¡Todo en orden!
Durante o desenvolvemento e posta en práctica do REA "¡Todo en orden!", o alumnado de 2º de ESO achegarase de novo ao mundo do deseño 2D e 3D, e aplicará as bases para crear un obxecto que axude a clasificar e poñer en orde espazos de uso cotiá como escritorios, paneis de ferramentas, medicinas, etc.
A través desta situación de aprendizaxe, o alumnado terá a oportunidade de investigar, analizar e deseñar solucións a problemas de ordenación, facendo uso de ferramentas dixitais e metodoloxías de deseño. Cómpre lembrar que este REA está pensado para ser usado como primeira situación de aprendizaxe de 2º de ESO. Nel recupéranse e complétanse contidos traballados no curso anterior, que servirán de base para a fase de deseño dos produtos pertencentes ás distintas situacións de aprendizaxe que se desenvolverán ao longo do resto do curso.
O REA segue unha estrutura clara e ben definida, composta por 5 fases consecutivas:
- Fase 1: Descrición do reto.
- Fase 2: Exploración. Traballo cos coñecementos previos: proceso de deseño, vistas principais dun obxecto e escalas.
- Fase 3: Conexión. Introdución de novos conceptos teóricos: análise de obxectos, vistas dun obxecto, escalas e acotación, deseño en 2D en LibreOffice Draw e 3D en Tinkercad. Estes conceptos permiten ao alumnado sentar as bases do seu proxecto, tanto de forma manual como de forma dixital. Así, poderá facer deseños que despois fabrique con ferramentas de control numérico, como a cortadora láser ou a impresora 3D.
- Fase 4: Reto final. Desenvolvemento do proxecto técnico: deseño dun clasificador para impresión 3D ou corte.
- Fase 5: Conclusión. Exposición e coavaliación dos produtos finais.
Seguindo as fases do método de proxectos, o alumnado identificará necesidades específicas de diferentes lugares nos que sexa necesario ordenar obxectos, investigará para atopar solucións creativas, executará os seus deseños, construirá os seus prototipos e avaliará os resultados obtidos. Este enfoque fomenta a aprendizaxe práctica, permitindo aplicar os coñecementos teóricos tratados no recurso a unha situación real.
O proxecto non só desenvolverá competencias técnicas e dixitais, senón que tamén fortalecerá habilidades como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a xestión do tempo. A través desta experiencia, búscase preparar ao alumnado para enfrontar desafíos reais, promovendo unha formación integral e práctica.
Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o DUA. Así, presentan diferentes posibilidades de resolución dos problemas, proporcionan información en diferentes formatos e permiten tamén diversidade de modos de expresión do que o alumnado aprendeu.
Preténdese que o alumnado lembre e comprenda a importancia do debuxo e deseño como método de expresión de ideas e que sexa capaz de aplicar procedementos de deseño dixital para levalos á práctica e transformar bosquexos en obxectos que resolvan unha necesidade práctica da vida cotiá.