Este cole é un teatro
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado ao mundo da música escénica e o teatro, na materia de Música e danza de 6º de Educación Primaria. O obxectivo é promover unha conciencia crítica e analítica sobre as diferentes artes escénicas (ópera, zarzuela, musical) e as súas profesións asociadas.
Nesta situación de aprendizaxe, "Este cole é un teatro", o alumnado comeza cunha "gran visita" explorando o que é un teatro. Presentarase o reto que consistirá, traballando en equipo, planificar, producir e estrear a súa propia obra escénica.
Na etapa "Escóitase algo?", o alumnado traballará coas tipos de voces e a súa aplicación na música escénica. Posteriormente, en "Previdos? Ensaiamos", coñecerán as profesións vinculadas á música escénica e afondarán nos xéneros de ópera, zarzuela e musical, escoitando e analizando exemplos.
O reto culmina en "Unha grande escena ben merece unha grande explicación", onde se aplicarán os coñecementos adquiridos. O alumnado procederá a guionizar, producir, ambientar e editar a súa propia peza, que logo será presentada na "estrea".
Ao longo deste proceso traballaranse conceptos de produción escénica, música vocal e traballo en equipo. Ademais, reflexionarán sobre o impacto cultural e social das artes escénicas. Adquiren tamén coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na creación de contidos multimedia e escénicos.
A finalidade é achegar a música escénica a todo o alumnado de Galicia xa que, este xénero, é ao que menos acceso teñen por estar limitadas as representacións ás grandes cidades.
Metas de aprendizaxe:
- Achegar os diferentes elementos do teatro dende unha perspectiva técnica.
- Descubrir as principais profesións asociadas ás representacións teatrais, en concreto á música escénica.
- Coñecer os tipos de música dramática (musical, ópera e zarzuela).
- Afondar no coñecemento da música vocal e instrumental
- Aplicar a clasificación das voces á música escénica tomando como punto de partida os gustos e experiencias persoais.
- Asumir as responsabilidades das profesións escénicas que se precisan para a realización dun vídeo divulgativo dirixido ao alumnado de Educación Primaria.
- Interpretar números dramático-musicais que formarán parte do reto final.
- Elaborar, editar e difundir un vídeo educativo.
- Valorar as diferentes manifestacións artísticas e musicais.