A TODA CAMPAÑA!
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado co fin de asentar no alumnado estratexias para facer un uso eficiente e seguro dos dispositivos dixitais identificando problemas e riscos, crear materiais relacionados co uso seguro das TIC respectando os dereitos de autor e a etiqueta dixital, organizar a información de maneira estruturada e segura, e adoptar medidas preventivas para a protección dos dispositivos, dos datos e da saúde persoal,
Na SA (Situación de Aprendizaxe) o alumnado terá que crear unha empresa de márketing dixital e presentar un dosier co obxectivo de ser a empresa elexida para promover algunha actividade ou evento na súa comunidade (centro educativo, barrio, concello, etc.) empregando estratexias de comunicación eficaces, veraces e creativas.
Analizaremos os diferentes riscos relacionados co uso das TIC, así como as medidas de protección e benestar dixital. Tamén afondaremos no coñecemento dos elementos de hardware e software estratéxicos á hora de elexir un dispositivo, así como na propiedade intelectual e a etiqueta dixital. Tamén traballaremos cos conceptos básicos dunha folla de cálculo co obxectivo de que o alumnado sexa quen de elaborar un orzamento.
Faise especial fincapé na elaboración dunha documentación técnica precisa para o proxecto, utilizando ferramentas dixitais.
Traballaremos na aula buscando a asimilación da aprendizaxe en forma dun produto final que cumpra uns requirimentos previos, establecidos na Rúbrica de Avaliación.
As metas de aprendizaxe son:
- Elaborar materiais relacionados co uso seguro das TIC.
- Respetar os dereitos de autor e a etiqueta dixital.
- Coñecer medidas para a protección dos dispositivos, os datos e a saúde persoal.
- Facer un uso eficiente e seguro dos dispositivos dixitais.
- Organizar a información de xeito estruturado e seguro.
- Seleccionar o hardware e software máis axeitado para unhas necesidades concretas.
- Crear contidos empregando software específico.