Este cole é un teatro
"Este cole é un teatro" é unha situación de aprendizaxe que parte dunha visita (real ou virtual) a un teatro como toma de contacto coa música dramática. Ten como finalidade que o alumnado coñeza a música escénica a través dos tres xéneros (ópera, zarzuela e musical) e as profesións ligadas á mesma. O alumnado deberá elaborar un vídeo informativo para presentarllo ao resto do colexio, onde explique todo o aprendido. Complétase coa representación de pequenos fragmentos de obras adaptadas de cada xénero. A través das diferentes fases, repasaranse os coñecementos previos e conectaranse cos novos contidos precisos para acadar o reto final.
Pretendemos que o alumnado teña un coñecemento amplo sobre a música escénica e, ao mesmo tempo, sexa quen de sintetizar eses contidos e transmitilos a través dun vídeo. O traballo grupal e a colaboración entre equipos son claves nesta situación de aprendizaxe. Coa realización do REA, o alumnado achégase aos contidos dun xeito práctico e a través dun enfoque competencial, desenvolvendo a súa autonomía, a iniciativa e a súa capacidade de organización.
As fases deste proxecto foron deseñadas tendo en conta os principios do DUA. Coa finalidade de facilitar o acceso á información e, tendo en conta as diferentes realidades individuais do alumnado, achéganse lecturas facilitadas e planifícanse actividades multinivel ao longo de todos os bloques.