Anda o tempo revolto
Anda o tempo revolto é unha situación de aprendizaxe que parte dun feito casual que ben podería pertencer a calquera dos alumnos ou alumnas dunha aula de 6º de Educación Primaria. Un traballo feito que sofre un accidente, mestúrase e hai que ordenalo. Xoga cos fenómenos atmosféricos e coa polisemia do tempo como fío condutor, tendo como obxectivo achegar ao alumnado á historia da música desde a Idade Media ata o Século XX e facer unha representación musical do conto que metaforicamente a evoca. A lectura do conto acompañada das composicións de cada época, xunto con interpretacións musicais de diversa natureza será o produto final do reto. O alumnado deberá organizar o conto, ensaiar as pezas e presentalo en fin de curso ante o público. A través das diferentes fases, repasaranse os coñecementos previos e conectaranse cos novos contidos precisos para acadar o reto final.
Pretendemos que o alumnado coñeza a historia da música mentres goza compartíndoa nunha representación para tal fin. O feito de levar a aprendizaxe diante do público como peche de curso tamén é unha nova metáfora do peche de etapa deste alumnado, do fin do seu tempo no colexio a través da narración da evolución da música no tempo. O enfoque músico literario do reto precisa da estreita colaboración entre o alumnado nesta situación de aprendizaxe. Coa realización do REA, o alumnado achégase aos contidos dun xeito práctico e a través dun enfoque competencial, desenvolvendo a súa autonomía, a iniciativa e a súa capacidade de organización.
As fases deste proxecto foron deseñadas tendo en conta os principios do DUA. Coa finalidade de facilitar o acceso á información e, tendo en conta as diferentes realidades individuais do alumnado, achéganse lecturas facilitadas e planifícanse actividades multinivel ao longo de todos os bloques. Ademais hai audios das diferentes seccións para a diversidade auditiva, así coma un achegamento aos SAAC con pictogramas de epígrafes destacados. As actividades musicais a realizar posúen sempre unha gradación de dificultade garantindo dito multinivel e a participación de todo o alumnado no reto proposto. Ademais, achéganse locucións da historia para favorecer a aprendizaxe e comprensión dos textos literarios. As tarefas musicais a realizar están guionizadas en pasos para evitar o erro e posibilitan diferentes formas de representación e expresión como partituras, vídeos, explicacións, imaxes etc.