Orientacións e recomendacións de uso
A clase de E.F. é, sobre todo, unha clase práctica, con actividade física, por iso o desenvolvemento deste REA trata de ser o máis práctico posible, aínda que hai algunha parte que se desenvolverá na aula ordinaria.
A información sobre os contidos teóricos e as actividades interactivas están dispoñibles, de xeito permanente para o alumnado, coa fin de que poida acceder e revisar os conceptos básicos das actividades que vai practicar nas sesións de EF. Grazas ao recurso dixital en Educación Física favorécese a autoregulación e a aprendizaxe personalizada (xa que o alumnado pode ver as veces que precise a información).
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo, para o alumnado, aos recursos dispoñibles.
FASE 1. Para a presentación do reto precisarase un equipo informático con conectividade a Internet e un dispositivo que permita a proxección de vídeos como unha pantalla dixital interactiva (PDI).
FASE 2. O panel sobre coñecementos previos pode ter diversos formatos: físico (precisaríase cartolina, bolígrafos, papel continuo ou outros materiais de aula) ou en formato dixital (require o uso de equipo informático e PDI). Para as tarefas individuais, cada alumno/a disporá dun equipo informático.
FASE 3. Para a realización do circuíto de educación viaria é necesario o uso de picas, ladrillos, conos... Ademais será necesario o equipo informático e PDI para as sesións desta fase. Para as sesións motrices onde se practican os deportes adaptados é necesario o material de goalball e boccia (balón sonoro, cinta para o chan, corda, antefaces, cadeira, bólas de cores...) Todo o material que non se teña dispoñible pode realizarse con elementos de refugallo, como o da imaxe:
FASE 4. Non se determina o procedemento de elaboración do mural, aínda que para a procura de información, é preciso un dispositivo informático con conectividade. Recomendacións segundo os tres tipos de recursos:
- Sen medios dixitais: uso de cartolina, tesoiras, pegamento e outros materiais comúns da aula.
- Con aplicacións sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw. Hai que ter en conta que este tipo de aplicacións non permite o traballo compartido sobre o mesmo produto.
- Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox, como soporte para o traballo colaborativo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.
Durante a fase 3, na realización do circuíto, os grupos poden organizarse segundo o nivel de complexidade:
- Nivel elemental: os diferentes grupos participarán no deseño e fabricación dos sinais básicos e vías.
- Nivel intermedio: os diferentes grupos participarán no deseño e fabricación de sinais de distinta tipoloxía, semáforos, rotondas, así como vías máis complexas.
- Nivel avanzado: realizarase un repartimento de funcións, entre os diferentes grupos, de tal modo que un grupo será o encargado de deseñar o circuíto; outro encargarase de fabricar os sinais: stop, paso de peóns, ceda o paso, semáforos etc; o terceiro, organizará os roles (peóns, condutores, policías etc); o cuarto grupo, deseñará as quendas do circuíto e o quinto grupo pensará, para levar á práctica, situacións de emerxencia.
- Nivel experto: ademais de todo o recollido no nivel anterior, teranse que planificar as rutas, as quendas, o tempo así como a simulación de, polo menos, un accidente.
Na fase 4 organízanse grupos heteroxéneos para elaborar o mural de visibilización de deportistas referentes.
No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo xa que dependerá da totalidade do alumnado.
Produto final
O REA consiste na elaboración dun mural, por parte do alumnado, co obxectivo de axudar a visibilizar os deportes e deportistas paralímpicos. Dito mural pode ser en formato dixital e imprimilo, posteriormente, ou ben seleccionar un formato de cartolina ou papel continuo. Todos os murais, en calquera dos seus formatos, serán parte da exposición que se realizará no centro.
Enfoque multinivel do reto
A presentación do reto realízase en formato vídeo para axudar á comprensión de todo o alumnado.
As tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións identificadas coas letras A, B e C. O alumnado pode escoller, segundo o seu criterio, calquera das actividades individuais. O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Na elaboración do mural, é o alumnado o que escolle o tipo de formato no que o quere presentar: físico ou interactivo.
Para facilitar a súa realización, o docente pode propoñer modelos de diversos niveis de complexidade.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado coa competencia aprender a aprender). Pero é tamén, un instrumento de utilidade para o profesorado, xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
Neste documento respóndense cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado, ao rematar cada unha das fases, ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área, o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras (tanto de maneira dixital, como a man, de maneira completa ou segmentada por fases) de modo que o docente poida decidir:
- Opción A: o diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que o alumnado o leve ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar, ao finalizar cada fase.
- Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa a realizar, no seu tempo libre e, posteriormente, ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro, así como material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física
A planificación das sesións que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar, segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.
Ao longo deste REA realízanse actividades no medio natural polo que é necesario ter en conta aspectos de seguridade mencionados na fase 3, profesorado de apoio, transporte de alumnado e material, entre outros.
Tratamento da diversidade
O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual, como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece.
A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA. Polo que se recomenda elaborar as sesións considerando as características do grupo clase e realizar as adaptacións que se consideren: adecuación de tempos, de materiais, de regras, explicacións breves, concisas e claras, demostracións das actividades, etc.