¡Todo en orden!
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado de 2º de Ensino Secundario Obrigatorio ao deseño en dúas e tres dimensións (2D e 3D), alén de promover unha conciencia crítica e analítica sobre os obxectos que o rodean e a influencia da tecnoloxía na sociedade.
Nesta SA, o alumnado deberá procurar unha zona do seu centro educativo que precise dunha maior orde e funcionalidade. Logo, traballando en equipo, terán como reto deseñar unha solución práctica que permita a organización desta área, empregando ferramentas dixitais de 2D e 3D, tales como Tinkercad e/ou LibreOffice Draw. Posteriormente, procederá a súa construción mediante ferramentas de modelado dixital como a impresión 3D e/ou o corte láser. Ao longo deste proceso traballaranse conceptos de debuxo técnico, escalas, acotación que logo aplicarán no seu deseño final. Ademais, reflexionarán sobre o impacto ambiental e social das tecnoloxías que utilizan, valorando a importancia dun enfoque sostible no deseño e fabricación de obxectos ao logo de todo o proceso tecnolóxico.
Ademais, adquírense coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na elaboración da documentación técnica do proceso tecnolóxico.
As metas de aprendizaxe son:
- Analizar obxectos tecnolóxicos sinxelos da contorna desde diferentes ámbitos.
- Recoñecer a influencia da tecnoloxía na sociedade, valorando a importancia dun desenvolvemento sostible.
- Comprender e utilizar diferentes conceptos básicos de deseño e debuxo técnico.
- Deseñar obxectos tecnolóxicos sinxelos en 2D e 3D, utilizando aplicacións informáticas de modelado.
- Fabricar obxectos sinxelos mediante impresión 3D e/ou corte láser, valorando de forma crítica as achegas destas novas tecnoloxías á sociedade.