Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Para a correcta implantación do recurso "Todo en orden", e para garantir que o alumnado poida desenvolver os seus prototipos e propostas de ampliación de maneira efectiva, é fundamental contar cos seguintes recursos materiais:
- Ordenadores: Cada equipo de traballo necesitará acceso a un ordenador para visualizar o REA, realizar investigacións, elaborar os deseños e documentar o progreso do proxecto. Ademais, os ordenadores serán esenciais para o uso de software de deseño 2D e modelado 3D, así como para a preparación de arquivos para a impresión 3D ou a cortadora láser.
- Recursos da aula taller: Será necesario dispoñer dun espazo adecuado onde os estudantes poidan traballar na construción das maquetas. A aula taller debe estar equipada con mesas de traballo amplas, ferramentas manuais básicas (tesoiras, coitelas, regras, lapis, etc.), materiais de construción (cartón, madeira, plásticos, colas, pinturas), así como equipamento de seguridade (lentes, luvas, etc.).
- Equipamento para propostas dixitais:
- Impresora 3D: Fundamental para a fabricación de pezas e elementos específicos das maquetas. O alumnado deberá aprender a preparar e enviar arquivos de impresión 3D, así como a manexar a impresora de maneira segura.
- Cortadora láser: Para a creación de pezas precisas e detalladas, a cortadora láser será un recurso valioso. Este equipo permitirá ao alumnado traballar con diferentes materiais, como madeira, acrílico e cartón, ofrecendo posibilidades de ampliación e mellora dos seus prototipos.
- Materiais adicionais:
- Materiais de construción de maquetas: Diferentes tipos de materiais, como cartón pluma, madeira de balsa, acrílicos, espumas, entre outros, para a construción das maquetas.
- Consumibles para impresora 3D: Filamentos de PLA dependendo das necesidades do proxecto.
- Consumibles para cortadora láser: Placas de madeira fina, acrílico e cartón, que serán cortadas ou gravadas segundo os deseños dos estudantes.
- Equipo de protección: Lentes de seguridade, luvas, e máscaras para asegurar un traballo seguro tanto na impresora 3D como na cortadora láser.
- Recursos educativos:
- Guías e manuais: Manuais de uso e seguridade para a impresora 3D e a cortadora láser, así como titoriais de software de deseño.
- Acceso a Internet: Para que o alumnado poida investigar, acceder a recursos adicionais e colaborar en liña se fose necesario.
- Software: Software de deseño e modelado 3D: Programas como Tinkercad, SketchUp, ou Autodesk Fusion 360 serán necesarios para o deseño dixital das pezas que se imprimirán en 3D ou se cortarán con láser.
- Software libre de ofimática: Recoméndase dispoñer dun paquete de sotware libre ofimático instalado nos equipos empregados para a elaboración da documentación técnica do proxecto, por exemplo LibreOffice ou OpenOffice.
Estes recursos materiais garantirán que o alumnado poida desenvolver o proxecto do REA de forma efectiva e segura, fomentando tanto a aprendizaxe técnica como a creatividade e a innovación.
Agrupamentos
Neste REA o alumnado traballará de maneira individual e en grupos en distintos momentos da posta en práctica do recurso.
- Recomendamos un modelo de ensino directo durante as fases 1 e 2 do REA onde conectarán cos coñecementos previos. O alumnado traballará de forma individual ou por parellas salvo na actividade "Adivina, adivinanza", onde traballará nun agrupamento de catro estudantes facendo unha posta en común.
- Neste modelo, a persoa docente desempeñará un rol na estruturación do contido, na explicación e no uso de exemplos para incrementar a comprensión por parte do alumnado, comprometéndoo activamente mediante o emprego de preguntas, exemplos, actividades e a retroalimentación que provexa a persoa docente.
- Na fase 3 do REA, o profesorado fará unha práctica guiada na que o alumnado, ben sexa de forma individual ou por parellas, probarán o novo contido relacionado con procedementos básicos do deseño 2D e 3D, sendo preciso asegurar unha realimentación adecuada por parte do profesorado antes de desenvolver contido propio.
- Na fases 4 e 5: Nestas fases, o agrupamento pasará a ser de grupos de 4 estudantes, co obxectivo de que o alumnado adquira autonomía para a procura de información, deseño en 2D e 3D e a organización dun stand de feira para poder expoñer os seus traballos finais.
- Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para a correcta realización das actividades propostas neste recurso educativo, é importante organizar ao alumnado de maneira que se potencie tanto o traballo individual como o colaborativo. A continuación, achéganse unhas directrices para o agrupamento dos estudantes que contribúen a unha boa organización: - Criterios para a formación dos grupos:
- Diversidade de habilidades: É recomendable que cada grupo teña unha combinación de habilidades e fortalezas, de modo que o alumnado poida complementar os coñecementos e capacidades dos seus compañeiros e compañeiras.
- Equilibrio de responsabilidades: Deberase fomentar a equidade na distribución das tarefas, asegurando que cada quen teña responsabilidades claras e participe activamente en todas as fases do proxecto.
- Compatibilidade de traballo: Considerar as preferencias persoais e a capacidade de traballo conxunto pode mellorar a dinámica do grupo e a eficiencia no desenvolvemento do proxecto.
- Dinámica de traballo en grupo:
- Planificación conxunta: Cada grupo deberá comezar cun tempo de brainstorming para identificar as necesidades do patio e propoñer ideas de mellora.
- Distribución de tarefas: As tarefas deben ser asignadas de acordo coas competencias e intereses dos integrantes, promovendo así a implicación e motivación de cada persoa integrante do equipo.
- Reflexión e avaliación: Ao final do proxecto, cada grupo realizará unha avaliación conxunta do traballo realizado, identificando logros, dificultades e aprendizaxes adquiridas.
Desenvolvemento da competencia dixital
Todas as actividades desta REA están pensadas para realizarse en formato dixital, aínda que hai a posibilidade de realizar algunhas de xeito tradicional en papel. A memoria técnica do reto tamén pode cubrirse dixitalmente aínda que se dispoña dunha copia en PDF.
O alumnado ten un diario de aprendizaxe que pode cubrir de forma dixital, de xeito que vaia reflexionando sobre o proceso aínda que se dispoña dunha copia en PDF. Cumprir co reto final posibilitará aprender ou afianzar no emprego de ferramentas de todo tipo para o deseño, edición e presentación dixital, etc.
Para o deseño en 3D propoñemos Tinkercad, unha plataforma en liña da compañía Autodesk. Para a súa utilización cómpre rexistrarse primeiro. Para evitar deixar pegada dixital do noso alumnado no programa, podemos rexistrarnos nos como profesorado e deste xeito dispoñer da posibilidade de crear grupos de clase e asignar nomes de usuario non significativos para o noso alumnado. Neste vídeo podes ver como configurar unha conta de Tinkercad de profesorado e como configurar as clases.
Produto final
O produto final deste REA é a construción dun organizador de obxectos deseñado mediante un programa de deseño 2D ou 3D.
O organizador de obxectos debe ser fabricado de maneira dixital cunha impresora 3D ou unha cortadora láser e debe cumplir as seguintes condicións:.
- Permitir a organización de elementos utilizados nalgún espacio do centro educativo: ferramentas do taller de tecnoloxía, útiles escolares existentes na mesa do profesorado, compoñentes electrónicos, pequeno material de laboratorio, …
- Dimensións máximas do organizador serán de 100 x 100 mm de base e 150 mm de altura
- O organizador deseñado terá un mínimo de 2 e un máximo de 5 compartimentos diferenciados
- Presentar un deseño práctico e funcional.
- Ter unha estética agradable.
- Axustarse correctamente ás dimensións dos obxectos a organizar.
Enfoque multinivel do reto
O reto ten un enfoque multinivel desde o momento que o alumnado poderá elixir entre distintos produtos finais ben diferenciados de deseño propio. Tamén se presenta unha multinivelación do contido do organizador creado, por unha parte mediante a elección de deseño e fabricación en 3D e, por outra parte, mediante a elección de deseño e fabricación en 2D.