Orientacións e recomendacións de uso
Antes de empezar "Este cole é un teatro"
Este Recurso Educativo Aberto comeza cunha visita virtual a un teatro, en concreto ao Teatro Real, co obxectivo de achegar ao alumnado ao coñecemento das partes do mesmo como lugar onde se fai posible a música dramática que é o que nos ocupa.
Aconséllase facer unha visita física a un teatro, de ser posible, para maior comprensión do alumnado.
Recursos materiais necesarios
- Ordenadores.
- Caderno de aula.
- Auriculares para escoitar música.
- Frauta doce.
- Instrumental Orff.
- Cámara ou tableta para gravar.
- Micrófonos (opcional).
- Material funxible, cartón, teas e similares (escenografía).
Interpretacións musicais
Cando se traballan os tres xéneros dramáticos (Ópera, zarzuela e musical), propóñense partituras completas con varias voces. Están pensadas para que a mesma actividade sexa multinivel, con diferentes dificultades.
Cando se traballan os tres xéneros dramáticos (Ópera, zarzuela e musical), propóñense partituras completas con varias voces. As partituras están concibidas en diferentes niveis de complexidade para garantir que podan ser realizadas por todo o alumnado. Sempre hai unha partitura de nivel moi básico e, a partir de aí, constrúense as restantes, ofrecendo así a posibilidade de ir subindo chanzos de dificultade na práctica instrumental.
Estas interpretacións son parte do proceso do reto final e, coa finalidade de optimizar o tempo de ensaio, cada unha debe centrarse nun aspecto concreto:
Ópera: Interpretación instrumental, concretamente na frauta doce.
Zarzuela: Canto, voz en grupos (dúo) e ostinato con PAI.
Musical: Voz e láminas.
Outras actividades
2.2. E ti, que escoitas? Actividade: Mural.
No caso de optar pola realización do mural colaborativo virtual, suxírese o emprego da ferramenta "Board" incluída nas aulas virtuais (Moodle) dos centros educativos.
3.1. As profesións vinculadas á música escénica. Actividade: E ti que queres ser?
O mestre ou mestra será o responsable da constitución final dos grupos de traballo. Na medida do posible, respectaranse as escollas do alumnado.
3.2. Facemos ópera, 3.3. A nosa zarzuela e 3.4. O musical.
Aínda que "Este cole é un teatro" non pretende avanzar en dificultade técnica e interpretativa, si que será preciso velar pola correcta execución das pezas musicais propostas para a gravación. Control postural, respiración, dixitación, independencia de mans...
4.1. Cámara e acción!
Estamos no reto e o grupo clase estará dividido en pequenos grupos cun cometido concreto que traballarán simultaneamente. A figura docente fomentará a autonomía do alumnado na toma de decisións e na organización das labores propias de cada grupo, guiando e facilitando o traballo nun ambiente de confianza.
A diversificación por profesións proporciona un enfoque multinivel sendo o propio alumnado, logo de coñecer todas as profesións de preto, quen (valorando o desempeño das mesmas) elixe a dificultade que vai asumindo parella sempre á responsabilidade dos diferentes traballos. Prímase, sobre todo, a achega ao reto final desde o nivel que cada discente pode proporcionar na profesión desempeñada.
Na elaboración tanto do vídeo como na estrea do mesmo coas representacións que levan consigo, garantirase que todo o alumnado participe dentro das súas posibilidades e preferencias persoais.
5.1. Reflexionamos. Actividade: Toma nota.
Con esta tarefa de reflexión preténdese tamén valorar a asimilación e profundidade dos contidos adquiridos sobre os tres estilos de música dramática, a capacidade crítica e de asociación dos mesmos.
Diario de aprendizaxe: ao longo de todas as fases, o alumnado fará as súas reflexións no diario de aprendizaxe. Este documento non será avaliado.
Enfoque multinivel do reto
As tarefas precisas para acadar o reto están multiniveladas para poderse adaptar á diversidade do grupo.
Nas interpretacións musicais poderán asignarse os diferentes instrumentos/voces en función da súa dificultade.
A configuración dos equipos de traballo son responsabilidade do mestre ou mestra que aplica este REA. Deberá ter en conta as características individuais do alumnado desde un enfoque inclusivo. O multinivel, tanto desde o punto de vista interpretativo como desde a escolla das profesións, garantirá que todos os membros do grupo participen no reto ofrecendo ao produto final o nivel competencial acadado.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
O alumnado traballará en pequeno (4/5) e en grande grupo (grupo clase). Fomentarase a autonomía dos mesmos creando un clima de confianza e respecto, facendo do erro unha oportunidade de aprendizaxe e mellora.
Valoraremos principalmente o proceso fronte ao produto final, atendendo a un enfoque competencial.