Metodoloxía
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do cal forma parte este recurso.
Desde o punto de vista metodolóxico, "Algoritmos en órbita" aposta por unha aprendizaxe significativa e funcional, centrada na resolución de retos que conectan co mundo real e coas experiencias previas do alumnado, favorecendo a súa motivación e implicación e combinando traballo individual e cooperativo. A metodoloxía procura facer sentir a o alumnado parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, busca un enfoque que sexa:
- Personalizado: grazas ao enfoque multinivel que permite a cada grupo desenvolver un escenario espacial adaptado ao seu nivel de competencia, intereses e habilidades, así como a proposta de desafíos personalizados.
- Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
- Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión coa súa contorna, mesturando os coñecementos tecnolóxicos de robótica cos científicos relativos ás misións espaciais ao tempo que coñecen diferentes lugares de interese tecnolóxico.
O alumnado terá a oportunidade de levar a cabo determinadas tarefas mentres explora, descobre, experimenta, aplica e reflexiona sobre o que fai, o que favorecerá a súa implicación no proceso de aprendizaxe e fará que este sexa máis significativo e duradeiro.
Promoverase a participación do alumnado, resaltando o traballo colectivo para afrontar os desafíos e os retos tecnolóxicos que propón a nosa sociedade, contribuíndo á desaparición de estereotipos que dificultan a adquisición de competencias en condicións de igualdade.
Entre os principais enfoques metodolóxicos destacan:
- Aprendizaxe baseada en retos (ABR): o alumnado afronta o deseño e programación dun escenario espacial automatizado, no que un robot debe realizar tarefas determinadas mediante algoritmos, sensores e actuacións mecánicas. Este reto inclúe a construción física dun espazo ou maqueta, podendo integrar mecanismos, compoñentes electrónicos, deseño 3D ou pezas creadas coa cortadora láser, dependendo das decisións de cada equipo.
- Aprender facendo (learning by doing): o alumnado investiga, experimenta, deseña, constrúe, programa, proba e mellora os seus prototipos, vivindo un proceso tecnolóxico completo e realista. Esta metodoloxía favorece o desenvolvemento de habilidades técnicas, creativas e sociais, así como o dominio de ferramentas dixitais e tecnolóxicas. Empréganse estratexias que promovan un uso eficiente, ético, seguro e crítico de diferentes aplicacións dixitais para diversas funcións como o deseño, a comunicación e a difusión de ideas ou solucións, especialmente destinada á comunicación do proceso tecnolóxico.
- Titoría entre iguais e aprendizaxe cooperativa: promóvese o traballo en equipos heteroxéneos e a colaboración activa, tanto na repartición das tarefas como na toma de decisións, a resolución de problemas e a aprendizaxe entre compañeiros/as.
- Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA): o recurso contempla distintas formas de acceso á información, representación do coñecemento e expresión dos resultados, permitindo adaptar o proceso aos distintos estilos e ritmos de aprendizaxe. Inclúense propostas multinivel, recursos variados, soportes audiovisuais e materiais accesibles que aseguran a participación de todo o alumnado.
Esta metodoloxía permite un proceso de aprendizaxe contextualizado, dinámico e inclusivo, no que o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe.