Saltar navegación

1. Descrición xeral

Un plan perfecto

Nesta situación de aprendizaxe proponse un reto final no que, a partir dunha situación real e da actualidade coma son noticias relacionadas coa saúde, o alumnado deberá crear un plan para mellorar a súa saúde e a da súa familia partindo da súa realidade familiar.

Traballaranse os hábitos saudables como a alimentación, a hixiene persoal, a hixiene do sono, a hixiene postural... e veranse os efectos positivos que van ter para o benestar físico, social e mental.

Utilizaranse desafíos físicos cooperativos como medio para aprender estes contidos. Deste xeito, conseguirase unha posta en práctica das habilidades sociais e da resolución de conflitos. É importante que o alumnado sexa consciente da importancia que ten o traballo en equipo para conseguir o reto, porque todos e todas son necesarios para conseguilo.

Os obxectivos desta situación de aprendizaxe son:

  1. Recoñecer os efectos beneficiosos dun estilo de vida activo e saudable.
  2. Fomentar condutas e comportamentos que melloren a saúde física, mental e social.
  3. Afianzar hábitos e rutinas sobre o coidado do corpo e a hixiene persoal.
  4. Coñecer e poñer en práctica medidas básicas de seguridade e primeiros auxilios na práctica deportiva.
  5. Desenvolver habilidades sociais traballando en equipo fomentando a resolución pacífica de conflitos.
  6. Realizar actividades en equipo de xeito cooperativo para mellorar as relacións interpersoais.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)