Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

  • Equipamento informático: Para o seguimento deste REA é preciso contar cun equipo con conexión a Internet por cada dous estudantes, aínda que é recomendable ter un equipo por persoa. O software demandado é de carácter libre e está instalado nos equipos Abalar da Consellería ou dispoñible en liña.

Agrupamentos

Neste REA propóñense actividades individuais e grupais. A meirande parte do traballo realízase en actividades grupais, nas que se pretende que o alumnado: traballe de xeito cooperativo e colaborativo, aprenda a coordinarse na realización de tarefas e aumente a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.

Para a creación e o traballo dos grupos, recoméndase o seguinte:

  • Organizar ao alumnado en equipos de 3 a 5 estudantes, nos que haxa variedade de capacidades e perfís (proactivos, líderes, pasivos, etc.).
  • Posibilitar o traballo simultáneo en diferentes actividades do reto dos membros do grupo, de xeito que poidan abordar tarefas en función dos seus intereses e capacidades e optimizar o tempo de realización do reto. Por exemplo, pode dividirse ao equipo en 2 para que uns se encarguen da creación do nome da empresa e outros do organigrama. Tamén se podería adoptar a mesma estratexia para que uns se encarguen da creación do "logo" e outros da elaboración da "cuña publicitaria" ou de organizar a documentación e rematar o dosier.
  • Asignar a cada alumno/a unha función no grupo que lle permita poñer en xogo as súas capacidades.
  • Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.

Desenvolvemento da competencia dixital

O desenvolvemento da competencia dixital resulta intrínseco a este REA. A meriande parte das actividades está pensada para realizarse en formato dixital, aínda que hai a posibilidade de realizar algunhas en papel. O alumnado dispón dunha versión editable do seu diario de aprendizaxe.

Cumprir co reto final posibilitará aprender ou afianzar estratexias para facer un uso eficiente e seguro dos dispositivos dixitais, aplicar medidas de protección, organizar a información e crear contidos e elaborar materiais relacionados co uso seguro das TIC respectando os dereitos de autor e a etiqueta dixital. Para iso, o alumnado poderá empregar diferentes ferramentas como: o procesador de texto, a folla de cálculo, programas de edición de son, vídeo e imaxes, etc.

Produto final

O produto final deste REA é un dossier dunha empresa de publicidade, co obxectivo de ser a empresa elexida para promover algunha actividade ou evento na súa comunidade (centro educativo, barrio, concello, etc.) empregando estratexias de comunicación eficaces, veraces e creativas.

Na produción deste "Dosier de empresa" o alumnado terá que abordar estas tarefas:

  1. Determinar o nome da empresa de márketing dixital.
  2. Realizar o organigrama (estrutura) da empresa.
  3. Determinar os obxectivos da empresa.
  4. Deseñar a imaxe da empresa (logo).
  5. Elaborar un decálogo de medidas de seguridade.
  6. Confeccionar un orzamento do equipameto informático que necesita a empresa para o seu funcionamento.
  7. Crear unha cuña publicitaria para promocionar un evento.
  8. Especificar a información de contacto da empresa.
  9. Seleccionar e crear a Licencia de uso da documentación xerada.
  10. Organizar a documentación e realizar copias de seguridade.

Enfoque multinivel do reto

O reto pode acadarse seguindo diferentes camiños, xa que se propoñen varias alternativas na realización das tarefas que ten que levar a cabo o alumnado. Por exemplo: o "logo" da empresa pode deseñarse con diferentes ferramentas: a man, con software de deseño gráfico (LibreOffice Draw, Gimp, Inkscape,  etc) ou con ferramentas en liña; a cuña publicitaria pode realizarse en formato texto, audio ou vídeo; o orzamento elaborado coa folla de cálculo admite diferentes niveis de complexidade. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)