cooperativos. 5 sesións

  • Alimentación saudable e hidratación adecuada. 2 sesións
  • Hixiene persoal, postural e do sono. 1 sesión
  • Primeiros auxilios. 1 sesión
  • Actividade física e tempo de lecer. 1 sesión

Fase 4: Deseño do plan de mellora cas recomendacións xerais e cotexo co plan persoal. 2 sesións

Fase 5: Presentación do reto. Avaliación. 1 sesión

Formación dos equipos cooperativos

Pode facelos o profesorado ou o alumnado, pero recoméndase que os equipos sexan heteroxéneos e mixtos, mesturando alumnado con boas habilidades, con outro que teña menos, e compensando tamén con alumnado con habilidades intermedias. Deste xeito, todos poderán axudarse a conseguir o reto.

O número de xogadores/as dos equipos depende do número de alumnado da clase, pero recoméndase que non sexa máis de 6.

Pódense asignar diferentes roles dentro do equipo: (os que se queira)

  1. VOCEIRA/O: representa ao equipo.
  2. ENCARGADA/O MATERIAL: colle e recolle o material que se necesite.
  3. VOLUME: mantén o ton de voz do equipo.
  4. APUNTADOR/A: marca a cela na táboa de retos conseguidos.
  5. LECTOR/A: encárgase de ler o reto.

O profesorado o supervisará. Se se considera que non cumpren cos requisitos, faráselles ver para que fagan os cambios necesarios.

Cada grupo vai ter que elixir un NOME DE EQUIPO, que será o seu nome para todas as sesións.

Despois, cada día, teñen que repartir os roles dentro do equipo, para que todos e todas podan ter unha responsabilidade cada día.

A persoa voceira é a única persoa que pode preguntarlle ao profesorado algunha dúbida que poda xurdir na realización dos retos.

A persoa encargada do material, pode coller os materiais necesarios para facer os retos. E ao final da sesión, recólleo.

A persoa encargada do volume, ten que conseguir que o seu equipo traballe nun ton adecuado, sen gritos e sen molestar aos outros grupos.

A persoa apuntadora, ten que ir marcando os retos que van conseguindo ao longo da clase, no encerado ou taboleiro do pavillón onde haberá unha táboa de dobre entrada co número de retos do día e o nome dos equipos. 

Desafíos físicos cooperativos

Para traballar en equipos cooperativos hai que explicarlles que teñen que cooperar, é dicir, que se non se axudan, non van superar o reto. Todos e todas teñen que superalo polo que, ás veces, deben facer adaptacións dentro do equipo e do reto, para que todas as persoas podan superalo (interdependencia positiva)

Pódese utilizar a dinámica cooperativa de SENTIR, PENSAR, COMPARTIR e ACTUAR. A través dela pódeselles explicar que, para afrontar un reto, deben seguir os seguintes pasos:

  1. SENTIR: non todos sentimos o mesmo ante un reto. Pódese ter medo, desconfianza, seguridade... É bo dicir que se sinte ante o reto proposto, para saber quen necesita máis axuda e quen a pode dar.
  2. PENSAR: Unha vez que se le e se entende o reto, hai que pensar posibles solucións. Non hai unha única válida.
  3. COMPARTIR: Cada persoa que teña algunha idea, compártea co resto do equipo. Máis ideas, máis opcións.
  4. ACTUAR: Poñer en práctica as ideas propostas ata que se consiga superar o reto.

En cada sesión propóñense diferentes retos sobre cada un dos diferentes contidos a traballar (alimentación saudable, hixiene persoal, primeiros auxilios...).

Normas básicas dos desafíos:

  • Deben tratar de superalos todos.
  • Se o conseguen, marcarán cun "x" na táboa do encerado.
  • Se se atascan nalgún reto, poden deixalo e cambiar para outro.
  • Se queren volver repetilo, tamén poden.
  • E non pode haber máis dun equipo nun mesmo reto.

Presentación do reto final

Ao longo das sesións van traballar dunha forma práctica os hábitos saudables. Toda esa información serviralles para o reto final, vendo cales son os hábitos saudables e non saudables que deben poñer en práctica para mellorar a súa saúde e a da súa familia.

Unha vez seleccionada a información básica do plan, teñen que elixir o formato no que o farán, segundo as habilidades e competencias do seu equipo.

Unha vez feito o plan xeral, cada quen vai ter que coller a folla persoal de rexistro semanal e marcar nela os hábitos que cumpren, os que están a medias e os que teñen que conseguir. Despois, esta información pódena compartir coa súa familia.

Utilizaranse 2 sesións para o reto:

      • 1 sesión para a deseño do plan.
      • 1 sesión para a presentación ao resto da clase e publicación nos diferentes redes sociais das que dispoña o centro (blogs, páxina web, canal vídeo, redes sociais, radio escolar...)

Unha vez presentados todos os plans, farase unha avaliación e reflexión en grupo na que o profesorado será o encargado de presentar as preguntas e dirixir a sesión. 

Valoracións finais

Para facer as valoracións dedicarase 1 sesión na que haberá 3 apartados:

      • Presentación do reto ao resto da clase e valoración en grupo.
      • Traballo persoal (Folla de autoavaliación).
      • Traballo do seu equipo (Rúbrica de coavaliación).

Neste apartado o que se pretende é que o alumnado faga unha valoración do traballo feito, das aprendizaxes conseguidas pero, sobre todo, que sexa consciente da importancia que ten unha correcta toma de decisións para a súa saúde. E se ademais, de ver os efectos positivos no seu benestar físico, social e mental... moito mellor!

Eles e elas son o futuro do mundo! Démoslles as ferramentas necesarias para poder gozar dunha boa saúde cunha vida más activa e saudable.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe planease como unha actividade de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que reflexionen sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden. Pero é tamén para o profesorado xa que, aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado. 

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.

Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital, como a man e de maneira completa, ou segmentada por fases) como o docente decida. Explicamos un pouco máis detalladas as opcións:

  • Opción A: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro). 
  • Opción B: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional.  
  • Opción C: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)