Contornas diferentes, deportistas referentes.
"Contornas diferentes, deportistas referentes" é un REA (Recurso Educativo Aberto) que ten como finalidade por en valor o deporte adaptado, así como as persoas deportistas que o practican, iniciando ao alumnado na práctica do boccia e do goalball. Nesta situación de aprendizaxe, partimos dunha contorna real e próxima que nos axudará a traballar o tema da prevención de accidentes, a educación viaria e os primeiros auxilios como achegamento á practica de xogos e deportes adaptados. O reto da situación de aprendizaxe será o de darlle visibilidade, a través creación e a difusión dun mural informativo, aos deportes adaptados e paralímpicos e aos deportistas que os practican.
A situación de aprendizaxe "Contornas diferentes, deportistas referentes" ten como obxectivos principais:
- Amosar respecto ante a diversidade, a igualdade e a inclusión na práctica deportiva.
- Coñecer e practicar xogos e deportes adaptados como o boccia e o goalball.
- Autorregular a propia actuación motriz en situacións non habituais.
- Regular e xestionar as emocións durante a práctica deportiva, dándolle prioridade o desfrute e o xogo limpo, por riba do resultado.
- Coñecer e aplicar medidas básicas de seguridade e primeiros auxilios, adaptándose á contorna.
- Abordar a educación viaria dende a actividade física e deportiva.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expoñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto, poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.