Algoritmos en órbita
O REA "Algoritmos en órbita" está deseñado para que o alumnado de 2º da ESO leve a cabo un proxecto técnico completo, combinando deseño e montaxe dun escenario coa programación dun robot, o cal debe superar un itinerario de adestramento simulado antes de ser enviado ao planeta vermello.
O recurso propón unha situación de aprendizaxe cooperativa, estruturada a través das fases do método de proxectos. O alumnado deberá deseñar e construír unha maqueta para o adestramento dun robot explorador que precisará programar para que supere tres desafíos diferentes en lugares de interese tecnolóxico do planeta Terra. Estes desafíos estarán inspirados en retos reais que un robot podería atopar nunha misión espacial a Marte.
A estrutura do REA está organizada en diferentes bloques que seguen unha secuencia didáctica clara:
- Fase 1: motivación → Introdución ao reto e contextualización da misión espacial.
- Fase 2: coñecementos previos → Revisión dos coñecementos adquiridos previamente sobre sensores, actuadores, diagramas de fluxo e programación.
- Fase 3: conexión → Novos conceptos sobre outros sensores e actuadores, así como prácticas de programación por bloques guiadas.
- Fase 4: reto final → Deseño e construcción do escenario, programación do robot explorador, verificación do funcionamento, detección de erros e optimización da programación.
- Fase 5: difusión → Exposición e posta en común da solución levada a cabo por cada equipo, coavaliación e intercambio de itinerarios entre equipos.
Este recurso permite traballar desde unha perspectiva competencial, fomentando a aprendizaxe activa, a colaboración, a creatividade e a resolución de problemas. O alumnado non só desenvolve coñecementos técnicos sobre robótica, sensores e programación, senón tamén habilidades clave como o traballo en equipo, a comunicación efectiva ou o manexo de ferramentas dixitais.
Ademais, o REA ofrece unha gran flexibilidade no uso dos recursos tecnolóxicos, permitindo escoller entre diferentes placas e montaxes segundo a dispoñibilidade de cada centro educativo: Micro:bit ou Cyberpi, empregadas de xeito independente ou combinadas con Nezha ou mBot. Isto permite a integración deste recurso en realidades educativas moi diversas.
As diferentes fases do recurso foron elaboradas tendo en conta os principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). A información preséntase en distintos formatos (textual, visual, audiovisual), ofrecendo múltiples vías de representación, expresión e implicación, co obxectivo de chegar ao maior número de estilos e necesidades de aprendizaxe. Así mesmo, as actividades e o propio reto final son multinivel.
Este REA constitúe unha proposta motivadora e contextualizada que permite ao profesorado introducir a robótica e a programación desde unha narrativa inspiradora e transversal, conectando a tecnoloxía co coñecemento científico e co desenvolvemento das competencias.