Saltar navegación

1. Descrición xeral

Anda o tempo revolto

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado ao estudo da música descritiva e a linguaxe musical, para a materia de Música e danza de 6º de Educación Primaria. O obxectivo é promover unha conciencia crítica e analítica sobre a historia da música desde a Idade Media ata o Século XX.

Nesta situación de aprendizaxe, "Anda o tempo revolto", o alumnado deberá comezar explorando a relación entre o refraneiro popular e o tempo atmosférico en "Que tempos!". Logo exponse como reto a creación dunha pequena función sobre a historia da música e representala para o resto do alumnado como despedida da etapa de primaria.

O proceso desenvólvese en tres etapas. Comezando en "Se chove, que chova", onde explóranse ritmos suaves e fortes mediante o traballo coa frauta e o musicograma. Despois, "Nunca choveu que non escampara", coa creación de entornos musicais dentro das orquestras ou do cine, unido á historia da danza e da música e en "Parece que vai bo tempo", o alumnado aplica os seus coñecementos no reto final, organizando e presentando as súas creacións.

Ao longo deste proceso traballaranse conceptos de linguaxe musical, ritmo, textura e timbre, que logo aplicarán na súa composición para evocar distintos fenómenos. Ademais, reflexionarán sobre a capacidade expresiva da música e a súa conexión coa natureza. Adquiren tamén coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na creación e interpretación musical descritiva.

Metas de aprendizaxe:

  1. Descubrir a evolución da música desde a Idade Media ata o Século XX.
  2. Realizar diferentes interpretacións musicais de cada un dos períodos detallados.
  3. Comprender como a historia dun neno pode ser a historia de toda unha arte.
  4. Valorar a conexión entre as artes, especialmente entre a música e a literatura.
  5. Ordenar un conto sobre a historia da música.
  6. Comprender que a música de cada época é unha representación da sociedade que a crea.
  7. Representar un conto con intervencións musicais para Fin de Curso.
  8. Valorar as diferentes manifestacións artísticas e musicais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)