Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

A metodoloxía do Recurso Educativo Aberto (REA) "Este cole é un teatro", que aborda a música dramática, está deseñada para proporcionar unha experiencia de aprendizaxe significativa, participativa e motivadora, seguindo os principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). Ao integrar o DUA con estratexias específicas de ensino musical, buscamos crear un ambiente inclusivo e equitativo onde todo o alumnado poida desenvolver as súas habilidades e apreciación pola música, tanto instrumental como vocal. O punto de partida é unha situación e aprendizaxe na que se deben realizar unha serie de actividades secuenciadas orientadas á consecución dun reto final.

Exploración activa da música: as actividades do REA promoven a participación activa do alumnado na exploración e descubrimento da música. A través de actividades prácticas como interpretación instrumental e vocal, así como a experimentación sonora, o alumnado interactúa dinamicamente co contido musical a través da audición musical activa e creando ambientes sonoros propios da música escénica.

Colaboración musical: fomentarase a colaboración e o traballo en equipo entre o alumnado para crear e interpretar música conxuntamente. As actividades do REA inclúen a colaboración entre todo o alumnado do grupo.

Diversidade de enfoques e recursos: recoñecemos a diversidade de intereses e estilos de aprendizaxe do alumnado e ofrecemos unha variedade de enfoques e recursos musicais para satisfacer as súas necesidades. As actividades do REA proporcionan unha ampla gama de experiencias musicais adaptadas aos intereses e habilidades individuais do alumnado, incluíndo actividades multiniveladas que lles permitan seleccionar o nivel de dificultade máis axeitado para cada discente, incluso escollendo a profesión relacionada coas representacións escénicas e teatrais máis próxima a cada membro do grupo.

Tecnoloxía e innovación musical: integrando a tecnoloxía na experiencia musical, aproveitamos as ferramentas tecnolóxicas e os recursos interactivos para enriquecer a aprendizaxe musical do alumnado. A través da aplicación Kdenlive, de uso gratuíto e inserida na maqueta abalar, o alumnado explora e experimenta coa edición en vídeo dun produto musical.

Avaliación formativa e reflexión: implementamos unha avaliación continua e formativa que permite ao alumnado reflexionar sobre o seu progreso e desenvolvemento musical, tanto vocal como instrumental, así como o grado de implicación e pertenza a un grupo na elaboración dun obxectivo común. As actividades do REA inclúen momentos de reflexión,  autoavaliación e coevaluación onde o alumnado determina as súas habilidades e comprensión musical, tanto a través de listas de cotexo como de rúbricas.

Actividades multiniveladas: para abordar as diferentes necesidades de aprendizaxe do alumnado, ofrecemos actividades multiniveladas que lles permiten seleccionar o nivel de dificultade que mellor se adapte ás súas habilidades e intereses, tanto a nivel interpretativo como de rol dentro do grupo.

Recomendamos que durante os ensaios das pezas musicais de música dramática se fagan gravacións, coa finalidade de que se podan empregar para a edición do vídeo final. Unha vez rematado, e en función do tempo dispoñible, poderemos seleccionar as mellores partes, editalas e publicar unha última versión ou, se o tempo escasea, escoller a mellor das versións rexistradas para a súa publicación.

A través desta metodoloxía centrada na música, buscamos inspirar e capacitar ao noso alumnado para que sexan persoas creativas e comprometidas, coñecendo e apreciando a diversidade da música da súa contorna e do patrimonio histórico. Ao abordar as necesidades diversas do alumnado e promover unha cultura inclusiva, estamos traballando para reducir a brecha de xénero e crear un ambiente educativo equitativo e enriquecedor para todas as persoas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)