Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
- Equipamento informático: Para o seguimento deste REA é preciso contar cun equipo con conexión a Internet por cada dous estudantes, aínda que é recomendable ter un equipo por persoa. O software demandado é de carácter libre e está instalado nos equipos Abalar da Consellería ou dispóñible en liña. A maiores, precísase:
- Kit de construción de circuítos eléctricos de PHET (Universidad de Colorado) Creative Commons Attribution 4.0 license (CC BY 4.0): Versión en castelán aloxada no banco de recursos cREAgal (https://www.edu.xunta.gal/centros/creagal/pluginfile.php/3009/mod_resource/content/1/circuit-construction-kit-dc_es.html), que permite construír circuítos eléctricos sinxelos.
- Simulador de electricidade e electrónica de TINKERCAD: Permite realizar circuítos eléctricos mais complexos. Recoméndase a creación e uso dunha conta educativa para o docente e a posterior creación de contas con datos non identificativos para o alumnado tal e como se explica no seguinte vídeo:
- Aula-taller: É moi recomendable ter dispoñible unha aula-taller para realizar a fase de construción da maqueta.
- Materiais e ferramentas: Como material principal precísase cartón (preferiblemente de refugallo e de dúas capas), regra, lapis, pegamento, placas protoboard, cables de conexións, pilas, motores de corrente continua con voltaxe de funcionamento: 1.5-9V, fío de cobre esmaltado de diámetro 0,6 mm, imáns de neodimio.
Agrupamentos
Neste REA propóñense actividades individuais e grupais. A meirande parte do traballo realízase en actividades grupais, nas que se pretende que o alumnado: traballe de xeito cooperativo e colaborativo, aprenda a coordinarse na realización de tarefas e aumente a súa autonomía persoal. Búscase que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Tamén existen actividades individuais (multinivel) que procuran adaptarse a diferentes estilos ou ritmos de aprendizaxe.
Para a creación e o traballo dos grupos, recoméndase o seguinte:
- Organizar ao alumnado en equipos de 3 a 5 estudantes, nos que haxa variedade de capacidades e perfís (proactivos, líderes, pasivos, etc.).
- Asignar a cada alumno/a unha función no grupo na que amose as súas capacidades (consignar na memoria técnica).
- Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O produto final deste REA é unha maqueta sinxela na que se inclúan innovacións, con circuítos eléctricos e electrónicos, que axuden a conseguir un futuro más sosible.
Os requisitos do produto son:
- Que poida almacenarse nunha caixa de folios estándar (30 cm x 22 cm x 11 cm).
- Que inclúa un xerador de electricidade que funcione con enerxía renovable e que sexa capaz de encender un LED.
- Que integre polo menos un circuíto electrónico que axude a sostibilidade. O alumnado pode elixir algunha destas opcións:
a) Un circuíto que axude a optimizar o consumo de auga mediante un sensor que detecte humidade nun terreno regable.
b) Un circuíto que detecte cando é de noite e accione automaticamente o alumado urbano.
c) Calquera outro circuíto electrónico que axude a conseguir un futuro máis sostible.
Enfoque multinivel do reto
Contémplanse diferentes camiños e opcións para acadar o reto proposto. Por exemplo:
- O alumnado pode elixir o tipo de xerador que vai construír (no REA propóñense 3 alternativas diferentes).
- Tamén pode escoller o tipo de circuíto electrónico a montar.
- Por último, dáselle a opción de montar máis de un circuíto que axude a conseguir un futuro máis sostible.
Por outra banda, os circuítos que se propoñen no REA se describen con dous niveis diferentes de dificultade.