Metodoloxía
Este REA é un recurso que forma parte e está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal.
Dende o punto de vista metodolóxico, este REA presenta un carácter eminentemente práctico e cun enfoque competencial, sendo fundamentalmente activo e participativo e favorecendo a combinación do traballo individual e cooperativo na aula.
O eixe vertebrador é a resolución de problemas relacionados coa vida cotiá e a contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe. En definitiva, busca un enfoque:
- Personalizado: búscase a relación cos coñecementos previos do alumnado e propóñense actividades multinivel.
- Significativo: propíciase que o alumnado constrúa os seus propios coñecementos, é dicir, aprenda ao tempo que aprende a aprender, e interiorice as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
- Funcional: búscase a transferencia do aprendido a situacións reais do alumnado.
O alumnado terá a oportunidade de levar a cabo determinadas tarefas mentres explora, descobre, experimenta, aplica e reflexiona sobre o que fai, o que favorecerá a súa implicación no proceso de aprendizaxe e fará que este sexa máis significativo e duradeiro. Promoverase a participación do alumnado, resaltando o traballo colectivo como forma de afrontar os desafíos e os retos tecnolóxicos que propón a nosa sociedade para reducir a fenda dixital, contribuíndo á desaparición de estereotipos que dificultan a adquisición de competencias en condicións de igualdade.
Entre os aspectos metodolóxicos aplicados neste REA, que siguen as liñas da materia de "Tecnoloxía e Dixitalización", destacan:
- Aprendizaxe baseada en proxectos (ABP): o alumnado deberá resolver unha necesidade aplicando o proceso tecnolóxico de xeito colaborativo.
- Aprender facendo (learning by doing): o alumnado desenvolve habilidades dixitais que facilitarán a súa interacción co seu ámbito social ao longo da súa vida, manexando diferente software, cumprindo as normas de etiqueta dixital e as licenzas de autoría. Empréganse estratexias que promovan un uso eficiente, ético, seguro e crítico de diferentes aplicacións dixitais para diversas funcións como o deseño, a comunicación e a difusión de ideas ou solucións, especialmente destinada á comunicación do proceso tecnolóxico.
- Titoría entre iguais e aprendizaxe cooperativa: foméntase o traballo en parellas e pequenos grupos heteroxéneos ao longo da resolución do reto, mellorando e desenvolvendo as súas competencias mediante a colaboración e interacción entre iguais.
- Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA): empréganse distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe, así como a diversidade do alumnado, favorecendo a capacidade do alumnado de aprender por si mesmo de xeito individual e colectivo, guiándoo dende a resolución de situacións sinxelas ata situacións máis complexas e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.