Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

  • Ordenadores.
  • Auriculares.
  • Caderno de aula.
  • Instrumentos Orff.
  • Frauta doce.
  • Micrófonos (opcional).
  • Equipo de son.

Execución do musicograma

Para a correcta execución desta actividade é importante facilitarlle o material impreso ao alumnado para que poidan manipulalo.

Con isto favorécese o acceso da totalidade do alumnado á execución da actividade.

Interpretación do canto gregoriano

A peza vocal de inspiración gregoriana Caligo densa, é unha simulación a un canto gregoriano sen melismas.

Está creado en tetragrama e en clave de Do, polo que haberá que explicar/lembrar estas características, ou ben transportar a peza a un pentagrama. Está en Re Dórico, polo que podemos transportala a un re menor natural co sexto grado ascendido nun semitón.

O ritmo é libre, e coma no canto gregoriano depende da acentuación das palabras, pero poderíase equiparar a un 4/4. Por este motivo, proponse unha velocidade de 120 BPM, para dar dinamismo á interpretación. 

En todo caso, a proposta pódese facilitar ou ben aplicar do mesmo xeito, tendo en conta diferentes niveles de aprendizaxe da lectura musical.

Creación musical en Incredibox

Esta proposta musical de creación dixital está ideada dun xeito personalizado, o cal incide no carácter multinivelado da composición musical.

O alumnado traballará en grupos cooperativos a través da demo, que permite gravar e compartir as creacións cunha URL.

A interface de Incredibox permite a inclusión do formato vídeo de xeito gamificado. Cando se escollen determinadas funcións situadas na parte superior dos avatares, que veñen dadas pola app; accédese a unha pista de música cun final proporcionado esta. Deixamos este exemplo (nova xanela).

Outras actividades

4.2. Antes da sesión. Actividade: Nos seus postos.

O mestre será o responsable final de repartir as diferentes funcións, garantindo a correcta distribución do alumnado. Na medida do posible, respectaranse as escollas do alumnado.

Para a lista de reprodución só será preciso unha persoa, pero quedará a criterio do docente.

5.1. Reflexionamos. Actividade: Cóntao.

Para escribir a carta a outros colexios queda a criterio do docente o soporte, é dicir se a carta é física ou se é un correo electrónico. Tamén decidirá a idoneidade de que a carta sexa individual ou grupal.

Diario de aprendizaxe: Ao longo de todas as fases, o alumnado fará as súas reflexións no diario de aprendizaxe. Este documento non será avaliado.

Enfoque multinivel do reto

As tarefas precisas para acadar o reto están multiniveladas para poderse adaptar á diversidade do grupo.

Nas interpretacións musicais poderán asignarse os diferentes instrumentos e ritmos en función da súa dificultade.

A configuración dos equipos de traballo son responsabilidade do mestre ou mestra que aplica este REA. Deberá ter en conta as características individuais do alumnado desde un enfoque inclusivo.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

O alumnado traballará en pequeno (4/5) e en grande grupo (grupo clase). Fomentarase a autonomía dos mesmos creando un clima de confianza e respecto, facendo do erro unha oportunidade de aprendizaxe e mellora.

Valoraremos principalmente o proceso fronte ao produto final, atendendo a un enfoque competencial.

  

Feito con eXeLearning (Nova xanela)